O "despedimento político" dunha muller por ir nas listas do BNG chega á UE

Carme Adán e Maite Mouriño CC-BY-SA BNG

A Alianza Libre Europea (ALE), grupo parlamentario no que se inclúe o BNG no Europarlamento, vén de enviar unha carta á comisaria de Emprego comunitaria, Marianne Thyssen, para que "condene" o "despedimento político" sufrido por Maite Mouriño -traballadora á que a empresa Esycsa botou do traballo por presentarse nunha lista electoral do Bloque- e "interveña para que poida volver ao seu emprego e se lle garantan os seus dereitos a exercer os seus dereitos políticos e sociais". 

ALE pide á comisaria de Emprego que "condene" a decisión da empresa e "interveña" para que Mouriño sexa readmitida

Maite Mouriño, tal e como explicou este luns a parlamentaria nacionalista Carme Adán, decidiu participar como número tres da candidatura do BNG ao Concello de Pazos de Borbén. Un mes máis tarde, e logo de once anos na compañía, recibiu a carta de despido. Para xustificar esta decisión, a empresa -que forma parte do grupo ACS- presentoulle fotografías da súa actividade política co Bloque feitas por un detective privado. 

Na carta -asinada por François Alfonsi, presidente da ALE, e Ana Miranda, secretaria de Relacións Internacionais do BNG e vicepresidenta tamén de ALE-, o grupo da Eurocámara advirte de que prácticas coma estas "son completamente inaceptables e propias do século XIX". "Calquera debería ser completamente libre para exercer os seus dereitos fundamentais e participar na vida política sen tipo ningún de restriccións e, por suposto, sen temor a perder o seu emprego", din. 

A empresa xustificou o seu despedimento na súa actividade política e presentou fotos tiradas por detectives privados

Por todo isto, ALE insiste en que a comisaria de Emprego condene "inmediatamente" este despedimento e interveña para que Maite Mouriño recupere o seu emprego. "Esta é a única solución aceptable", remata. 

Antes, xa en Galicia, o Bloque reclamou tamén a intervención da Xunta ante esta "persecución política" e lembra que a empresa Esycsa pertence ao grupo ACS, está relacionada cun gran número de concesións públicas nos concellos galegos e "gábase de contar co recoñecemento público de respectar os dereitos dos traballadores e traballadoras”. 

Carme Adán e Maite Mouriño CC-BY-SA BNG
Ana Miranda © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.