O Estado acredita que a Xunta participou na negociación de cotas pesqueiras

Vista parcial das actas das xuntanzas CC-BY-SA Praza Pública

O conflito do sector do cerco, que este martes acadou cotas de tensión ata o momento inéditas coas protestas de Compostela e a violenta carga policial, chegaba vinte e catro horas máis tarde ao Parlamento. Durante a sesión de control da oposición o presidente da Xunta atribuíu a actual problemática do sector á "pésima xestión do PSOE" nos seus anos de Goberno e, ao tempo, admitiu que as cotas non son "suficientes", se ben esa insuficiencia vén dada non polo reparto, argumenta, se nón polas "sancións" da Comisión Europea derivadas, precisamente, da xestión socialista. Feijóo desligábase así do actual reparto mesmo negando a participación do Goberno galego nas negociacións nas que se acordou, unha versión que desmenten os documentos e declaracións do propio Ministerio.

Segundo consta nas actas destas xuntanzas, celebradas en Madrid o 8 de outubro e o 20 de decembro do pasado ano, en ambos encontros o secretario xeral do Mar da Xunta, Juan Maneiro, unha presenza que mesmo recolleu o propio departamento pesqueiro estatal na nota de prensa na que deu conta do acordo. Nese documento fica reflectido que o Goberno galego xa consideraba no outono que chegar a un acordo sería "difícil, pero hai que tentalo" e que, en decembro, chamou a revisar os datos nos que se ía sustentar o acordo "para ver se o erro apreciado por Cantabria ocorreu tamén noutras autonomías".

O Ministerio acredita que a Xunta si participou nas negociacións

Dous meses despois da sinatura dese acordo, do que se desmarcan as organizacións profesionais que impulsan as protestas, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, abordábao no Parlamento a preguntas do BNG. "Se eses acordos son malos non sei como fixemos o ano pasado", sinalaba, ao tempo que aseguraba que "algúns dos que convocaron a folga" no sector dixeran previamente que "con este acordo a nosa frota ten futuro". "Nós non saberemos negociar, pero estou convencida de que con esta cantidade de pesca que traemos a nosa frota terá futuro", sinalaba, admitindo así a participación do Goberno galego que este mércores negou Feijóo.

O Goberno central advirte de que non haberá cambios

A participación de Galicia no acordado foi evidenciada este mesmo mércores polo secretario xeral de Pesca do Ministerio, Carlos Domínguez, que en rolda de prensa en Madrid defendeu o novo modelo de xestión por ser, di, "proposto a petición do sector e das comunidades autónomas" para "responder ás dificultades" do caladoiro Cantábrico-Noroeste. Esas "dificultades", segundo o alto cargo, "teñen a súa raíz no moi deficiente modelo de xestión e de control do anterior Executivo". "O mellor servizo que podemos facer é poñer á disposición do sector instrumentos de xestión que melloren a rendibilidade das súas capturas", di, mentres advirte de que non haberá cambios no acordado e reduce as protestas galegas a "violencia e ameazas".

O representantes do sector abandonaron a xuntanza pola participación nela de Rosa Quintana

No mesmo sentido, asegura que "o porblema de Galicia non é de cota", xa que "pasa do 21% de participación histórica na pesquería a un 25%" e "das 1.600 toneladas de 2013 a 2.000 toneladas". Neste punto o argumentario do Goberno central si cadra co do galego, que non chegou a abordalo na xuntanza á que convocou ao sector. Despois de designar como interlocutor o vicepresidente, Alfonso Rueda, este achegouse á xuntanza na compaña da conselleira Quintana, a quen os representantes dos mariñeiros rexeitaran por denominalos "vándalos". A asemblea, explica o voceiro dos armadores, Andrés García, decidiu non aceptar a Quintana como interlocutora.

A última hora do mércores ratificouse un aumento da capacidade de pesca, pero cos mesmos criterios

A última hora deste mércores, o Executivo central alcanzou un acordo con Noruega e Illas Feroe que, segundo di a Xunta, permitirá un importante aumento da capacidade de pesca en Galicia. Serían 1.450 toneladas máis, até sumar 3.400. A cantidade é máis do dobre da cota de xarda do ano pasado, pero no sector insisten en que non arranxa o seu problema se non se cambian os criterios de distribución, que seguen a favorecer as frotas vasca e cántabra. Os mariñeiros insisten en que se faga de forma lineal e proporcional ao número de tripulantes de cada embarcación.

Ademais, o cerco continuará coas mobilizacións. A primeira delas será este venres, cando as lonxas da Coruña e Vigo fechen en solidariedade co sector. Tamén acompañarán os mariñeiros de Asturias nunha manifestación en Oviedo.

Barcos a pescar xurelo © Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.