O Estado elimina case a metade dos fondos para servizos sociais básicos

Mato preside a Conferencia Sectorial © Ministerio de Sanidade

"Onde gobernamos estivemos sempre comprometidos coas políticas sociais, coa construción dunha auténtica sociedade do benestar". "Queremos que a nosa sociedade non deixe ninguén á marxe, especialmente nos momentos de maior necesidade e pensando nos máis vulnerables". "Agora que a crise puxo a moitos en situación de pobreza e risco de exclusión, chegando mesmo a perder o seu fogar, reafirmamos o noso compromiso para facer unha sociedade integradora". "Priorizaremos todas aquelas medidas que favorezan a inclusión e permitan unha nova oportunidade". Son algúns dos enunciados que o PP incluíu na área dedicada ao benestar dentro do programa co que concorreu ás eleccións xerais de 2011. Con escasas medidas concretas, os conservadores comprometíanse, xenericamente, a manter e facer máis eficientes os recursos públicos destinados ás persoas con maiores dificultades. Apenas nove meses despois daqueles comicios, unha das liñas de actuación máis ligadas a este tipo de axudas, a que financia os servizos sociais básicos, vén de ser reducida case á metade, nomeadamente, un 45,4%.

No caso de Galicia o recorte é seis décimas superior á media, pasando de 7,2 millóns a 3,9

Presidida pola ministra de Sanidade, Ana Mato, a Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais -que xunta ao Ministerio coas autonomías de réxime xeral, todas menos Euskadi e Navarra- daba este martes luz verde ao financiamento do coñecido como Plan Concertado, isto é, aos cartos que os concellos reciben procedentes do Estado vía autonomías para atender, as máis das veces, situacións de emerxencia social. Fronte aos 86,4 millóns de euros que o Goberno central distribuíu en 2011, o gabinete de Mariano Rajoy vén de aplicar a tesoira de maneira drástica, deixando en 47 millóns o montante total para todo o Estado. No caso de Galicia a redución é aínda un chisco maior que a media estatal, pasando dos 7,2 millóns de euros do pasado ano a 3,9 en 2012 ou, o que é o mesmo, un desplome do 46%. A causa non é outra que, segundo admite o propio Ministerio, que o "axuste e a consolidación fiscal á que se enfrontan as administracións para adecuarse aos obxectivos de déficit comprometidos".

Fondos para servizos sociais de atención primaria
Autonomías 2011 2012
Andalucía 17.019.551,57 9.272.263,48
Catalunya 12.293.386,92 6.697.445,71
Madrid 9.936.354,92 5.413.333,05
Comunitat Valenciana 8.602.691,41 4.686.752,23
Galicia 7.230.133 3.938.981,47
Castilla y León 6.596.578,01 3.593.820,27
Castilla-La Mancha 4.555.891,34 2.482.052,76
Canarias 3.781.450,31 2.060.136,75
Aragón 2.994.908,65 1.631.628,31
Extremadura 2.988.858,33 1.628.332,09
Asturias 2.712.272,25 1.477.647,8
Murcia 2.554.963,91 1.391.946,11
Illes Balears 1.669.024,13 909.285,5
Cantabria 1.336.256,5 727.993,47
La Rioja 1.296.497,25 706.332,6
TOTAL 86.433.150 47.088.840

Así as cousas, a inmolación destes servizos sociais no altar do déficit supón que os concellos galegos deixarán de dispoñer de 4,6 de cada 10 euros para, por exemplo, as súas redes de servizos sociais municipais, que implican servizos tan delicados como a axuda a domicilio ou a teleasistencia para persoas maiores que viven soas. Do mesmo xeito, estes cartos financian tamén comedores sociais, centros de día, pequenas residencias de anciáns, pisos tutelados, albergues para persoas sen fogar ou centros de acollida para "persoas con graves problemas de convivencia". Malia ao recorte o departamento que dirixe Ana Mato teima en ver a botella medio chea e afirma, nun comunicado remitido aos medios, que "o Goberno decidiu que unha transferencia coma esta, dedicada á cobertura de servizos sociais básicos para o cidadańs, había que conservala".

Mato preside a Conferencia Sectorial © Ministerio de Sanidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.