O Colexio Oficial de Traballo Social ve deslexitimada a proposta de reforma da Administración Local

A presidenta do COTSG, nunha reunión coa conselleira de Benestar © COTSG

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vén de manifestar a través da súa presidenta, Juana María Tubío Ordóñez, a súa “satisfacción” porque o Consejo de Estado “refrendara un por un”, os puntos do informe El trabajo social ante la reforma de la Administración Local, elaborado polo Consejo General del Trabajo Social e rexistrado no Congreso dos Deputados no pasado mes de abril. O COTSG ten manifestado a súa oposición a este anteproxecto de lei, “que, entre outras cousas, potencia a xestión privada, canto todos sabemos que o privado non ten porque ser máis barato que o público, como se demostrou co sistema sanitario” advirte Tubío Ordóñez.

Neste sentido, a presidenta insta ao Goberno a que revise o texto da reforma, tras o ditame do Consejo de Estado, xa que, entre outras cousas, “o aforro pola retirada das competencias municipais en materia de Educación, Sanidade e Servizos Sociais será manifestamente menor ao previsto”, ademais de que esta reforma elimina o concepto integral de servizos sociais, que se traballou nos últimos 40 anos desde os concellos.

O propio Consejo de Estado recoñece que a asunción dos servizos sociais polas Comunidades Autónomas, pode en certos casos supor para elas un custe adicional “que non todas están en condicións de sufragar”. De igual xeito, indican dende o COTSG, acabarase cun dos valores máis destacados da rede municipal de servizos sociais, que é a proximidade coas familias. “A cidadanía cando ten un problema vai á porta de entrada dos servizos sociais, aos concellos dende fai 40 anos, non vai á Deputación ou ás Comunidades Autónomas. Esta reforma é centralizadora e é un ataque contra a autonomía e a soberanía local, ademais de ir contra as tendencias europeas que propugnan servizos sociais de proximidade”, subliña a presidenta.

Outro aspecto a ter en conta do anteproxecto é o seu "carácter asistencialista", unha concepción que afasta os servizos sociais das concepcións garantistas do Estado de Benestar

Dende o COTSG tamén se lembra que o anteproxecto de Lei que considera o goberno “entra en claro conflito co Estatuto de Autonomía de Galicia, que establece a competencia exclusiva en réxime local e servizos sociais”. Outro aspecto a ter en conta do anteproxecto é o seu "carácter asistencialista", unha concepción que afasta os servizos sociais das concepcións garantistas do Estado de Benestar que acadaran en España e regresan a formas benéficas e asistenciais, como se reflicte na mesma terminoloxía utilizada.

A presidenta do COTSG, nunha reunión coa conselleira de Benestar © COTSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.