O CIS prevé que o PPdeG perda 5 escanos e a entrada no Congreso de En Marea e Ciudadanos

Estimación de escanos para Galicia segundo o CIS CC-BY-SA Praza Pública

O CIS lanza definitivamente a campaña do 20-D. A poucas horas do inicio formal da carreira dos comicios o estudo preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas augura unha importante reconfiguración do Congreso dos Deputados, onde o PP seguiría sendo a forza con máis representación, aínda que con 16 puntos menos e unha caída duns 60 escanos a respecto de 2011. A segunda forza seguiría sendo o PSOE, seguido moi de cerca por Ciudadanos e con Podemos a moita maior distancia. En Galicia o PPdeG seguiría sendo a primeira forza, pero cunha notable caída mentres emerxen En Marea e Ciudadanos.

Atendendo á distribución dos escanos prevista polo CIS, que en 2011 atinou completamente a respecto do resultado galego, os de Feijóo e Rajoy perderían en Galicia 5 dos seus escanos, ficando en 10. O PSOE, que agora ten 6, tería un deles en risco. Mentres, o resto de escanos experimentarían un notable reordenamento: En Marea lograría representantes nas catro circunscricións e tería entre 5 e 6, mentres que Ciudadanos lograría 2.

O PP manteríase como primeira forza política do Congreso seguido por PSOE e Ciudadanos

As provincias da Coruña sería a de maior descenso en escanos para os populares, onde perderían 2, mentres que deixarían de obter un escano nas outras tres circunscricións, quedando con 3 en Pontevedra, 2 en Ourense e outros tantos en Lugo. Pola banda do PSdeG o seu resultado en escanos sería moi semellante ao de 2011, cando obtiveron 6. Desta volta serían entre 5 e 6, estando en risco o segundo escano dos socialistas por Pontevedra. 

Das novas formacións que obtería un maior éxito en canto a escanos sería En Marea: a coalición que agrupa a Anova, Podemos e EU co apoio dalgunhas das plataformas municipais podería, segundo este inquérito, obter 2 escanos pola Coruña e entre 1 e 2 por Pontevedra, ademais de cadanseus escanos por Lugo e Ourense. Ciudadanos, pola súa banda, aspiraría a senllos escanos polas provincias atlánticas. NÓS-Candidatura Galega non obtería representación, segundo o CIS.

Nova configuración do Congreso, segundo o CIS CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.