A Antonio Erias, ex-deputado cabeza de lista do PP da Coruña ao Congreso e amigo do ex-presidente Mariano Rajoy colocado polo anterior Goberno de España á fronte do Operador do Mercado Organizado de Gas (Mibgas) en 2015, está a piques de quedar sen choio. Tres fontes do sector con coñecemento directo do asunto confirmaron a eldiario.es que xa comezou o proceso de procura da persoa que substituirá a Erias, ex-voceiro de Enerxía do PP no Congreso, na presidencia desta empresa, concibida para tratar de dar liquidez ao mercado secundario do gas.
A decisión de relevar a Erias, engade unha das fontes consultadas, "non está tomada, pero xa se barallan varios nomes" para remudalo. A substitución formaría parte do proceso de renovación que, tras a chegada do PSOE ao Goberno, xa tivo lugar na cúpula doutras empresas do sector como Red Eléctrica e o operador do mercado eléctrico, OMEL.
"Xa se barallan varios nomes" para remudar a Antonio Erias da presidencia da sociedade Mercado Ibérico de Gas, segundo tres fontes do sector con coñecemento directo do proceso
Como o operador do mercado eléctrico, Mibgas ten capital privado, pero finánciase por conta dos usuarios (a través da tarifa do gas) e nela a Secretaría de Estado de Enerxía (actualmente integrada no Ministerio para a Transición Enerxética) ten un papel determinante. Preguntado por este asunto, o ministerio que dirixe Teresa Ribera non fai comentarios.
Erias, que acaba o seu mandato como conselleiro de Mibgas o 21 de maio de 2019, explicou en conversa telefónica con eldiario.es que o seu contrato ten unha cláusula de blindaxe en caso de cesamento "parecida" á que tiña o daquela presidente do operador do mercado eléctrico OMEL, o ex-secretario de Estado co PSOE Pedro Mejía, cando el se incorporou a Mibgas.
As últimas contas de Mibgas dispoñibles no Rexistro Mercantil reflicten unha retribución de 426.000 euros para Erias, que subliña que ten unha cláusula de blindaxe en caso de cesamento antes de finais de maio de 2019
Mejía foi cesado a finais de 2017 en Omel cunha liquidación de ano e medio de soldo. Segundo as últimas contas de Mibgas dispoñibles no Rexistro Mercantil, de 2016, a retribución de Erias ese exercicio, contando variables, creceu un 17,5%, até 426.000 euros, cifra recollida na partida de "soldos" do consello de administración da empresa (que inclúe a retribución do presidente).
Formalmente, e segundo os estatutos de Mibgas, o cesamento do presidente require do voto favorable de polo menos dous terzos do capital de Mibgas, que se reparten, cunha serie de límites establecidos na Lei de Hidrocarburos, o Operador do Mercado Ibérico de Electricidade, polo español (Omel, 33,11%), o seu equivalente portugués OMIP (13,11%), os xestores técnicos do sistema (a española Enagás, co 13,33%, e a portuguesa REN, co 6,67%), empresas enerxéticas entre as que están as grandes eléctricas, Repsol, Cepsa e a filial de enerxía do Grupo Villar Mir (19,43%) e empresas non enerxéticas (17,46%).
Máis críticas que eloxios
Erias leva case catro anos á fronte de Mibgas e, desde que en decembro de 2015 se puxo en marcha este mercado, este operador logrou xestionar o 6,8% da demanda estatal de gas, segundo destacan na compañía con datos correspondentes ao mes de setembro.
Con todo, a súa xestión recibiu máis críticas que eloxios. O daquela ministro de Enerxía Álvaro Nadal (do seu propio partido) chegou a sinalar directamente a Mibgas en xaneiro de 2017 como un dos responsables dun episodio de forte subida da luz derivado do encarecemento do gas para abastecer ás centrais de ciclo combinado (que queiman gas natural) en plena vaga de frío.
Competencia cuestionou en 2017 os elevados gastos de persoal de Migbas e advertiu de que deberían quedar fóra das áreas pagadas polos consumidores partidas como as dietas ou a amortización dun coche oficial mercado por 61.400 euros tras a chegada de Erias
Uns meses despois, en maio de 2017, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) axustou á baixa en 2,6 millóns a retribución de Mibgas nun duro informe no que cuestionaba os seus elevados gastos de persoal, cun custo medio por empregado "superior ao do resto de sociedades reguladas que realizan actividades análogas ou comparables": Rede Eléctrica, o operador do mercado eléctrico OMIE e Enagás. En 2016, os gastos de persoal de Mibgas disparáronse un 54,7%, até 1.179.827 euros, para un persoal medio de 12 persoas, fronte a 5 en 2015.
O informe da CNMC tamén reflectía que as dietas do consello de administración de Mibgas debían quedar fóra das partidas suxeitas a retribución regulada (isto é, a cargo do consumidor), así como as amortizacións derivadas dunha das primeiras decisións de Erias cando chegou á empresa, a compra en 2015 de "un vehículo adquirido ese mesmo ano por importe de 61.440 €".
As contas de Mibgas levan meses redactadas e foron aprobadas polos seus accionistas en maio pasado, pero a empresa non as depositou no Rexistro Mercantil, segundo aseguran fontes da compañía, até o pasado venres "ás 11:55", dúas horas antes de que eldiario.espreguntase por este asunto. É unha "casualidade": depositáronse xunto coas de OMEL e as súas filiais, explican as mesmas fontes.
Erias é catedrático de Economía Aplicada pola Universidade da Coruña e o seu currículo en política inclúe unha etapa como vicepresidente da Deputación desa provincia e tres eleccións xerais (2004, 2008 e 2011) como cabeza da lista coruñesa dos populares. Foi a voz do PP en materia de enerxía no Congreso desde 2008 ata que abandonou o seu escano a finais de 2014 para recalar en Mibgas.