"O elixido fun eu pero puido ser calquera; só son o portavoz dun proxecto plural e común"

Xosé Mosquera © CxG

Profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Vigo e interventor na Deputación de Ourense desde hai vinte anos, Xosé Mosquera será o candidato da plataforma cidadá Ourense en Común á alcaldía da cidade. Superou por menos de 30 votos a Miguel Doval nunhas primarias onde participaron máis de 1.500 persoas e a súa vitoria sorprendeu a moitos que non a agardaban. Militou no Partido Galeguista desde finais dos anos 70, en Coalición Galega e, como membro do Partido Nacionalista Galego, no BNG. É vicepresidente económico e tesoureiro da Federación Galega de Tenis e forma parte da executiva de Compromiso por Galicia (CxG), formación que, tamén en primarias, xa o elixira como o seu candidato.

Agardaba ser elixido o cabeza de lista nestas primarias?

Non o esperaba. Decidimos participar neste proceso colectivo achegando o que nós poidamos e tratando de chegar a unha morea de veciños de Ourense. Tratábase de facer unha candidatura cidadá, que era unha demanda que se sentía en moitos ámbitos, que reclaman un xeito diferente de facer política. Sumámonos a isto e os números provocaron que eu fose o máis apoiado, pero podía ser calquera. De feito, o papel e a responsabilidade que se me encomenda é o de ser voceiro desta expresión colectiva que é Ourense en Común. 

"O elixido fun eu pero podía ser calquera; son voceiro dun proxecto plural e común e só traslado o que a xente acorde"

Insiste moito en que vostede só é voceiro dun proxecto común...

É que é así. Son voceiro por circunstancias numéricas dun proxecto plural e común que decide esa pluralidade. Eu non fago máis que trasladar cara a fóra o que a xente acorde. Ese é o papel que me corresponde nesta andaina ata o 24 de maio. 

Os resultados e a vitoria dun membro, coma vostede, de CxG provocou xa algunhas críticas, coma se non fose o previsto por algúns... 

Algúns pensan que facer primarias é mirar para a xente e esperar a ver se aparece alguén. Se se fan, hai que informar á cidadanía de que pode participar nese proceso e hai moita xente de moitos ámbitos aos que lles parece absolutamente interesante poder decidir quen vai ser o candidato colectivo da organización. E por iso participaron. Pode que a alguén lle sorprenda e que isto bata co que tiña preconcibido previamente, pero eu creo nun sistema democrático onde os veciños sexan partícipes. Lévoo dicindo quince anos, tamén na Unviersidade, desde que vexo que o sistema se esclerotizou... A min non me sorprendeu nada que aparecese o 15M porque era de seu, era imprescindible que a cidadanía tomase posesión da súa soberanía e reivindicase un papel relevante. E isto enténdoo como o máis natural do mundo. 

"Hai quen pensa que facer primarias é esperar a que apareza alguén; pode que a alguén lle sorprenda o resultado, pero eu creo na democracia participativa"

Nunha plataforma con tanta confluencia e tantas sensibilidades diferentes, é a xenerosidade o primordial?

Esa é a clave. Participei no proceso con toda a xenerosidade, unha vez que vin que era o proxecto polo que pulaba a cidadanía e que era algo en conxunto. Fose o resultado que fose, eu aceptaríao porque a idea do común, do colectivo é unha idea-forza que debe levar detrás de nós os cidadáns que queren outra forma de participar na política no Concello de Ourense. 

Atendendo ás críticas que chegan desde o PP ás mareas, a vostede tamén lle han criticar por ter militado no PNG, no BNG ou en CxG antes.

Vexo que por aí irán as cousas, pero eu levo tempo militando en só dous sitios: en Ourense, porque levo 25 anos como veciño e máis de vinte na Universidade de Vigo na cidade; e logo noutra idea, na de Galicia, na do país, na dos seus sectores produtivos... Habería que preguntarlle aos que critican en que militan. Eu milito nestas dúas cousas e nunha sociedade que quere tomar o seu camiño propio e ser a dona do seu destino, facer propostas para poder controlar a acción política. Onde non milito é en lugares onde un señor, desde un despacho e co seu dedo, designa un candidato. Nada máis. 

"Milito en dous sitios: en Ourense e na idea de Galicia, de país; habería que preguntarlle aos que critican en que militan eles"

Cales son as expectativas de Ourense en Común de cara ás eleccións vista a importante participación nas primarias?

Son bastante optimistas. Non son quen de intuír o que pasará dentro de dous meses, e menos neste momento social e político onde todo flúe con máis rapidez. Pero hai unha demanda de algo novo, de algo que responda a uns parámetros participativos, de transparencia, de compromiso ético e de levar a voz dos veciños ao Concello e responder das decisións que alí se adoptan. É unha achega diferente, un aire fresco que pode ser un proxecto que esperte o interese de moitos ourensáns que ven unha cousa distinta e que creo que é a demanda dunha boa parte deles. 

"Falta o BNG porque en Ourense en Común están todas as formacións do ámbito do nacionalismo, o progresismo ou a esquerda"

Só falta a pata do BNG neste proxecto común?

É evidente. En Ourense en Común están todos os grupos ou formacións que se moven no ámbito do nacionalismo, do progresismo ou da esquerdas. O BNG xa decidira acudir en solitario ás eleccións municipais, algo que xa tiña confirmado nalgunha conversa con eles. Foi a súa decisión e hai que respectala. Nós entendiamos que era moito mellor darlle á cidadanía un instrumento onde se aglutinasen as forzas e por iso concorremos nesta plataforma cidadá. 

"No caso de chegarmos á alcaldía, debemos mudar o xeito de facer política para que os veciños sexan donos reais das decisións"

Que sería o urxente para facer no Concello de Ourense no caso de que vostede alcance a alcaldía?

Sabemos que será difícil gañar porque as estruturas políticas consolidadas son as que son. Todo dependerá da ilusión que Ourense en Común esperte nos cidadáns, pero no caso de chegar á alcaldía, o que hai que facer basicamente é mudar o xeito de facer política. Moitas veces, faise totalmente de costas aos cidadáns, sen ter en conta os seus intereses e con posicións artificiais que non defenden a xente. Hai que mudar estas estruturas e facelas representantivas para que os veciños sexan donos reais das decisións e que estas cheguen porque son as demandadas. Ourense en Común vén recollendo as necesidades da cidadanía a través das achegas do tecido social da cidade para plasmar todo iso nun programa que non está rematado pero que recollerá todas esas propostas para os ourensáns. 

Xosé Mosquera © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.