Tras horas de intensa negociación o Tribunal Constitucional decidiu a última hora deste sábado permitir a investidura de Carles Puigdemont con condicións e sen pronunciarse sobre a petición de suspensión que recibira do Goberno. O tribunal ditou unha medida cautelar que limita as opcións do candidato de Junts per Catalunya. Puigdemont terá que cumprir unha serie de requisitos para que esa sesión se desenvolva nos termos previstos polo independentismo: aparecer no pleno de investidura e facelo con autorización xudicial.
Tras horas de debate, o TC evita pronunciarse sobre o recurso do Goberno que contaba con tres informes en contra
Noutras palabras, a advertencia do tribunal obriga a Puigdemont a entregarse á xustiza para poder reclamar o seu dereito a participar na investidura prevista para o vindeiro martes. Unha vez en España, a decisión sería responsabilidade do xuíz Pablo Llarena, que leva a causa no Tribunal Supremo. En calquera outra condición, o pleno de investidura quedaría suspendido, segundo o acordo do TC.
No seu auto, o TC é moi claro sobre as opcións do candidato de Junts per Catalunya ao que prohibe a investidura presencial se non precede dunha autorización xudicial. Se Puigdemont consegue aparecer no Parlament polos seus medios, o seu nomeamento tampouco tería efecto legal.
A proposta de Moncloa contaba con tres informes desfavorables
Coa súa decisión, o tribunal sortea o labirinto creado polo Goberno tras a súa petición de suspender o pleno de investidura. A proposta de Moncloa contaba con tres informes desfavorables: o do Consello de Estado, o dos letrados do Constitucional e o relatorio elaborado polo relator designado polo propio tribunal. O TC decidiu non resolver sobre a petición de Moncloa, á espera de que as partes se pronuncien nun prazo de dez días. Coa decisión, o Goberno salva a cara e a Policía ve como o seu traballo se simplifica.
"Non poderá celebrarse o debate e a votación da investidura de Carles Puigdemont a través de medios telemáticos"
Sen que recibise preguntas específicas sobre iso, o TC acorda: "Non poderá celebrarse o debate e a votación da investidura de Carles Puigdemont a través de medios telemáticos nin por substitución doutro parlamentario. Non poderá procederse á investidura do candidato sen a pertinente autorización xudicial, aínda que compareza persoalmente na cámara". As medidas adoptadas obrigan a Puigdemont a entregarse ante a xustiza se pretende ser investido. Ademais, impídese a delegación de voto para calquera parlamentario en busca e captura.
O Constitucional afrontou dividido a decisión sobre a suspensión do pleno de investidura no que Puigdemont pretendía recibir os votos para retornar á presidencia da Generalitat. O informe dos letrados do TC propuxo non admitir a trámite o recurso do Goberno. O mesmo opinaba o relator designado por repartición, Juan Antonio Xiol Ríos, sinalado no bloque progresista do tribunal. Finalmente non houbo decisión sobre ese punto.
Non hai precedente sobre unha reunión como a que este sábado convocou o Constitucional. As admisións a trámite de recursos do Goberno son tradicionalmente asuntos que se despachan en cuestión de minutos
Os maxistrados do alto tribunal debateron durante horas se o recurso do Goberno merecía ser admitido a trámite. A proposta de Moncloa pedía a suspensión da sesión de investidura para todos os efectos. O TC evitou decidir sobre esa petición. Non hai precedente sobre unha reunión como a que este sábado convocou o Constitucional. As admisións a trámite de recursos do Goberno son tradicionalmente asuntos que se despachan en cuestión de minutos e tras comprobar que todos os requisitos foron satisfeitos. O TC tardou todo o sábado na discusión do asunto fundamental: dar ou non luz verde ao pleno de investidura.
Finalmente a decisión é favorable á investidura, pero para beneficiarse dela Puigemont terá que entregarse.
Valoración de Puigdemont
O ex-president cre que o tribunal rexeita a “fraude de lei que pretendía Moncloa"
Pola súa banda, o ex-presidente obviou que o alto tribunal non lle permitiu ser investido se non volve a España e logra o permiso do xuíz e considerou que o TC “rexeitou a fraude de lei que pretendía Moncloa”. “Máis dun tería que pensar en rectificar e facer política dunha vez. E se non é quen, que se vaia e deixe paso”, indicou Puigdemont en Twitter.