O 29 de setembro de 2011 o pleno do Concello de Santiago aprobaba dedicarlle unha rúa a Manuel Fraga, concretamente, a avenida de acceso á Cidade da Cultura. A proposta, conxelada durante a etapa do goberno de coalición de PSdeG e BNG pola oposición do Bloque, fora recuperada polo novo alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, e saíra adiante cos votos de populares e socialistas. Apenas dous meses despois, o 25 de novembro, o consistorio compostelán organizou un acto de inauguración que, lonxe de implicar unicamente o descubrimento dunha placa, incluíu toda unha montaxe e convites que supuxeron máis de 6.000 euros ás arcas municipais.
Segundo as facturas abonadas polo consistorio, ás que tivo acceso Praza Pública, o gasto daquel acto ascendeu, concretamente, a 6.771,44 euros. A factura de maior importe, de 3.953 euros, foi a dos "servizos varios" do acto, como "equipo de son e vídeo, cadeiras" e "enmoquetado do escenario" dende o que interviñeron, entre outros, Conde Roa e Alberto Núñez Feijóo. No entanto, o evento supuxo tamén que as arcas municipais sufragasen o "transporte e traslado de convidados e familia Fraga" ata a avenida en cuestión. Esta factura tivo un importe de 1.603,80 euros.
O custo da homenaxe ao expresidente da Xunta, exministro e presidente fundador do PP tivo aínda dous conceptos máis. A "fabricación, subministro e colocación" das letras de "aceiro inoxidable pulido" que lembran a Fraga na súa rúa custaron 743,40 euros e os "tarxetóns" que o Concello lles remitiu ás persoas convidadas á inauguración tiveron un custe de 471,24 euros.
Petiscos na toma de posesión de Conde Roa
Estes non son os únicos gastos de protocolo incluídos na relación de facturas do Concello da capital á que tivo acceso este diario, os cales tampouco se refiren unicamente á etapa de goberno do PP. Así, por exemplo, nesta documentación inclúese o pagamento de 1.890 euros polos petiscos servidos na toma de posesión de Conde Roa, acto que implicou, asemade, algo máis de 2.500 euros para alugar un equipo de imaxe e son e 1.770 máis en concepto de "equipo e técnico, pantallas, cadeiras e persoal de montaxe e desmontaxe". En total, algo máis de 6.200 euros.
O catering da toma de posesión do exalcalde do PP custoulle ao concello case 1.900 euros
O capítulo de catering, petiscos e xantares é amplo. Así, por exempo, unha das primeiras iniciativas impulsadas por Conde Roa, a solicitude de celebración na cidade da final da Copa Davis de tenis incluíu que as arcas municipais pagasen un "servizo de restauración" o 26 de xullo de 2011 por importe de 604,80 euros para negociar ese evento, que non chegou a celebrarse. Ese mesmo ano abonáranse tamén "15 comidas do alcalde", cando aínda ocupaba o posto o socialista Xosé Sánchez Bugallo, cun prezo total de 567 euros, e 1.474 euros por "trinta e nove xantares" de "representantes da cidade" co daquela ministro de Fomento, José Blanco, nun coñecido restaurante santiagués.
O consistorio sufragou "trinta e nove xantares" co exministro de Fomento por 1.400 euros
Por riba dos 1.000 euros estivo tamén o "servizo de catering" que, en marzo de 2012, foi servido durante unha recepción a presidentes e presidentas de parlamentos de varias autonomías e que custou 1.598 euros. Un importe semellante, 1.500 euros, foi os dos "100 aperitivos buffet" destinados a un acto sobre a Vuelta Ciclista España, en setembro de 2014. Un chisco máis barato, 1.257 euros, foi un "servizo catering-aperitivo" datado en xuño de 2014.
Recepcións e visitas en varios mandatos
Nesta ampla relación de facturas figuran tamén gastos que, co formato de xantar ou outros, abranguen recepcións e visitas en varios mandatos. Nesta liña, por exemplo, destaca que en novembro de 2007 o consistorio pagou 5.178 euros "polo servizo con motivo da reunión do comité confederal da UGT", ou 1.637 euros para pagar unha recepción a eurodeputados en abril de 2010.
A organización dunha xuntanza da UGT custoulle ao Concello algo máis de 5.000 euros
Aínda que por importes de menor contía, nestas facturas figuran tamén, por exemplo, 440 euros do "servizo de restauración" nunha recepción a unha asociación de "amas de casa", 600 euros de catering na presentación da Asociación de Veciños de Guadalupe, en setembro de 2011, 400 euros en "pinchos" na inauguración dun campo da festa en outubro de 2013 ou 98,84 euros dun "servizo de restauración do señor alcalde, don Ángel Currás", abonados en xuño de 2013.
No que atinxe a visitas de representantes políticos, de actualidade nas últimas semanas na cidade pola recepción ofrecida a alcalde e alcaldesas polo actual rexedor o pasado novembro, as facturas inclúen varios gastos. Entre eles están, por exemplo, 298 euros dun "xantar con deputados provinciais" en xullo de 2012 ou 267,50 dun "servizo de café durante a "visita do Grupo Parlamentario Socialista" ao Concello, en xullo de 2009.