O 2 de xullo de 2010 a asemblea xeral do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar determinaba, cos votos da Xunta e dos concellos do PP, a "disolución" deste organismo creado en tempos do bipartito e a súa "integración" na futura Axencia Galega de Servizos Sociais. Por terceiro ano consecutivo os Orzamentos da Xunta para 2013 volven recoller esa previsión de peche, se ben seguen a reflectir as cifras coas que o ente integrado polo Goberno galego e 272 concellos funcionará durante todo un ano. Destes números é posible tirar diversas conclusións, entre elas que diminúe o peso dos cartos da Xunta no funcionamento ordinario do Consorcio mentres que sobe a importancia dos gobernos locais e tamén a dos cartos que saen do peto das persoas usuarias de servizos como centros de maiores, centros de día ou escolas infantís.
Unha ollada aos documentos orzamentarios entregados no Parlamento pola Consellería de Facenda a finais de 2011 e de 2012 permite observar que, malia á prevista disolución, o montante total de cartos que o Consorcio prevé ingresar sobe en case 4 millóns de euros, case os mesmos que prevía perder hai un ano. Así, para o exercicio económico que vén de rematar contaba con dispoñer de 60,4 millóns de euros e agora orzamenta un total de 64,4. Non obstante, hai diversas variacións nas achegas que conforman esa cantidade global. Así, a principal partida procedente da Xunta, as transferencias correntes, perde algo máis de 3 millóns, ao pasar de 41,9 en 2012 a 38,7 en 2013. Mentres, o orzamento prevé recibir unhas transferencias correntes das entidades locais por importe de 10,3 millóns, partida que en 2012 quedaba en 8,4 millóns.
As transferencias correntes da Xunta ao Consorcio pasan de 41,9 a 38,7 millóns de euros
Despois dun ano no que o Executivo autonómico tomou decisións como incrementar as tarifas das escolas infantís -a rede Galiña Azul- e mentres o Goberno central diminúe os fondos para a dependencia, estas operacións semellan ter xa o seu reflexo orzamentario. Así, o Consorcio estima que os seus ingresos por "taxas e prezos públicos", isto é, os pagamentos que realizan directamente os usuarios e usuarias do sistema ou as súas familias, van subir 235.000 euros, convertendo os 8,4 millóns de euros de 2012 en 8,6 millóns.
Neste contexto xeral de recortes resulta especialmente salientable o incremento dunha partida: a das transferencias de capital que o Consorcio recibe da Xunta, isto é, os cartos que lle achega o Goberno galego para realizar investimentos. Segundo as contas de 2013 a Administración Xeral da Comunidadde Autónoma achegaralle á entidade dependente de Benestar transferencias de capital por 6,6 millóns de euros. Segundo este mesmo documento, o organismo "estima" que recibiu 4,4 millóns por este mesmo concepto en 2012 e que tivo 3,4 millóns "reais" para investir procedentes da Xunta durante 2011. Non obstante, se os consultados son os orzamentos de 2012 obsérvase que daquela o Consorcio orzamentara só 930.000 euros de transferencias de capital da Xunta para 2012 e que "estimaba" que os fondos de 2011 quedaran en 5,9 millóns.
Menos do 5% do persoal do Consorcio se dedica estritamente a traballo burocrático
O Consorcio comeza a traballar con estas cifras nun ano no que prevé destinar 33,4 millóns de euros a gastos de persoal, uns 2 millóns menos que hai doce meses. Son as cantidades que se destinarán a pagar os salarios dun cadro de persoal que, segundo datos oficiais da Xunta, conta con 1.410 traballadores e traballadoras dos cales a maioría, 945, prestan servizos en escolas infantís. O resto distribúense entre a atención a persoas maiores (331), oficinas de I+B (49), os antigos centros Quérote (11) e un centro de atención a vítimas da violencia machista (8). A relación de postos de traballo do consorcio complétase con 57 persoas na oficina central e 9 na oficina técnica de obras, do cal se deduce que, malia ao afirmado pola Xunta ao inicio do primeiro mandato de Feijóo, menos do 5% do persoal se dedica estritamente a tarefas "burocráticas" e, polo tanto, a amplísima maioría dos traballadores e traballadoras realiza labor asistencial.