O Constitucional abraza a doutrina lingüística de Feijóo para o funcionariado

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

En agosto de 2007 o Goberno de coalición de PSdeG e BNG impulsaba, a través da Consellería de Presidencia, a modificación de varios preceptos da lei da Función Pública. Un dos artigos reformados era o 33, no que, "para garantir o dereito dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa administración" e da Lei de Normalización Lingüísticas, se introducía a obriga de realizar "unha ou máis probas" en cada proceso selectivo da Xunta "exclusivamente en lingua galega". A medida, tímida en opinión dalgúns sectores, foi incluída apenas un ano despois polo PP de Feijóo no paquete da suposta "imposición" do galego, axitada no camiño cara ás eleccións. Agora, o Tribunal Constitucional abraza aquela doutrina.

Nos tempos das manifestacións xunto a grupúsculos como Galicia Bilingüe e da saída á luz de supostos casos de persoas que renunciaban a traballar en Galicia a causa da lingua, os conservadores prometían que, no caso de chegar á Xunta, ían derrogar a devandita reforma legal. E así foi. O segundo proxecto de lei que sacou adiante a maioría absoluta popular foi un novo cambio da lei da Función Pública, no seu caso argumentando que "hai que posibilitar que a mobilidade" da cidadanía "por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas". Tamén se realizaba unha das omnipresentes e polivalentes apelacións á "liberdade".

A Xunta apelou á "liberdade" e "á mobilidade por todo o territorio nacional" para eliminar os exames en galego

Apenas un ano despois do retorno popular a San Caetano, no verán de 2010, o Tribunal Constitucional ditaba a súa agardada sentenza sobre o recurso do propio PP contra o Estatut de Catalunya, centrado, entre outros aspectos, na lingua. O polémico ditame, emitido despois dunha gran manifestación da cidadanía catalá, recortaba parte do texto estatutario, tamén no ámbito lingüístico, pero dáballe luz verde á esixencia de coñecemento do catalán para os traballadores e traballadoras do sector público. O TC opúñase ao establecemento dun deber "individualizado e esixible" de falar e entender catalán, pero realizaba unha excepción no ámbito da función pública, pola "suxeción especial" do funcionariado coa Administración e, sobre todo, pola súa obriga de "dar satisfacción ao dereito de opción lingüística" das persoas administradas.

Na sentenza do Estatut catalán o TC apoiou a esixencia de coñecer o catalán para o persoal público

Neste escenario, os criterios lingüísticos do PP de Feijóo semellaban estar apoiados unicamente en conviccións políticas, pero non en limitacións legais. Esta aposta política foi tamén a aplicada por un dos 'baróns' populares máis entusiasta coa política lingüística da Xunta e coa teoría da imposición, o balear José Ramón Bauzá, que mesmo foi varios pasos máis alá. O gabinete conservador das illas decidiu, no ano 2012, realizar tamén a súa propia modificación da Lei da Función Pública, eliminando o catalán como requisito para acceder a un posto na Administración e deixándoo só como "mérito". Despois de que Bauzá ignorase máis de 12.000 alegacións contra a reforma -non foron nin contestadas- o PSOE de Balears decidiu recorrer a lei ante o TC por "discriminar a lingua propia de Balears, o catalán".

As novas razóns do tribunal

O resultado dese recurso chegaba esta semana, dende un Constitucional que, xa con maioría de maxistrados conservadores, se afasta da súa propia doutrina. Así, fronte ao expresado para o caso catalán, a maioría conservadora rexeitaba este mércores os argumentos dos socialistas baleares por seis votos a catro. Para o TC non cómpre esixir coñecer a lingua catalá como requisito para acceder a un posto na Administración, porque xa existe unha "ampla implantación do coñecemento do catalán na función pública". A causa? Que o idioma propio das illas "intégrase como disciplina no sistema educativo", unha afirmación que se produce xusto no momento en que o propio gabinete de Bauzá diminúe a súa presenza nas aulas.

O TC non ve "discriminatorio" que o catalán sexa "mérito" e non "requisito" e avala a toponimia deturpada

No seu ditame o alto tribunal español semella obviar o estipulado na propia Constitución para asegurar que "non existe discriminación" no feito de que o catalán sexa "mérito" e non "requisito", xa que existe unha "inexistencia de trato preferente do castelán sobre o catalán -o texto constitucional impón o "deber" de coñecemento da lingua castelá-". Do mesmo xeito, o TC avala a decisión do gabinete de Bauzá de derrogar o decreto que, dende 1986, estipulaba que a única forma oficial dos topónimos é a orixinal, en catalán. Para o tribunal as formas deturpadas "tenden a equilibrar o papel do castelán no ámbito oficial", porque a norma anterior lle daba "prevalencia" á lingua propia. Fronte a estas consideracións, catro maxistrados emitiron dous votos particulares para expresar a súa disconformidade.

Bauzá parabeniza a Feijóo na súa segunda toma de posesión © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.