O Consorcio de Benestar que Feijóo quixo pechar remata a lexislatura con 1.400 traballadores

Asemblea na que o Consorcio aprobou a disolución © Ana Varela

"A súa xestión é pouco eficiente", "gasta máis en burocracia que en atención aos maiores", "marxina aos concellos", "a maior parte dos cartos destínanse á Administración e non á asistencia". Foron algunhas das sentenzas que Alberto Núñez Feijóo lle dedicou ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o 6 de marzo de 2009 ou, o que é o mesmo, na primeira rolda de prensa que ofreceu para expoñer os seus plans tras gañar as eleccións por maioría absoluta. Feijóo aseguraba que o Consorcio, creado pola antiga Vicepresidencia para xestionar servizos como escolas infantís ou centros de día, sería disolto e no seu lugar chegaría unha nova e mellor fórmula de xestión. Os trámites para disolver este ente e integralo na futura Axencia de Servizos Sociais comezaron, mesmo se decidiu formalmente a absorción, pero case catro anos despois o Consorcio sobrevive e mesmo amplía a súa estrutura, en centros e en persoal.

Menos do 5% do persoal está dedicado estritamente a tarefas burocráticas

Na actualidade, segundo datos oficiais da Xunta, a entidade dependente da Consellería de Benestar ten un cadro de persoal de 1410 traballadores e traballadoras, dos cales a maioría, 945, desenvolven o seu labor en escolas infantís -as antigas galescolas-. Os demais distribúense entre centros de atención a persoas maiores, con 331 postos de traballo, as oficinas I+B, que empregan a 49 persoas, os antigos centros Quérote -agora denominados Quérote+-, con 11 persoas e un centro de atención a mulleres vítimas da violencia machista, que ten un plantel de 8 persoas. Completan a relación de postos de traballo as 57 persoas da oficina central e as 9 da oficina técnica de obras. Polo tanto, a burocracia só se dedica estritamente o 4,6% do persoal.

A incerteza que paira sobre o futuro do propio organismo afecta moi directamente a estes traballadores e traballadoras e tamén aos que se poidan incorporar no futuro -hai servizos, como tres centros de día na Pobra do Caramiñal, Cerceda e Curtis que aínda non teñen persoal asignado-. Entre outros aspectos e malia ás múltiples mobilizacións desenvolvidas, aínda non lograron que se lles aplique o mesmo convenio colectivo que ao resto de persoal laboral da Xunta. Explícao Anxo Louzao, da CIG-Ensino, que en conversa con Praza Pública detalla que, co primeiro mandato de Feijóo xa expirado, "os traballadores e traballadoras seguen sen as mínimas condicións que debe ter calquera empregado da Administración", prestando "servizos tan importantes, como a atención á dependencina ou a prevención da violencia de xénero" a cambio de "salarios miserábeis" e sen estabilidade laboral.

O proceso de integración na Axencia de Servizos Sociais está "paralizado", segundo os sindicatos

"Ao PP os ataques ao Consorcio servíronlle para tirar réditos electorais", di Louzao, quen tamén ve esa mesma intención política tras a anulación da oferta pública de emprego que puxera en marcha o bipartito e que tiña como obxectivo "consolidar" os postos de traballo "de persoas que xa pasaran unha oposición". "Paralizouse debido á posición do PP" e agora o que está "totalmente paralizado", di, é o conxunto do plan para transformar a entidade nunha parte máis da Axencia Galega de Servizos Sociais, concibida tamén polo bipartito e que o actual Goberno asegurou que poría en marcha.

Sen novas da transferencia das escolas a Educación

Así as cousas, o único que mudou neste tempo foron algúns modos de facer, concretados, por exemplo, na decisión de privatizar a xestión de cinco escolas infantís -Galiñas Azuis- por 4 millóns de euros a comezos deste ano. Á marxe disto, e aínda que nos Orzamentos da Xunta para 2012 se reflectía que a xerencia do Consorcio está "facultada" dende 2010 para "disolver" o organismo e "integralo" na Axencia, apenas se deron pasos para concretar un proxecto que, por exemplo, tampouco era visto con bos ollos na Consellería de Facenda, ante a posibilidade de que, lonxe de ser unha medida de aforro, puidese traer consigo un incremento de gasto. Do mesmo xeito, o Goberno galego tampouco deu paso ningún para transferir a xestión das antigas galescolas á Consellería de Educación, se ben ao comezo da lexislatura o departamento de Jesús Vázquez aseguraba que o traspaso sería cuestión de meses.

Isto acontece nun contexto no que, mentres en 2012 a achega da Xunta ao Consorcio baixou notablemente -de 39,8 millóns en transferencias no ano 2011 a 26,3 millóns en 2012-, Benestar prevía que subisen os fondos inxectados polos concellos, pasando de 1,6 a 8,4 millóns. Do mesmo xeito, o departamento que dirixe Beatriz Mato estimou que, en concepto de taxas e prezos públicos -sufragados polos usuarios e usuarias- os 6,6 millóns e 2011 pasasen a ser 8,4 millóns este ano.

Asemblea na que o Consorcio aprobou a disolución © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.