O Colexio de Xornalistas ve "un atropelo á liberdade de expresión" a entrada da policía en 'Público'

Fernández Díaz e Rajoy, nun acto de campaña © PPC

O Colexio de Xornalistas considera "un atropelo á liberdade de expresión" a entrada da policía no diario Público sen orde xudicial solicitando as gravacións que implican o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, nunha suposta conspiración contra políticos independentistas cataláns. 

Nun comunicado, a xuta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) expresa o seu "total e incondicional apoio aos compañeiros do diario Público" logo de coñecer que dous axentes da Comisaría Xeral da Policía Xudicial entraron na tarde de este pasado venres na redacción do xornal para solicitar as devanditas gravacións. 

O CPXG cre "inadmisible, inxustificado e impropio dun Estado de dereito o xeito de actuar da policía"

Para o CPXG é "inadmisible, inxustificado e impropio dun Estado de dereito o xeito de actuar da policía" e demanda ao Goberno central en funcións "unha explicación pública do ocorrido". Asemade, lamentan "ter que poñer os acentos, en xornada de reflexión electoral, no que consideramos é unha merma da calidade democrática" en España.

Tal e como explicou o propio diario Público, axentes policiais visitaron a sede do diario no centro de Madrid, tres días despois de que Jorge Fernández Díaz anunciase a apertura dunha investigación polas polémicas gravacións sobre os seus plans para desprestixiar políticos cataláns. Nesas conversas gravadas, o ministro e o director da Oficina Antifraude de Catalunya, Daniel de Alfonso, conspiraban contra líderes de formacións independentistas. 

O mércores, un día despois de que o diario dese a coñecer a primeira parte da serie de exclusivas, o ministro en funcións anunciou que ordenara o comisario xeral da Policía Xudicial para pescudar as "circunstancias concorrentes" na apertura dunha investigación, aínda que non foi ata o pasado venres cando os axentes requiriron as gravacións completas. 

Fernández Díaz, este martes © PPC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.