O control de RTVE polo Goberno central comprace o PPdeG e irrita a oposición

Ana Pastor entrevista a Feijóo en TVE © TVE

"O único que expresei é que a actual dirección de TVE é a que quere Rubalcaba". Despois de que, durante varias semanas, o presidente da Xunta fose situado por múltiples voces como un dos dirixentes do PP que máis insistente se amosaba ante a dirección estatal do seu partido para recuperar o control dos medios públicos estatais Alberto Núñez Feijóo recoñecía deste xeito, nunha entrevista en El País, a súa satisfacción polo proxecto legal aprobado no Consello de Ministros do pasado día 20. A contrarreforma de RTVE satisfai a un PPdeG no que xa se botan contas de cara ás eleccións autonómicas e que este luns amosou publicamente o seu apoio á medida, que lle permite aos conservadores nomear a quen consideren oportuno para dirixir o ente sen contar con ninguén máis.

A axenda mediática fixo que o primeiro dirixente do PPdeG en defender o proxecto fose o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, quen, coherente co seu habitual estilo, realizou esa defensa dun xeito sensiblemente máis ponderado ao do presidente. "Non se pode permanecer impasible ante o bloqueo permanente", argumentou o deputado case á mesma hora á que, dende Madrid, Dolores de Cospedal culpaba ao PSOE da imposibilidade de acadar un acordo para a dirección de Radio Televisión Española. Segundo Puy, "segue habendo posibilidades" de que o novo titular dos medios públicos de comunicación sexa unha persoa "de consenso" e, en calquera caso, coida que o gabinete de Rajoy se está a limitar a facer "o mesmo que o anterior Goberno" de José Luis Rodríguez Zapatero, que estableceu que a maioría absoluta sería suficiente para elixir o primeiro consello de administración da Corporación RTVE. Así e todo, ademais do feito de converter en norma o que era unha excepción, o actual panorama difire do anterior nunha cuestión que non é menor: Zapatero nunca gobernou con maioría absoluta.

Feijóo considerou que a actual dirección de RTVE "é a que quere Rubalcaba"

Con todo, Pedro Puy esfórzase en afastar o modelo de relación entre a Xunta e a CRTVG do que acontecerá de agora en diante en Televisión Española e Radio Nacional. "O modelo polo que aposta o PPdeG está moi claro, está na lei dos medios de comunicación públicos de Galicia" e "varía con diferenza ao que se decidiu nas Cortes", subliña. Neste sentido, o popular lembra que a reforma dos medios galegos, pactada por populares e socialistas a finais de 2011, consta dun esquema "con dúas maiorías" para elixir o consello de administración e a persoa titular da dirección xeral. Segundo esa norma, a designación tense que realizar por acordo de dous terzos do Parlamento -50 deputados- e, se non hai acordo, abondan tres quintos -45-, polo que, coa actual composición, en todo caso require o acordo do PP con outro grupo. "En Galicia xa se ía vendo que o modelo da televisión estatal tiña algún problema", conclúe.

Contrariedade en PSdeG e BNG

Pero a interpretación de Puy non é compartida pola oposición parlamentaria galega e PSdeG e BNG manifestan a súa preocupación, como antes fixera o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a representación do cadro de persoal de RTVE. Para o socialista Abel Losada non hai motivo técnico ningún na reforma. Trátase simplemente "dun ataque frontal á independencia de RTVE" que, na súa opinión, "demostra algo que xa sabíamos, que a dereita tende a confundir maioría absoluta con poder absoluto" aínda que debera "saber que non é o mesmo". "Tamén é certo que esta diferenza precisa unha certa reflexión" e "estar convencidos durante décadas de que un está lonxe do poder absoluto ou autoritario". O PP non se atopa nesta posición e por iso, di, "amosa un tic autoritario que empeora" os medios públicos e "a situación dos cidadáns" á hora de recibir información.

Losada ve na reforma de RTVE un "tic autoritario" do PP que "ataca frontalmente a independencia" dos medios públicos

Nesta liña, o BNG censura tamén o retorno ao control gobernamental de RTVE e teme ademais que as canles estatais non sexan as últimas afectadas. "Os cambios na lexislación a nivel de Estado" son "moi graves" para a voceira nacionalista na Cámara, Ana Pontón, quen ve "confirmadas as denuncias que vén facendo o BNG" a respecto a reforma dos medios públicos galegos, á que lle atribúe "máis control" por parte do Executivo e unha apertura "á privatización". Mentres, di, na CRTVG continúa a "manipulación e represión" denunciada o pasado sábado durnate a manifestación convocada en Santiago polo Comité Interempresas do ente galego, unhas protestas que, cando menos, di, "merecerían unha aclaración" por parte da Xunta.

Ana Pastor entrevista a Feijóo en TVE © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.