O Centro Gallego de Bos Aires adía a súa venda para ter garantías sanitarias e de protección do patrimonio

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires Dominio Público Praza Pública

A venda parece asumida, pero tanto o comprador como os socios esixen unhas condicións para confirmar un mal menor para a colectividade galega na Arxentina e para un país que ten no Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) un patrimonio cultural e un legado histórico incalculable. A asemblea celebrada este xoves na entidade quedou en receso (pasou a "cuarto intermedio", en termos xudiciais arxentinos) e foi adiada ao vindeiro 24 de abril á espera de que o interventor xudicial detalle ese día os pasivos e débedas da entidade e a institución acorde a proposta que presentará ao grupo Ribera Salud e á Fundación Favaloro para encetar as negociacións.

A decisiva asemblea adíase ao 24 de abril á espera de que o interventor xudicial informe con detalle dos pasivos do Centro

Así o decidiu a asemblea de representantes de socios do CGBA, que debía este xoves aprobar as contas dos exercicios entre 2012 e 2017, asumir o importante burato económico da entidade e dar así o visto e prace á venda do histórico edificio e da súa xestión sanitaria. Non se fixo, pero farase se o vindeiro martes 24 de abril a intervención xudicial, representada por Martín Moyano, cumpre coas condicións postas polas seis agrupacións con representación no Centro e logo de que as anteriores, expresadas na asemblea do pasado decembro, fosen rexeitadas polos posibles compradores

Os socios reclaman ao interventor que informe con detalle de cales son os pasivos e débedas do CGBA e que se asegure que coa venda o Centro "quede indemne" de calquera débito, así como a mutual, institución que quedará en mans dos socios para labores de acción social e de xestión do patrimonio cultural e que debera reiniciarse libre de calquera carga económica tras o pagamento das empresas interesadas. Ao tempo, facúltano para que negocie a redución da débeda que se mantén co Estado, así como a aplicación da maior quita posible. 

Os socios esixen aos posibles compradores que se cancelen todas as débedas, un lugar físico para o patrimonio cultural e a cobertura médica para os 5.000 socios

Tamén solicitaron que dentro do acordo que presente o grupo Ribera Salud e a Fundación Favaloro se aclare cal será a prestación sanitaria dos algo menos de 5.000 socios que aínda ten o CGBA e a data exacta na que comezarían a percibilos. Como aclarou Aída Díaz, representante de Unión Gallega e portavoz de todas as agrupacións, de cumprirse as condicións expresadas até agora, os socios serían "os parvos que pagarían cotas sen percibir nada a cambio nin ter data certa de cando". 

Ao tempo, os asociados --na súa maioría galegos ou descendentes de galegos-- reclaman que os posibles compradores detallen cal será o lugar físico que a mutual do Centro recibiría para gardar, xestionar e preservar todo o patrimonio histórico, que inclúe importantes obras de arte, unha enorme biblioteca, fonoteca e un relevante arquivo. 

Segundo os socios, a propia Fundación Favaloro expresoulles que o seu interese, xunto a Ribera Salud, pola compra do emblemático edificio segue vixente e que "tratarían de asegurar aos socios a súa cobertura sanitaria". Pero tamén que lles pon como condición aos asociados que obteñan "unha definición clara dos pasivos" do Centro. "Entenden que non queiramos vender con débedas, pero eles queren saber con detalle cal é a situación", explicou no Teatro Castelao Díaz, que lembra que os asociados levan seis anos, desde que comezara a intervención, sen coñecer as contas. 

Fóra, no mesmo edificio, máis dun milleiro de socios seguían a asemblea a través dunha pantalla xigante entre protestas, as de galegos e descendentes de galegos que de devecen por unha solución para un Centro que acumula unha débeda de máis de 70 millóns de euros e que leva tempo sen achegar a cobertura médica necesaria aos seus asociados e sen cumprir o propósito principal co que naceu. Parece claro que acabará habendo venda, pero os fillos e netos daqueles que crearon a obra buscan asegurar unhas condicións aceptables que Ribera Salud semella disposta a aceptar. 

Porque o Centro Gallego é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos. Como testemuña do que supuxo, medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor. Todo iso estaría tamén en risco se a imposibilidade dun acordo supuxese a liquidación dunha entidade con 111 anos de historia. 

Socios do CGBA seguen unha asemblea Dominio Público @asambleaCGBA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.