O Concello da Coruña municipaliza as bibliotecas en mans de Eulen

Biblioteca municipal na Coruña © Concello da Coruña

O Concello da Coruña remunicipalizará a rede de bibliotecas da cidade. Este servizo, agora nas mans da empresa Eulen logo da concesión levada a cabo durante o anterior goberno do PP, pasará a ser xestionado pola administración local, tal e como adiantou este xoves o alcalde Xulio Ferreiro, que avanzou que prevé que se aforrará medio millón de euros.  

O goberno local municipalizará cinco das oito bibliotecas municipais xestionados por Ence e di que aforrará medio millón de euros

Na actualidade, son cinco das oito bibliotecas da Rede Municipal as que están suxeitas a un contrato de prestación de servizos a través de Eulen e que supón un custo para o Concello de 2,3 millóns. O contrato finaliza o vindeiro 14 de novembro e desde o goberno da Marea Atlántica crese que é "unha boa oportunidade para recuperar a xestión pública de todas as bibliotecas municipais". "Por convecemento e tamén porque a actual situación de dualidade interfire na prestación do servizo, ao facer máis complicada a xestión das bibliotecas, e tendo en conta que, segundo os nosos estudos, coa municipalización se conseguiría un aforro de máis de 500.000 euros”, dixo. 

O anuncio desta municipalización chega poucos meses despois de que Aduanas acudise ao Concello a incautar documentación de 2012 relacionada co contrato de servizos complementarios das bibliotecas da cidade que fora adxudicado daquela a Eulen por máis de 2 millóns de euros. A irmá do presidente da Xunta, Micaela Núñez Feijóo, é apoderada desta compañía, sobre cuxas concesións preguntou a oposición varias veces.

Aduanas incautouse hai uns meses de documentación relacionada cos servizos complementarios das bibliotecas adxudicados a Eulen

Xulio Ferreiro lembrou ante os medios que a municipalización de servizos públicos xestionados por empresas privadas é un obxectivo do goberno local “sempre que se dean as condicións necesarias” e que o proceso que se iniciará este venres coa aprobación do inicio do expediente por parte da Xunta de Goberno local “ten un carácter pioneiro en todo o Estado”. “Esta actuación está fundamentada na necesidade de que os servizos esenciais dunha cidade teñan unha xestión pública”, engadiu.

O cadro de persoal, dunhas 60 persoas, será subrogado e pasará a depender directamente do Concello

O cadro de persoal destas bibliotecas, arredor dunhas 60 persoas, será subrogado e pasará a depender directamente do Concello. Segundo explicou Ferriro, tanto a asesoría xurídica do Concello como o departamento de Culturas "levan meses traballando neste asunto" e, como resultado, tense "un informe xurídico impecable" para poder dar inicio ao procedemento. Ademais, pediu "a axuda de todos e todas, tamén dos grupos municipais do pleno", aínda que lembrou que "xa se manifestaron máis dunha vez en favor da municipalización de servizos".

 

Santiago avanza na municipalización da ORA

O anuncio da municipalización da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña. chega logo de que, finalmente, e estudadas as dificultades contratuais e técnicas, o goberno local non fose quen de de abordar aínda a remunicipalización do servizo da ORA. 

En Santiago, o goberno de Compostela Aberta xa encargou a finais do pasado mes de maio á empresa Tussa un estudo sobre a viabilidade de asumir a xestión directa da ORA e do guindastre. "Un novo paso -segundo definiu Concello- de cara á municipalización deses servizos públicos, despois de que os informes económicos e xurídicos encargados polo executivo local avalaran esa posibilidade". 

A concesión da ORA e do guindastre fora anulada en outubro por unha sentenza do TSXG, polo que o goberno local optou por estudar a vía da municipalización e encargou os informes económicos e xurídicos necesarios. Ademais, modificou o obxecto social da sociedade mercantil Tussa, para que puidera prestar os servizos. Neste tempo, foi preciso prorrogar o contrato coa empresa adxudicataria, Setex Aparqui, para garantir o mantemento do servizo, aínda que a prórroga actual remata xa a finais de xullo.

Biblioteca municipal da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.