"O dereito a decidir debe ser un obxectivo conxunto das esquerdas en España"

Dolors Camats © Joves d'Esquerra Verda

Dolors Camats, coordinadora nacional e máxima dirixente de ICV, está este luns en Galicia, onde participará nunha xuntanza con Espazo Ecosocialista para analizar as alianzas cara ás eleccións europeas, e tamén ofrecerá unha conferencia, ás 18.00 horas na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Camats falará sobre o dereito a decidir nun acto copresentado por Xoán Hermida, coordinador nacional de Espazo Ecosocialista e Laia Ortiz Castellví, portavoz de ICV no Congreso e membro do Grupo Parlamentar de Esquerda Plural.

Esta intervención producirase a dous días da celebración da Diada, marcada este ano pola organización dunha cadea humana independentista que cruzará todo o territorio de Catalunya, e tamén polas declaracións de Artur Mas, a pasada semana, nas que apuntaba á celebración de eleccións plebiscitarias en 2016, arrefriando a prometida (e comprometida cos seus socios de goberno, ERC) consulta en 2014, á espera dunha autorización do Goberno central. ICV non participará na cadea da Via Catalana pero si noutras mobilizacións que neste 11 de setembro buscarán sinalar os efectos da crise económica e dos recortes nos servizos públicos. Escolas e hospitais serán rodeados en distintas cidades e vilas de Catalunya para denunciar os plans de privatización do ensino e a sanidade e as políticas de Rajoy e Mas. O acto principal será a simbólica iniciativa de Rodea La Caixa, unha acción impulsada polo movemento Procés Constituent de Teresa Forcades e Arcadi Oliveres.

"Mas quere arrefriar ese proceso. Mas non deu ningún paso para facer crible esa consulta no 2014, enviarlle unha carta ao presidente do Goberno non é unha decisión xuridicamente relevante"

Como valoras as declaracións de Artur Mas, apuntando a un adiamento da consulta e á celebración de eleccións plebiscitarias en 2016?

Estamos nun proceso no que a sociedade catalá se foi movendo, foi evolucionando. As enquisas amosan unha insatisfacción crecente co modelo de Estado actual. Temos un Goberno español xordo a todas as reivindicacións que chegaban dende Catalunya. E en Catalunya vemos como o goberno da Generalitat tentou apropiarse da reivindicación do dereito a decidir, pero sen dar ningún paso adiante. Dende o Parlamento fomos tentando buscar o consenso político, pero observamos a lentitude do goberno catalán a este respecto, pois os instrumentos que nos poderían facer avanzar neste proceso, sexa a comisión parlamentaria ou outros elementos xurídicos, están paralizados. E en cambio vemos como agora saca da manga a convocatoria dunhas eleccións plebiscitarias. Isto é unha estafa. A consulta debe producirse nesta lexislatura, porque o malestar e o desencaixe catalán non deixan de aumentar. E o acordo político co Estado só pasa por unha consulta.

"A cadea humana fíxose como convocatoria exclusivamente independentista, polo que é normal que haxa xente que se sinta excluída ou que se sinta máis cómoda noutras mobilizacións"

Que cres que busca Mas con este movemento?

A curto prazo o que busca é arrefriar as manifestacións do 11 de setembro e sobre todo as reaccións do día 12. O día 11 as manifestacións van ser masivas e haberá milleiros de persoas nas rúas reivindicando non só o dereito a decidir, algunhas a independencia, e outras a súa insatisfacción pola situación económica e a crise. As manifestacións van supor un impulso á reivindicación dunha consulta, e Mas quere arrefriar ese proceso. Mas non deu ningún paso para facer crible esa consulta no 2014, enviarlle unha carta ao presidente do Goberno non é unha decisión xuridicamente relevante. Hai pasos máis importantes que non deu: xerar consenso en Catalunya, iniciar procesos lexislativos en Catalunya para levalos ao Congreso, tomalo en serio e con rigor, indo máis aló dos discursos

ICV non participará na cadea humana da ANC, e si en iniciativas como Rodea La Caixa e outras. O obxectivo é reivindicar o dereito a decidir sen esquecer as reivindicacións sociais?

O que queremos é deixar claro é que hai unha maioría social que defende a consulta e o dereito a decidir, e esa maioría é plural e transversal, hai independentistas, federalistas ou mesmo xente que defende o mantemento do estado autonómico pero que por principio defende que a cidadanía poida expresarse sobre este tema. Temos que ampliar ao máximo este consenso. A cadea humana fíxose como convocatoria exclusivamente independentista, polo que é normal que haxa xente que se sinta excluída ou que se sinta máis cómoda noutras mobilizacións. Nese senso ICV participará naquelas convocatorias que ademais de reivindicar o dereito a decidir teñan tamén unha reivindicación social. Para nós defender os dereitos nacionais é defender tamén a xustiza social. ICV rodeará algúns servizos públicos que están recortados, coma un hospital en Girona ou a propia sede de La Caixa, polo gran simbolismo do que representa La Caixa. Aínda que por suposto hai dirixentes e militantes de ICV que participarán na cadea.

"A nosa posición é incómoda para moita xente, porque non estamos en ningún dos extremos e ademais defendémola dende o rigor xurídico"

Resulta difícil explicar a posición de ICV, máis complexa e matizada, nun escenario de polarización?

Ás veces resulta complicado explicalo, porque as posicións estanse radicalizando. A actitude do Goberno español crea cada día novos independentistas en Catalunya, dende as súas declaracións até proxectos de lei coma a reforma da administración local. E ao mesmo tempo hai algunhas expresións do independentismo, que afortunadamente son minoritarias, que intentan enfrontar cataláns con españois; a última vímola hai uns días coa campaña de CDC falando da “Catalunya produtiva e a España subsidiada”. A nosa posición é incómoda para moita xente, porque non estamos en ningún dos extremos e ademais defendémola dende o rigor xurídico. Non é o que todo o mundo quere oír. Nós levamos dous anos defendendo a consulta para esta lexislatura.

Cal é a perspectiva social e económica de Catalunya? Albíscase a saída da crise?

En Catalunya imos un ano por diante do que ocorre no resto que comunidades autónomas. Imos un ano por diante nese proceso de recorte dos gasto público e dos servizos públicos, con especial saña na educación e na sanidade. Ademais coa intención, ao igual que en Madrid, de que todo aquilo que se recorta pase a ser privatizado e convertelo en negocio. Estamos vendo un rápido empobrecemento das familias. E o Goberno catalán busca ocultar os seus erros, e enmascarar os recortes a través da prórroga dos orzamentos. Agacha a realidade económica e unha política neoliberal detrás da bandeira.

"O dereito a decidir non é só un problema dos cataláns, ou dos vascos ou dos galegos, forma parte do proceso constituínte que debemos emprender en todo o Estado"

Cal é a aposta de ICV para as eleccións europeas?

Todo o sur de Europa está sufrindo a aplicación dunha política que só beneficia uns poucos. Por ese motivo imos tentar que nas eleccións haxa unha voz das esquerdas do sur do Europa o máis poderosa posible. Iso obríganos a todos a ser o máis xenerosos que poidamos. Para nós o ideal sería unha alianza ampla, transversal, de forzas de esquerda que hoxe se negan a aceptar o status quo que hoxe impera en Madrid, en Barcelona, en Berlín e en Bruxelas. A este respecto hoxe as esquerdas en España non poden negarse, como fixeron outras veces, a entender o dereito a decidir, e esta reivindicación debe ser un obxectivo conxunto das esquerdas en España. Non é só un problema dos cataláns, ou dos vascos ou dos galegos, forma parte do proceso constituínte que debemos emprender en todo o Estado. A esquerda é plural, pero non sei que máis debe pasar para que as esquerdas se unan.

É máis doada agora a relación con IU do que o era até hai uns anos?

Dende ICV defendemos un modelo federal real para o Estado español, máis aló das declaracións de intencións federalistas que viñeron defendendo o PSOE e outras forzas. Por iso consideramos moi importante unha declaración de intencións que aprobamos en maio, conxuntamente con IU, na que se defende o dereito a realizar unha consulta no marco da actual Constitución. O que queremos é unha Catalunya soberana que negocie de ti a ti con España que relación queremos ter.

Dolors Camats © Joves d'Esquerra Verda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.