O Concello coruñés retomou a un mes das eleccións un contrato de 3 millóns que recorreu Véndex

Negreira e a edil de cultura (esquerda) no Ágora, un dos edificios aos que atinxe o contrato © Concello da Coruña

A finais de novembro de 2014 o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), ente público que xestiona parte da programación e instalacións culturais da cidade, puxo en marcha a licitación do seu contrato de servizos complementarios -billeteira, técnicos e amodación, entre outros-, do que viña sendo adxudicataria a empresa Sermasa, filial do grupo Véndex, tanto co goberno do PP -a anterior adxudicación data de 2012- como co anterior -tamén o obtivo en 2008-. Aínda que a investigación do caso Pokémon sospeita que o IMCE foi escenario de presuntos delitos de desvío de fondos ou facturación falsa Véndex non só concorreu a este novo concurso, senón que recorreu as súas condicións e logrou paralizalo. A apenas un mes das eleccións municipais o Concello da Coruña reiniciouno.

Ese recurso de Véndex centrouse no punto 11 do prego de condicións do concurso, no que o Concello lles outorgaba ás empresas interesadas a posibilidade de introduciren melloras nas súas ofertas sen indicar especificamente sobre que "elementos" o podían facer. A empresa, que segundo os investigadores foi o núcleo da trama corrupta, acudiu ao Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, que en febreiro de 2015 lle deu a razón, anulando a cláusula recorrida e "o proceso de licitación levado a cabo ata o momento", segundo coñeceu o Consello Reitor do IMCE o 10 de marzo nunha xuntanza na que resolveu formalmente a "desistencia da licitación convocada".

A investigación da Pokémon sospeita que Véndex realizou prácticas irregulares dende o IMCE

O pasado 27 de abril, isto é, a menos dun mes das eleccións municipais, o IMCE reiniciou o proceso. Na súa calidade de vicepresidenta do instituto a concelleira de Cultura, Ana Fernández, puxo en marcha unha nova licitación por idéntico importe, 780.108 euros como máximo anual que poden chegar aos 3,09 millóns máis IVE como valor estimado, "tendo en conta a súa duración, as posibles prórrogas e modificacións do mesmo". A duración do contrato será dun mínimo de dous anos polo que abranguerá, cando menos, a metade do mandato do goberno que saia das urnas o 24-M.

Véndex recorreu as condicións do contrato do primeiro concurso, que tivo que ser anulado o pasado marzo

Dado que o anuncio do novo concurso foi publicado no Boletín Oficial da Provincia do pasado xoves as empresas interesadas no concurso teñen de prazo para achegar as súas ofertas ata o vindeiro día 12, isto é, xusto o día antes da constitución da nova corporación municipal, que como en todo o Estado se celebrará o día 13 a non ser que existan recursos contra o resultado electoral. Despois da presentación das ofertas a mesa de contratación terá ata tres meses para resolver un contrato cuxas condicións foron redactadas polo actual goberno pero que, obviamente, condicionará o vindeiro, que tería escasa marxe de manobra se, por exemplo, quixese realizar o contrato doutro xeito ou valorase a posibilidade de prestar este servizo directamente dende o Concello.

Unha actuación "inaceptable"

Ferreiro: "Unha vez máis, en período electoral o goberno saca a licitación a xestión privada dun servizo público"

A primeira reacción a esta operación do Concello coruñés chegou este venres dende a Marea Atlántica. "Alén da legalidade formal", para o candidato da plataforma á alcaldía, Xulio Ferreiro, esta resulta unha "actuación inaceptable". "Unha vez máis -lamenta Ferreiro- en período electoral o goberno saca a licitación a xestión privada dun servizo público", neste caso, ademias, despois de que o anterior proceso fose "anulado por razóns como a discrecionalidade e a falta de transparencia" que, di, son " comúns á maioría de contratacións deste goberno do PP".

Asemade, Ferreiro subliña que este novo proceso de contratación "tampouco inclúe" elementos que "a Marea leva no seu programa e considera imprescidible". Así, detalla, a futura xestión destes servizos do IMCe tampouco terá en conta "cláusulas de valoración social, como a estabilidade no emprego" ou "a igualdade de xénero".

Negreira e a edil de cultura (esquerda) no Ágora, un dos edificios aos que atinxe o contrato © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.