Os gobernos español e portugués ultiman os detalles da vindeira Cimeira Ibérica, o encontro ao máis alto nivel entre ambos Estados. O gabinete de Mariano Rajoy preparou o terreo diplomático para este encontro cunha chuvia de condecoracións para diversas autoridades portuguesas tras meses de duras críticas e desdéns cara ao Executivo do socialista António Costa, xusto antes da visita dos reis de España ao Porto e Lisboa. No entanto, o que unha vez máis semella quedar á marxe dos preparativos son os asuntos concretos que atinxen ás cidades e vilas fronteirizas, unha axenda especialmente inzada de temas no caso galego que, como vén de lembrar o Eixo Atlántico, segue pendente de atender. Se no cumio a 'raia' non está presente será toda "unha fraude ética", advirten.
A Comisión Executiva do Eixo, a entidade que agrupa cas e unha corentena de municipios de Galicia e do norte de Portugal, vén de aproveitar a súa última xuntanza, celebrada en Barcelos, para chamar a atención sobre a necesidade de que "os agentes que no dia-a-dia protagonizam e dão corpo á cooperação transfronteiriça" sexan "ativamente envolvidos" na preparación do cumio, máis aínda tendo en conta que a cooperación entre as dúas marxes da fronteira será, precisamente, un dos temas centrais do encontro. A opinión destas entidades, di o alcalde de Braga e presidente do Eixo, Ricardo Rio, "não tem sido levada em conta, não têm sido activamente envolvidas nas opções políticas para os seus territórios, no caso para as zonas de fronteira".
A mobilidade, a xestión das emerxencias ou a sanidade son asuntos prioritarios para os municipios fronteirizos, advirte o Eixo
Alén de declaracións de intencións como as lanzadas por Rajoy e Pedro Passos Coelho na anterior cimeira, celebrada en 2015 en Baiona, o Eixo Atlántico e mais a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas advirten de que cómpre abordar "problemas tan importantes como os que afectan ao transporte, á sanidade, á educación e ao investimento e creación de postos de traballo mediante o fomento da actividade empresarial e a eliminación de trabas á actividade económica na fronteira", así como "problemas ligados á mobilidade ou ás cuestións de seguridade cidadá e loita contra incendios". "Actualmente a lei prohíbe que os bombeiros dun país acudan a unha emerxencia no país veciño se ocorre a máis de dez quilómetros, é un perfecto absurdo", exemplifica Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico e da RIET.
"Se non hai xuntanza previa con representantes da fronteira para abordarmos os problemas reais, consideraremos a Cimeira Ibérica un produto mediático"
Neste escenario, as entidades transfronteirizas dirixiranse aos departamentos de Exteriores dos gobernos español e portugués para procurar trasladarlles demandas condensadas nun documento de cinco eixos. Un plan de mobilidade, o impulso ao corredor de mercadorías Sines/Lisboa-Vigo-Ferrol, un plan de crecemento económico de fronteira, unha unidade de coordinación das emerxencias, harmonización das titulacións académicas e seguridade marítima son, para ambas entidades, os asuntos prioritarios.
"Se non hai xuntanza previa con representantes da fronteira para abordarmos os problemas reais das persoas, das empresas e universidades, consideraremos a vindeira Cimeira Ibérica un produto mediático e unha fraude ética" e "abrirase unha profunda fenda cos territorios da fronteira que nos obrigará a seguir o noso camiño á marxe dos gobernos", advirte o Eixo Atlántico. No encontro celebrado en Barcelos, no que tamén foron aprobadas as contas da entidade, participaron, entre outros, o presidente da FEGAMP e alcalde do Barco, Alfredo Rodríguez, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou os rexedores de Viana do Castelo e Matosinhos, José Maria Costa e Gilherme Pinto.