O Centro Gallego de Bos Aires gaña tempo e evita a súa liquidación

Socios do CGBA seguen a asemblea por unha pantalla xigante Dominio Público @asambleaCGBA

A decisión sobre a venda do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) volve adiarse. Desta vez, ata o vindeiro 8 de maio, logo dunha nova asemblea na que os representantes dos socios aceptaron a solicitude da intervención da entidade de aprazamento para poder así pechar as negociacións que mantén coa Facenda arxentina. O obxectivo destas conversas é conseguir do Goberno arxentino as "quitas" necesarias que garantan que a operación de venda da história institución deixa libre de débedas tanto aos compradores --o grupo investidor formado por Ribera Salud e a Fundación Favaloro-- como ao vendedor, o CGBA, que quedará como unha asociación mutual máis da Arxentina, reducida case en exclusiva á actividade cultural e á salvagarda do enorme legado histórico e artístico que garda da emigración galega. 

Os socios aceptaron o adiamento da decisión para que o interventor remate as conversas coa Facenda arxentina e deixe libre de débedas a compradores e vendedor

Será o mal menor para un Centro Gallego en enorme crise, con máis de 70 millóns de euros de débeda, pero que finalmente non irá á creba nin será liquidado. Así o aseguran a Praza.gal fontes coñecedoras da negociación, que aclaran que Goberno arxentino, Ribera Salud e Fundación Favaloro e máis o propio CGBA "traballan en varias direccións" que evitarían a fin definitiva da entidade. É a dificultade para cancelar a gran débeda, que non se cubriría nin coa oferta de preto de 50 millóns de euros que hai sobre a mesa polo histórico edificio, e a necesidade de tempo para amañar a situación a que impide que a operación se confirme pero non que se dea por segura xa. 

O Centro Gallego gaña tempo para reducir débedas co Estado e impedir calquera posibilidade de creba e liquidación

O aprazamento da decisión final --que podería non ser o único-- foi aceptado por unanimidade polos 32 representantes dos socios, que deron o visto e prace tamén a autorizar ao interventor da sociedade, Martín Moyano, a presentar o acordo preventivo extraxudicial que permita "homologar o total do pasivo que o Centro Gallego ten en sede xudicial", unha das condicións imposta por Ribera Salud e Favaloro. 

Estes foron dous dos aspectos que o interventor reclamou ter solucionados para poder "concretar a operación" de venda. O terceiro é asegurarse o apoio do Goberno arxentino para permitir a saída de persoal do hospital a través dun plan de retiro voluntario, que xa se está implementando, e co que se consiga o obxectivo de "non xerar nova débeda fiscal". Así, explicou que en abril acolléronse a este plan e marcharon arredor dun cento de empregados, mentres que calcula que entre 200 e 300 maís marcharán en maio, ademais doutro cento que se xubilará. Xa que logo, o CGBA reducirá o seu cadro de persoal á metade, quedando en entre 300 e 400 efectivos, e reducirá a súa masa salarial bruta mensual dos 1,8 millóns de euros a algo menos de 1 millón. 

A entidade reducirá nuns meses á metade o seu cadro de persoal, que quedará en entre 300 e 400 traballadores

Con este conxunto de medidas, a intervención do CGBA trata de asumir as peticións de Ribera Salud e a Fundación Favaloro para a venda, así como cumprir coas esixencias dos socios. De feito, Martín Moyano advertiu de que, logo de varios meses sen achegar todos os servizos sanitarios máis aló dos dos doentes máis graves, xa se están a reabrir consultas externas e a retomar prestacións sanitarias que, de feito, poderían ser asumidas xa pola propia Favaloro noutras instalacións fóra do Centro. "A institución non debería permanecer coas súas portas pechadas durante máis tempo, máis aló de que as negociacións para a venda cheguen a bo ou mal porto", dixo. 

Respecto da situación que se afronta agora, Aída Díaz, representante de Unión Gallega e portavoz de todas as agrupacións de socios, celebrou que por fin teñan "información sobre o persoal e a atención aos asociados" e insistiu en que estes galegos e descendentes de galegos non queren "quedar con pasivo" ningún na asociación mutual que recollerá a actividade cultural e o legado cultural da institución. "Queremos garantir que o que quede como asociación quede saneada, en memoria dos nosos predecesores, e que non caia en quebra", asegurou, antes de pedirlles aos xestores do CGBA que "traten de paliar a desesperación na que están os socios, que igual non teñen enfermidade terminal pero si necesidades médicas que atender". A cobertura dos aínda asociados semella garantida. 

"Queremos garantir que o que quede como asociación quede saneada, en memoria dos nosos predecesores, e que non caia en quebra", din os representantes dos socios

Ao igual que na anterior asemblea, centos de socios seguiron o seu discorrer no mesmo edificio a través dunha pantalla xigante na busca de solucións para o histórico Centro Gallego. A entidade é moito máis que os seus 34.000 metros cadrados, as seis plantas e os dous sotos. Como testemuña do que supuxo, medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor. Todo iso estaría tamén en risco se a imposibilidade dun acordo supuxese a liquidación dunha entidade con 111 anos de historia. Todo fai indicar que esa non sería en ningún caso a saída e si unha venda que, como única solución, permita salvagardar o seu legado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.