O Partido Popular non foi quen de amañar o devalo que sufriu nas municipais galegas nas vilas medias. Así, neste tipo de núcleos, consolidouse a tendencia á baixa que comezou para os populares en maio. Con todo, o partido de dereita continúa a ser primeira forza en moitas delas.
Lalín era un dos bastións históricos do PP galego. Porén, Rafael Cuíña, o actual alcalde de Compromiso por Galicia, conseguiu arrebatarlle a vila grazas a un tripartito. Crespo logrou 5.326 votos nas municipais. Esta baixada repetiuse nestas xerais, ao pasar de 8.557 no 2011 a 5.661. Como dato curioso cómpre mencionar que, malia todo, os lalinenses tampouco optaron pola opción do seu alcalde. Cuíña apoiou a Nós-Candidatura Galega durante a campaña e só obtiveron na vila 604 votos. Foron quinta forza, por debaixo de PP, PSOE, EnMarea e Ciudadanos.
O PP baixa en Lalín de 8.557 a 5.661. PSOE e EnMarea situáronse por enriba de Nós-CG, opción que apoiaba o alcalde Rafael Cuíña
En Cangas é paradigmático o resultado da Marea, ao irrumpir con 6.478 sufraxios, un 40%. O PP descende algo máis de 2.000 votos ao pasar de 6.717 a 4.525, un resultado similar aos 4.213 das municipais de maio.
O Grove é, desde maio, vila socialista. Porén, os mecos votaron en clave diferente para estas xerais e EnMarea impúxose como primeira forza con 2.315 votos. O PP pasou de 2.700 en 2011 a 1.511, un dato similar ao das municipais, con 1.261 sufraxios. O PSOE tivo que conformarse con ser terceira forza con 1.385 papeletas.
Vilagarcía tamén foi un pesadelo para os populares. Baixaron 4.000 votos nestas xerais: 10.202 no 2011 fronte a 6.318 no 2015. Con todo, melloran o resultado de 5.338 das municipais. EnMarea foi a segunda forza con 5.958 votos e o PSOE terceira, con 4.873.
No Grove e en Narón abriuse camiño con forza EnMarea, que logrou ser primeira forza
En Narón irrumpiu con forza EnMarea ao ser primeira forza con 7.059 sufraxios. Sufriu unha gran baixada o PP ao pasar de 9.853 en 2011 a 6.444. A terceira forza foi o PSOE e a seguinte Cidadáns, seguidos por Nós.
Outro caso curioso é Arzúa. A forza progresista Alternativa por Arzúa lograba a maioría absoluta e o PSOE tan só un representante nas municipais. Porén, os socialistas experimentaron unha subida nestas xerais e situáronse como segunda forza con 723 sufraxios. O PP tamén confirmou nesta vila a tendencia á baixa, ao pasar de 2.286 en 2011 a 1.551 e 2015. EnMarea foi terceira forza.
Outro bastión do PP era Ortigueira, que cambiaba de goberno nas municipais. O PP baixa de 2.654 votos a 1.843 nestas xerais. En Teo, malia que o PP baixa uns 2.000 votos, 5.632 en 2011 fronte a 3.890 nestas xerais, logra impoñerse a EnMarea por uns 700 votos, opción apoiada por Rafa Sixto, o alcalde de Son de Teo.
Ribadeo, Vimianzo e Tomiño non foron quen de fidelizar electorado para Nós-CG
Malas novas para os populares tamén en Fene. Empeoraron mesmo o resultado de 2.239 sufraxios das municipais ao baixar a 2.178, practicamente 1.000 votos menos que no 2011.
Vimianzo, Tomiño e Ribadeo experimentan o mesmo fenómeno. As vilas están gobernadas en maioría absoluta polo BNG e lograron desprazar amplamente ao PP naqueles comicios. Porén, Antelo, González e Suárez non foron quen de fidelizar voto cara o Nós-CG nestas xerais. O PP en Vimianzo obtiña 440 votos nas locais e pasou a 1.935 nas xerais, aínda que descende en relación con 2011, onde tiña 2.674. A segunda forza foron os socialistas, a terceira EnMarea e a cuarta Nós-CG. En Tomiño o PP baixa case 2.000 sufraxios con respecto a 2011, de 4.586 a 2.926 pero mellora o resultado das locais, 1.887. O segundo posto é para EnMarea, o terceiro para os socialistas e o cuarto para Nós-CG. Canto a Ribadeo, ocorre o mesmo que en Tomiño. O PP empeora con respecto a 2011, 3.041 votos fronte a 2.224, pero mellora en relación ás locais nas que obtivo 1.201. O segundo posto foi para EnMarea, o terceiro para os socialistas, o cuarto para Cidadáns e Nós-CG non aparece ata o quinto