"O dano que se lle pode ocasionar a Vimianzo sería practicamente irreparable"

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo © BNG

A moción de censura que pairou sobre Vimianzo en marzo parecía totalmente desactivada até que a pasada semana unha sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña aceptou os argumentos dos concelleiros censores (dous independentes, dous tránsfugas procedentes do PSdeG e outros dous do PP) abrindo de novo a posibilidade de botar abaixo o goberno municipal de Manuel Antelo (BNG). En marzo a moción non se puidera presentar, pois fora entregada un sábado, fóra do horario da secretaria do Concello, e cando os concelleiros censores tentaron facelo de novo dous deles xa non podían asinala,  ao ser considerados tránsfugas (os elixidos na lista do PSdeG xa perderan a súa condición de afiliados, como prevén os estatutos do partido en casos de transfuguismo).

Esta nova sentenza lexitima a moción presentada daquela, argumentando que a secretaria municipal debe estar de garda 24 horas ao día e sete días á semana

Porén, esta nova sentenza lexitima a moción presentada daquela, argumentando que a secretaria municipal debe estar de garda 24 horas ao día e sete días á semana e que os empregados do rexistro teñen a obriga de valorar os documentos e localizar a secretaria, "o que amosa un descoñecemento total da lei", en palabras de Antelo, que engade: "a secretaria é unha funcionaria e por lei ten un horario laboral e a función dos empregados do rexistro só chega á clasificación dos documentos, nunca a súa valoración". Ademais, a xuíza, nesta sorprendente sentenza, non considerou o BNG lexitimado para presentarse como defensa.

Estes días Vimianzo mantense nun compás de espera. "A sentenza non é firme. Nós apelamos ao TSXG, como Concello e como concelleiros e pedimos a suspensión da sentenza. Ao mesmo tempo acollémonos a medidas cautelares, para que non se execute, pois o dano que se lle pode ocasionar a Vimianzo sería practicamente irreparable. Todos os acordos que adoptase o concello serían nulos, comezando polo pago das nóminas". "Como isto pasa en Vimianzo, parece que son cousas da aldea, pero o caso é clarísimo: uns individuos tentan perpetrar un acto delictivo amparándose nesta sentenza", denuncia Antelo.

"Eu pregúntolle a Feijoo se vai consentir que un concelleiro seu incumpra a lei e polo tanto cometa un delito, ou se vai respectar a lei", conclúe o alcalde

Esta sentenza dálle validez á presentación, pero en calquera caso, no proceso dunha moción de censura hai dous momentos nos que hai que verificar se se reúnen os requisitos: primeiro cando se presenta, e segundo, unha vez que se convoca o pleno. Daquela é a mesa de idade a que debe verificar de novo que todos os asinantes cumpren a legalidade. No caso de Vimianzo a mesa de idade está formada por dous dos censores, un deles concelleiro do PP. "Por iso eu apelo a Feijoo", di Antelo, "porque o presidente da mesa é militante do PP". No seu momento os populares desautorizaron estes concelleiros que presentaran a moción de censura e mesmo anunciaran que os expulsarían, pero nunca o fixeron. "Eu pregúntolle a Feijoo se vai consentir que un concelleiro seu incumpra a lei e polo tanto cometa un delito, ou se vai respectar a lei", conclúe o alcalde do BNG.

"Cónstame que hai militantes do PP entregando os carnés e chamando á dirección provincial para pedir que paren isto"

Os membros do goberno municipal están tranquilos, pero recoñecen que este proceso está monopolizado o seu traballo dende a pasada semana: "este martes, por primeira vez, puidemos traballar algo". Pero tamén salientan que están recibindo moitos apoios, "por suposto dos nosos votantes, pero tamén de moitos outros veciños, Cónstame que hai militantes do PP entregando os carnés e chamando á dirección provincial para pedir que paren isto", di.

 

O que di a lei

O escrito de presentación da moción debe estar asinado pola maioría dos concelleiros e o secretario municipal debe comprobar que todos os asinantes sexan válidos, e que ningún deles sexa un tránsfuga

A lei está claramente do lado de Manuel Antelo e do Goberno municipal de Vimianzo. A Lei Electoral modificouse en varias ocasións para protexer os concellos do transfuguismo e dende 2011 establece un procedemento para a presentación de mocións de censura: o escrito de presentación da moción debe estar asinado pola maioría dos concelleiros e o secretario municipal debe comprobar que todos os asinantes sexan válidos, e que ningún deles sexa un tránsfuga. Para Antelo, "con esta sentenza estaría abríndose, contravindo a LOREG, unha nova vía para a presentación de mocións de censura, de xeito que, xa que temos portelo único, unha persoa en Ourense podería rexistrar unha moción de censura contra o goberno municipal de Vimianzo e os encargados do rexistro deben localizar o secretario do Concello para que este o dilixencie sen ten documento ningún diante".

Que os dous edís que formaban parte das filas do PSdeG teñen esa consideración de tránsfugas está fóra da discusión. Os estatutos do PSOE recollen que cando un concelleiro presenta unha moción sen a autorización do partido, perde automaticamente a condición de afiliado. En consecuencia, a Comisión Ejecutiva Federal do PSOE declarou e notificoulles aos dous edís censores a perda da condición de afiliados a través de dúas resolucións asinadas o 4 de marzo. Estes edís presentaron un recurso ante o Xulgado de primeira instancia de Corcubión, pero o xuíz titular determinou o 29 de abril que non se vulnerara “procedemento ningún” e avalou a perda da condición de afiliados no PSOE dos dous edís ao teren “subscrito unha moción de censura contra acordo expresamente adoptado polos órganos do partido”. Non era un proceso de expulsión que se puidese recorrer, senón tan só a constatación dun feito.

 

"Vimianzo vive unha transición política tras vinte e cinco anos de corruptelas"

"A súa obsesión é volver ao Goberno", di, "e para iso promoven o "desprestixio" e "enfrontamentos entre veciños"

Manuel Antelo denuncia as manobras que estes concelleiros puxeron en marcha dende que o novo goberno tomou posesión hai dous anos. En marzo Antelo declaraba a Praza que non se enfrontaba a unha "moción de censura", senón a unha "moción de corrupción". "A súa obsesión é volver ao Goberno", di, "e para iso promoven o "desprestixio" e "enfrontamentos entre veciños". Antelo salienta que en dous anos o consistorio pasou "dunha situación herdada, con 1,5 millóns de euros de impagamentos" a ter "un remanente de tesouraría de 112.000 euros", sendo ademais "un dos poucos concellos que non tivemos que recorrer a un plan de axuste, nin facer un ERE nin recortes", todo "grazas aos veciños, que entenderon que durante o ano 2011 nos dedicamos a sanear as contas, para completalo en 2011 e entrar en 2013 con liberdade dende o punto de vista económico". "Mesmo conseguismos crear postos de traballo", di Antelo, "media ducia para substituír o Grumir que viña de desmantelar a Xunta e 30 empregos temporais, que palían un pouco a situación de moitas familias, e que polo menos anima algo máis á xente a quedar na Costa da Morte e non emigrar".

"Despois de sanear o concello economicamente" o grupo de goberno apostou por "sanealo democraticamente", explica. E foi neste punto no que se activou "a moción que viñan anunciando dende que eu asumín a alcaldía"

Pero "despois de sanear o concello economicamente" o grupo de goberno apostou por "sanealo democraticamente", explica. E foi neste punto no que se activou "a moción que viñan anunciando dende que eu asumín a alcaldía". Este "saneamento", explican dende o goberno municipal, consistiu en "abrir expedientes disciplinarios" contra "funcionarios vinculados familiarmente a parte dos asinantes"

Vimianzo, subliña Antelo, está "vivindo unha transición política tras vinte e cinco anos de corruptelas"

Outro dos expedientes abordados e que derivou na imputación do ex alcalde por presunta corrupción e tráfico de influencias foi o vinculado á construción da casa da cultura da vila, tramitada en período electoral supostamente á marxe dos cauces legais e adxudicada a empresas presuntamente vinculadas tamén "á empresa dun dos asinantes". "Por obras feitas fóra de contrato pagamos preto de 700.000 euros", ilustra Antelo. Estas, di o alcalde, son só dúas mostras de "máis dunha ducia de imputacións relacionados con esta xente", concelleiros e concelleiras que, asegura, daban sustento a un verdadeiro "monopolio" de empresas que contrataban co concello e que "perderon" os seus privilexios co cambio de goberno. Vimianzo, subliña Antelo, está "vivindo unha transición política tras vinte e cinco anos de corruptelas".

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.