O Concello de Santiago insta a Xunta a atender ao xuíz e "colaborar" na atención a persoas sen fogar

Rúa do casco vello compostelán frecuentada por persoas sen fogar © Concello de Santiago

O duro auto xudicial sobre a atención a persoas sen fogar axita a política municipal en Santiago. É na capital galega onde se produciu o caso no que o xuíz ve posibles "responsabilidades penais" da Xunta tanto pola "inxustificable dilación" en darlle resposta a un home sen teito con problemas de saúde e adiccións como por tentar internalo nun xeriátrico malia ter menos de 50 anos e non ser un centro de maiores o lugar no que debera ser tratado. Ante o teor do pronunciamento xudicial o goberno compostelán insta o Executivo galego, como xa fixera nos últimos meses, a "colaborar" neste eido.

O caso que deu lugar ao devandito auto, publicado este venres por Praza.gal, suscitara xa emprazamentos formais do Concello da capital cara á Xunta. Nomeadamente, dende a Concellería de Políticas Sociais, da que depende a Mesa de Coordinación na que as entidades sociais da cidade abordan a atención as persoas sen fogar e recursos como o "equipo de rúa" que funciona dende o pasado outono. Foi, nomeadamente, o pasado 10 de maio cando, en tres cartas dirixidas aos departamentos autonómicos agora sinalados polo xuíz, o Concello emprazou a Xunta á exercer a "corresponsabilidade" e mais a "coordinación"

Nesas misivas, dirixidas tanto a Política Social como a Sanidade, o Concello detalla que a persoa á que a Xunta non lle facilitou, segundo o xuíz, un centro axeitado, "volve vivir na rúa" despois de que o propio xulgado revogase a orde de internamento, seguindo as indicacións forenses. Este caso, indica a carta, é para o Concello só unha mostra da necesidade de que en Galicia se poñan en marcha accións incluídas na 'Estratexia Nacional Integral para Persoas sen Fogar", ao xeito das que xa funcionan "noutras cidades como Barcelona, Bilbao e Madrid". 

O Concello dirixiuse por carta ao Goberno galego para reclamar recursos como un centro de atención a persoas sen teito

Nomeadamente, o Concello compostelán solicita que a Xunta ecolabore economicamente "para a posta en marcha na área de Santiago dun centro integran de atención a persoas sen teito" que funcione as 24 horas. Ese centro, indica, podería situarse nun local cedido polo Goberno galego, preferentemente no centro da cidade. A "corresponsabilidade", debera tamén estenderse "á creación de programas e equipos profesionalizados" para traballar coas persoas sen teito e a "dotación de recursos residenciais de baixa esixencia e transición" que sirvan como paso previo a unha vivenda social.

Noutra das cartas, remitida á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago, cuxa actuación o xuíz tamén reprocha, o Concello solicita "a creación dun programa específico" de atención a persoas sen fogar. Este programa, indican, debera contar con "persoal sanitario" coordinado cos servizos sociais do Concello. Estes, sinala, son tamén proxectos que xa funcionan en Euskadi, Catalunya ou Madrid.

Respostas do alcalde e do PP

Noriega ve no "duro" auto a "evidencia" de que a Xunta debe colaborar

Estas reclamacións foron lembradas tras a saída á luz do auto por parte do alcalde de Santiago, Martiño Noriega. A xuízo do rexedor non cómpre interpretar a intervención xudicial como unha vía de darlle "a razón" ao goberno local, senón como a "evidencia de que a solución a un problema destas características" debe ser "integral" e chegar "do conxunto das Administracións". "Non vale buscar responsabilidades rápidas na Administración local, sobre todo cando está facendo esforzos facilmente demostrables", afirma. "O auto é moi duro", sinala Noriega, quen subliña que o propio xuíz "delimita" as competencias de cada Administración neste eido.

Tellado: "A actuación da Xunta foi correcta, non temos dúbidas"

Este venres producíase tamén reacción á intervención xudicial dende o PPdeG, no seu caso para avalar o xeito de proceder da Xunta. Segundo o secretario xeral dos populares, Miguel Tellado, Política Social e Sanidade achegarán ao xulgado "toda a información" para "demostrar que a actuación foi correcta". "Non temos ningunha dúbida", asegura. Estas afirmacións de Tellado producíronse apenas 24 horas despois de que o pleno compostelán aprobase, a proposta do goberno e co apoio de todos os grupos agás do PP, que se abstivo, unha moción para reclamar a implicación da Xunta neste mesmo eido.

Rúa do casco vello compostelán frecuentada por persoas sen fogar © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.