O Concello de Ourense réxese dende hai case media década polos mesmos orzamentos, os aprobados en 2014 polo goberno municipal que daquela rexía o PSdeG en minoría. A correlación de forzas do actual mandato impediu polo momento a actual goberno, do PP, aprobar as súas primeiras contas. Isto non impide, así e todo, que o Concello teña que desenvolver os diversos trámites de control das finanzas municipais, como a adecuación ás regras de gasto impostas polo Goberno de España. Nunha desas avaliacións técnicos municipais constataron que o Concello perdeu case un millón e medio de euros en financiamento da Xunta para a axuda a persoas en situación de dependencia.
O pasado 25 de xuño o servizo de Benestar Social deixou constancia ante a Intervención municipal desta circunstancia. Nesta comunicación, á que tivo accceso Praza.gal, sublíñase que na liquidación do exercicio 2017 os custos do Servizo de Axuda no Fogar do Concello "deberíase estimar financiado coas achegas da Xunta". No caso do financiamento que chega "a través da lei de dependencia", dos 2,7 millóns de euros de custo total, os fondos autonómicos ascenderían a 1,9 millóns. Pero esa subvención non vai chegar íntegra por mor do atraso no pagamento de facturas durante a metade dos meses de 2017.
Para cobrar integramente os 1,9 millóns previstos para financiar a axuda no fogar con fondos da Xunta o Concello tiña que pagar as facturas de 2017 antes de finais de abril de 2018
"A pesar da contía ingresada pola comunidade autónoma (...) para o ano 2017", explica o informe, en 2018 "a subvención a percibir para o serivzo de axuda no fogar a través da lei de dependencia verase reducida" en 1,5 millóns de euros. A razón, subliña, é que "non foi posible abonar as facturas correspondentes" de maio a decembro de 2017 "antes do 30 de abril de 2018" e esa era "a data tope para xustificar o gasto do exercicio de 2017". Por iso a "subvención real" queda en algo máis de 622.000 euros.
A mediados de 2017 o Concello ourensán quedou sen fondos para afrontar pagamentos de servizos sociais e o alcalde atribuíu o bloqueo á oposición por demorar a aprobación dunha modificación de créditos
Esta perda de fondos autonómicos culmina a situación desencadeada a mediados do pasado ano, cando o propio alcalde da cidade, Jesús Vázquez, admitiu que o consistorio quedara sen cartos na área de Servizos Sociais para financiar, entroutras áreas, a de axuda no fogar. Vázquez atribuíra daquela a responsabilidade desta "gravísima" situación ao bloqueo por parte da oposición ao que definiu como un "simple trámite administrativo", isto é, a aprobación en pleno dunha modificación de crédito que finalmente saíra adiante no mes de agosto daquel ano cos votos a prol do propio PP e mais de Democracia Ourensana.
É precisamente DO a formación que tras a perda dos fondos autonómicos carga contra o equipo municipal que encabeza o ex-conselleiro de Educación, ao que considera o "grupo de goberno máis inepto da historia de España". "Non é a primeira vez que suceden estas neglixencias, o Concello e a Deputación xa perderon millóns do plan EDUSI", entre outras achegas, polo que "este millón e medio de euros adicional é sangrante". O goberno do PP, pola súa banda, cualifica de "falsa" a acusación de DO porque "non existe requirimento" da Xunta ao Concello para "devolución de cantidade ningunha pola prestación do servizo de Axuda no Fogar". Efectivamente, ese requirimento de devolución non existe, porque o acontecido é que a subvención que chegará a Ourense será menor da prevista.