O CES alerta do desembarco da sanidade privada nas prestacións do Sergas

Feijóo e Porro, ante o plenario do CES © Ana Varela

O Goberno galego ten en pleno trámite a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria, a norma nacida, segundo o presidente da Xunta, da súa propia "convicción persoal" e que o Executivo presenta como a garantía da fin das demoras excesivas para acceder a unha consulta ou a unha intervención cirúrxica, entre outros servizos. Como adiantou Praza Pública, entre os aspectos que máis preocupan a amplos sectores da sanidade galega está o precepto segundo o cal "o paciente" que non reciba "unha oferta para ser atendido no tempo máximo establecido" poderá "acudir a un centro privado da súa elección" e despois a Xunta devolveralle os cartos "de acordo coas tarifas que se establezan". Ás voces alarmadas por este traspaso de doentes á privada únese agora o Consello Económico e Social (CES).

O órgano consultivo que preside Corina Porro, no que están representados organizacións sindicais, empresariais, as tres universidades e colectivos do tecido cultural e socioeconómico do país, vén de emitir o seu preceptivo ditame sobre a lei impulsada por Feijóo e o documento é, na súa maior parte, unha dura reprimenda aos plans gobernamentais. Entre os aspectos que máis alarman o CES está, precisamente, o "cambio cualitativo no actual modelo sanitario" que traerá consigo a norma. O Consello non o dubida: a nova lei "impulsa un sistema mixto, caracterizado por unha maior presenza da provisión privada". "A proposta transcende, con moito", di o ditame, o establecemento de "garantías" de tempo de atención, " e a súa dimensión social e económica faina merecente dun debate específico e expreso que leve a un consenso social".

O CES coida que a Xunta se dispón a instaurar un modelo sanitario "mixto, caracterizado por unha maior presenza da provisión privada"

Neste contexto, o CES lanza críticas e observacións tanto de forma coma de fondo. Así, de inicio, considera "necesario que o anteproxecto determine a natureza do dereito a acudir a un centro privado", especificando se a persoa usuaria terá que realizar "algún tipo de comunicación" previa ao Sergas ou se debe "mediar denuncia previa do incumprimento" do tempo máximo establecido. Se o cidadán ou cidadá opta pola privada o ditame sinala que "debería ser resarcido, cando menos, coa totalidade do desembolso que realizase para custear a intervención" e "non conforme a unhas tarifas cuxo contido se descoñece (...) e que mesmo puideran supoñer, de facto, unha limitación ou mesmo anulación da garantía conferida ao usuario, no caso de que as contías (...) previstas se desviasen sensiblemente do custo das intervencións". Ademais, abonda, a Xunta "debería ter en conta criterios" que "garantan que aqueles pacientes con menos recursos" poidan ter o mesmo dereito.

Imposible de aplicar cos recursos actuais

Xunto ás críticas a aspectos concretos o Consello Económico e Social chega a dubidar das posibilidades reis de que a lei poida chegar a ser aplicada, e aquí pon o acento, novamente, no papel do sector privado. Dados os "datos actuais dispoñibles" no referido a listas de espera, os "obxectivos fixados pola lei" -atención en 60 días en intervencións cirúrxicas, 45 días para consultas externas e os mesmos 45 nas "probas diagnósticas e/ou terapéuticas"- "só se poderán acadar, xunto coa mellora na xestión pública, acudindo de xeito xeneralizado á provisión privada, xa sexa programada ou acudindo ao reembolso". "Dada a importancia deste cambio de modelo e as súas consecuencias económica, o CES entende que non debe ser asumido como un simple efecto indirecto derivado dunha lei de garantía de prestacións sanitarias", indica o documento.

O Consello dubida do "alcance real" da lei e advirte de que, para cumprila, cómpre "unha importante inxección de recursos económicos, técnicos e humanos"

Así e todo, o CES non chega a ver realizable o contido da lei nin sequera coa intervención privada, chegando a cuestionar "o alcance real" das disposicións que proxecta o Goberno "e o significado que, na práctica, terán para os usuarios do sistema público de saúde, sobre todo se atendemos ás continuadas referencias a un posterior desenvolvemento regulamentario". En calquera caso, "a magnitude do compromiso de redución dos prazos de atención fai que non sexa factible a súa consecución, mesmo a medio prazo, sen unha importante inxección de recursos no sistema, económicos, técnicos e humanos". Dado o "contexto económico recesivo" e "atendendo o volume de recursos destinado a atención sanitaria", o CES ve "imprescindible o acompañamento dunha memoria económica que garanta a viabilidade financeira da lei".

Á "falta de determinación" súmase ademais, reprocha o Consello, a "pouco afortunada redacción dalgúns preceptos". Este pode ser o caso, por exemplo, do artigo 4, no que se regulan as persoas beneficiarias da norma e no que o CES considera que debe ficar claro que "o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos (...) debe ser de cobertura universal". Noutros casos, nos que si hai maior concreción, o ditame considera que a lei non amplía, senón que reduce dereitos. É o caso, por exemplo, da "garantía de segunda opinión médica": "non existe xustificación para modificar os termos do vixente decreto", promulgado polo bipartito en 2007, "xa que este inclúe un catálogo de dereitos máis amplo que os recollidos no texto do anteproxecto, que empeora as garantías conferidas ás persoas usuarias", subliña.

O ditame insta a Xunta a corrixir tamén os seus erros ortográficos e lingüísticos

Os casos en que os doentes poden perder as garantías de acceso ás prestacións nun tempo determinado ou a achega de información só por Internet en determinados casos son outras das críticas formuladas nun informe no que o CES insta a Xunta a corrixir as súas formulacións mesmo no ámbito redacciónal. "Recoméndase unha revisión ortográfica e lingüística do texto do anteproxecto ao detectarse numerosos erros", alerta o Consello. Entre outros, "na exposición de motivos existe unha falta de concordancia entre a estrutura da lei anunciada" e "a numeración que figura no corpo do texto", unha lei de 1986 é datada en 1996, "utilízanse as letras 'j' e 'k', que non forman parte do alfabeto galego" e o "masculino xenérico" é empregado de xeito "xeneralizado ao longo do texto".

Feijóo e Porro, ante o plenario do CES © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.