O Estado encarécelle ao Sergas un 20% o sistema enerxético dos hospitais de Ferrol

Xuntanza dun Consello da Xunta © Conchi Paz

O 30 de decembro de 2011 a Consellería de Sanidade iniciaba, por vía "urxente", os trámites para investir 18,8 millóns de euros no subministro de enerxía de todos os hospitais públicos de Ferrol, cun contrato que incluía tamén o "mantemento e conservación de edificios, instalacións e equipos" do Hospital Naval e do Arquitecto Marcide. Como adiantou Praza Pública, a menos dunha semana de que rematase o prazo para que as empresas interesadas no contrato presentasen as súas ofertas, o 28 de xaneiro, o Goberno galego tivo que cambiar de plans "por razóns de interese público". Esas razóns estaban no Real Decreto Lei 1/2012, a través do cal o Ministerio de Industria suspendía os "incentivos económicos" isto é, as primas, "para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de coxeración, fontes de enerxía renovables e residuos". Como o plan para os hospitais ferroláns implicaba, entre outros sistemas, producir enerxía a partir de biomasa, a Xunta freou en seco co obxectivo de "adaptarse á situación resultante" da decisión do gabinete de Mariano Rajoy.

A Xunta obvia que tivo que anular a contratación a causa dunha decisión do Estado

Este xoves, cinco meses despois daquela brusca freada, o Consello da Xunta reiniciaba o proceso cun proxecto moi semellante ao anterior en case todos os seus aspectos, agás o prezo. Dos 18,8 millóns de finais de 2011 pásase a 22,4, un incremento do 20% que non reflectiu o presidente na súa exposición ante a prensa nin o servizo de comunicación do Goberno, na referencia que fai pública cos asuntos tratados en cada Consello. Ben ao contrario, da exposición de Alberto Núñez Feijóo non é posible deducir que esta é a segunda ocasión en que se inicia unha operación que, di, servirá para "profundar na eficiencia do Sergas, nos aforros e na eficiencia enerxética. "Este tipo de licitacións, que son innovadoras e pioneiras en España", di, dan "resultados" en forma dun aforro enerxético do 20% e de 10,2 millóns de euros nos oito anos de duración do contrato. Case catro millóns quedan xa polo camiño, no encarecemento do propio contrato derivado da decisión do Executivo central. No comunicado gobernamental sublíñase que "é a primeira vez que se leva a cabo en institucións sanitarias de España" un modelo coma este.

Centros de saúde de público-privados a públicos

A construción de 15 centros de saúde, prevista cun sistema público-privado, realizarase agora de maneira integramente pública

Sen saír da área sanitaria tras a reunión semanal do Consello Feijóo deu conta tamén dunha decisión que veu sendo reclamada con insistencia dende PSdeG e BNG e que agora semella que será cumprida en parte: o financiamento integramente público dos novos centros de sáude. Tras defender durante boa parte da lexislatura o sistema de construción público-privado como o máis axeitado á actual conxuntura económica o presidente anuncia agora que quince novos ambulatorios que ían ir adiante mediante esa fórmula financeira serán construídos apoiándose só no "orzamento corrente" e non en "pagamentos aprazados". As novas instalacións ergueranse na Capela, Ares, Arteixo, Cambre, Culleredo, Malpica, Santiago, Barbadás, Pontedeva, Ourense, Gondomar, Marín, Nigrán, Oia e Tui e o plan contempla, ademais, ampliar o Hospital do Salnés.

Malia á contumacia amosada nos últimos anos Feijóo asegura agora que a intención do Executivo é "tentar diminuír os pagamentos aprazados e os compromisos plurianuais". Neste escenario, o xefe do Goberno tentou facer ver que este cambio de rumbo vén dado, esencialmente, pola "solvencia" de Galicia, que "está en mellores condicións financeiras" que outras autonomías, e tamén polo reinvestimento dos fondos que recade a Xunta a través do novo copagamento farmacéutico. Non obstante, e en resposta aos xornalistas, o propio Feijóo admitiu que será posible asumir os 11 millóns que custarán os centros de maneira directa porque "obtivemos fondos Feder", isto é, cartos da Unión Europea, que permiten "priorizar infraestruturas sanitarias" dentro "da capacidade" da Xunta.

Vista do hospital Arquitecto Marcide, en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.