O ex deputado de Ciudadanos pola Coruña acusa a dirección de Rivera de coaccións e chantaxe

Antonio Rodríguez, candidato de C's en Galicia o 20-D © Ciudadanos Galicia

A crise en Ciudadanos Galicia enquístase e agrávase entre importantes acusacións cara á nova dirección galega e a estatal. A decisión do partido laranxa de substituír o deputado electo pola Coruña, Antonio Rodríguez, polo ex membro de UPyD José Canedo como número 1 da lista pola provincia vén de sementar importantes dúbidas sobre o funcionamento interno da formación. O xa ex parlamentario compareceu este mércores en rolda de prensa e respondeu ás palabras de Albert Rivera -que xustificou a súa destitución por "non estar á altura das circunstancias"- lanzando varios dardos contra a executiva, entre elas acusacións de chantaxe e coaccións para que abandonase o cargo sen reproches logo de que se asegurase que o facía por motivos profesionais. 

"Non é un problema meu, senón de respecto á democracia, ás primarias e aos principios de C's", di Antonio Rodríguez

"Non foi por motivos profesionais", insistiu Antonio Rodríguez. "Este non é un problema meu, non é o problema de Antonio, senón de respecto á democracia, ás primarias e aos principios dos que presume Ciudadanos", asegurou en varias ocasións quen estivo apoiado na rolda de prensa por responsables de varias agrupacións do partido na provincia da Coruña e aos que, segundo denunciou, se lles retiraron as claves para acceder ás plataformas dixitais do partido en canto anunciaron publicamente o seu apoio ao xa ex deputado. 

O ex deputado di que lle recomendaron escribir a súa carta de renuncia e que, de non facelo, faríano eles e a súa imaxe pública "podía saír prexudicada"

Esta foi, segundo Rodríguez, tan só unha das medidas de presión levadas a cabo pola executiva estatal do partido sobre el e os seus apoios tras a decisión de afastalo das listas para o 26-X. Antes, desde a secretaría de Organización de Ciudadanos recomendáronlle "que escribise unha carta de renuncia e que, de non facelo, a imaxe pública podía saír prexudicada". "Dixéronme que se non o facía eu mesmo teríano que facer eles e que, nese caso, a miña imaxe podía verse afectada", explicou quen aclara que Albert Rivera non se puxo aínda en contacto con el. "Espero que o faga", di.

A Rodríguez, segundo el mesmo contou, mesmo lle ofreceron "ser o candidato de Ciudadanos ás autonómicas" se aceptaba sen reproches o seu troco no número 1 da lista pola Coruña. "Non podo aceptar que se mercadee cun posto na candidatura", insistiu o ex deputado, a quen lle ofreceron -e rexeitou tamén- ser o segundo pola provincia ao Congreso.

Rodríguez di que lle ofreceron ser candidato ás autonómicas se marchaba sen reproches e insta a Rivera a "rectificar urxentemente"

O que fora candidato pola Coruña -cuxas intervencións en campaña foran polémicas por asegurar, como Albert Rivera, non ter propostas específicas para Galicia-, instou unha e outra vez ao partido a "rectificar" e "poñer urxentemente as cousas no seu sitio". "Aínda poden reconsiderar a decisión", explicou logo de lembrar que el foi elixido en primarias ao ser o único en xuntar os avais necesarios na provincia. "Non podemos defender primarias e logo actuar así; aquí estamos defendendo os principios do partido, democracia e a decisión das bases", dixo tras advertir da súa participación en varias comisións "defendendo os intereses de Galicia" na última lexislatura e recordar tamén que a formación lle deixara claro "que todos os deputados ían repetir nas listas".  "Se era válido antes, por que non o son agora cando xa conto con máis experiencia?", preguntouse. 

Antonio Rodríguez insistiu en definir como "cacicada" e "dedazo" a substitución da súa figura pola de José Canedo, a quen acusou de ser o "promotor" deste troco. "Alguén que viu unha oportunidade e que se quere coar", definiuno. Con todo, insiste en que non vai dar marcha atrás nin marchar, polo momento, de Ciudadanos, aínda que aclara que "será difícil" estar nun partido "que non reconsidera as súas posicións". 

Así, volveu instar a Albert Rivera a que "reconsidere" a decisión adoptada pola nova dirección galega e apoiada pola executiva estatal e considera que "seguro que hai cousas que non coñece en detalle" sobre a crise do partido en Galicia. "Espero que me chame, pero aínda non o fixo", rematou. 

Antonio Rodríguez, candidato de C's en Galicia o 20-D © Ciudadanos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.