O 3 de maio de 2012 Francia vivía un debate decisivo na carreira electoral para as eleccións presidenciais, que se celebraban tres días despois. O aspirante á reelección, Nicolas Sarkozy, enfrontábase a quen daquela era un valor á alza, o socialdemócrata François Hollande. Para a noite dese transcendental cara a cara televisivo o Partido Socialista citou os que denominou "cibermilitantes" na Bellevilloise, un recinto hostaleiro e de espectáculos de París, para apoiar o seu candidato nas redes sociais. Acudiron unhas 400 persoas e os socialistas difundiron, non sen fachenda, as imaxes da súa esforzada tropa dixital. Este martes Galicia vivía un debate ben diferente, o de política xeral, e tamén houbo unha esforzada tropa dixital, aínda que moito menos numerosa e aínda menos publicitada para unha cita de limitada repercusión na sociedade, analóxica ou dixital.
Coa vontade máis ou menos explícita de facer pasar os chíos partidarios como espontáneas mostras cidadás de adhesión o pequeno universo tuiteiro creado para a ocasión comezou a mañá especialmente activo pola banda de #DEAGalicia14, a etiqueta elixida polo PP e que foi secundada por algo máis dun cento de persoas que produciron uns 1.500 chíos que, por abrumadora maioría, gababan o presidente da Xunta. Con el conviviron outros hastaghs como #Debate2014, #DEA2014, #debatenaciongz14 ou #debateautonomía, unha galeguísima división que contribuíu a diluír aínda máis os denodados tuiteiros e tuiteiras que procuraban que as verbas dos seus representantes ecoasen o máis posible.
Esta pequena loita na rede social, que non deixa de ser unha ínfima pinga no océano da sociedade, pode servir para ilustrar o xeito en que o oficialmente denominado debate de política xeral pasou polo país. Xerando, se cadra, aínda menos expectación da habitual non foi trending topic no Twitter nin nunhas rúas nas que, con toda probabilidade, poucas persoas analizarán o "pulo democrático" que prometeu Alberto Núñez Feijóo no seu discurso menos político dos últimos anos, no que combinou algunhas propostas novas, como un plan de emprego por definir, con outras con mellor encaixe nun informe do Consello da Xunta que na que, a priori, é unha das sesións parlamentarias máis importantes do ano.
As respostas do presidente
A intervención inicial do presidente non ergueu as paixóns cidadás e tampouco o fixo o debate propiamente dito, cando contra as seis da tarde Feijóo tivo que responder aos grupos da oposición. Non houbo paixóns nin trending topic ningún cando o titular da Xunta desdeñou un estudo sobre calidade dos gobernos en Europa por ter unha mostra de 400 persoas enquisadas en Galicia. "Eu creo no CIS" e nos seus barómetros periódicos, mantivo, obviando que a súa mostra en territorio galego é de apenas 150 persoas. Tampouco houbo popularidade dentro nin fóra da rede cando o presidente atribuíu as críticas pola emigración xuvenil a unha "táctica" do BNG ou cando cargou contra o propio voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, por apoiar o dereito de autodeterminación pondo o caso escocés como exemplo. "O que se votou en Escocia" foi se a súa cidanía quería "ter autonomía" e "saíu que non", sentenciou.
Jorquera defende as consultas populares e Feijóo retruca que Escocia votou se quería "ter autonomía" e "saíu que non"
Asemade, non se apreciou especialmente a retroalimentación cidadá cando Feijóo contrapuxo as súas palabras ás de Xosé Manuel Beiras, a quen acusa de intervir na Cámara como "unha clase da facultade" e a quen tamén afea que ligue a crise económica e a xestión do PP con "guerras mundiais, a hexemonía do dólar, Reagan ou Thatcher", xa que "iso non vai con nós". O voceiro de AGE ve unha democracia "entubada" e Feijóo considera que esta está "plenamente en vigor". O que si "preocupa" o titular da Xunta é que Beiras cite o líder de Podemos, Pablo Iglesias, quen ao seu xuízo é un "referente intelectual" pouco "sólido".
A tropa dixital partidaria, especialmente a do PP, seguiu traballando arreo para atizarlle ao socialista José Luis Méndez Romeu mentres Feijóo o rebatía con algúns dos seus clásicos: a herdanza recibida do bipartito, a xestión de Joaquín Almunia a respecto do sector naval ou os datos de paro e débeda pública xerados durante o mandato de José Luis Rodríguez Zapatero no Goberno de España.
Tensión e pactos improbables
A militancia dixital aumentou en intensidade cando o debate no Pazo do Hórreo se caldeou un chisco mentres, ao tempo, amosaba as poucas posibilidades de pactos de relevancia. O nacionalista Jorquera ve difícil poder chegar a acordos con quen "converte unha autonomía política nunha autonomía administrativa" ou apela á "rexeneración" mentres rexeita as consultas populares. O socialista Romeu "non perde a esperanza de que poidamos chegar a considerar" algunhas das propostas conservadoras, "pero, dende logo, sobre o que vostede dixo hoxe dificilmente poderemos chegar a un acordo", remarcou ante o presidente.
Beiras ve a Feijóo "impermeable a calquera esforzo educativo"
Menos ligazón aínda semella que vaia haber entre o PP e AGE, a quen Feijóo recomenda mudar as súas siglas por "EGO" como mostra do "problema do seu grupo político". O xefe do Executivo cargou contra o voceiro de Alternativa polo carácter académico da súa intervención e o voceiro de Alternativa saíu decidido a evidenciar que o presidente "non é un ignorante, porque a ignorancia cura coa educación". Máis ben, diagnostica, é "impermeable a calquera esforzo educativo e de raciocinio". Cun medio sorriso Beiras detívose nalgúns dos esvaróns públicos de Feíjoo, quen "xa dixo unha vez que Picasso era catalán" e considerou desexable que o debate parlamentairo "tivese o nivel dun debate universitario" o que non implica que os deputados teñan que "pasar pola universidade", xa que "universidades hai moitas", como "as fábricas" ou o agro.
O presidente apela ao "autogoberno moderado"
A proverbial ironía de Beiras tornou, contra a fin do discurso, na súa non menos proverbial indignación, que estourou ao considerar que Feijóo "carece de lexitimidade e é unha vergoña nacional que sexa o presidente, por moitos votos que teña". Esa indignación do rematou estourando a poucos centímetros do escano do presidente e incendiando a tropa tuiteira popular, especialmente prolífica cando se trata de criticar o xeito de proceder do histórico nacionalista. "Equivocaríanse se non nos axudan", concluíu Feijóo no turno de peche, na que defendeu un "autogoberno moderado" última intervención ata a reanudación do debate, o vindeiro xoves, cando se abordarán e votarán as propostas de resolución de cada grupo.