O ex Valedor despídese con reproches ao Parlamento por debater a súa marcha

O ex Valedor, na entrega do seu informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

"Non permitín que ningunha autoridade me dese instrucións e desempeñei as miñas funcións con autonomía e segundo o meu criterio. Falei claro e non me enmudeceron. E fun e estou sendo atacado por isto". O xa titular do Valedor do Pobo, Benigno López, non marcha sen ruído. Despois de dúas semanas rodeado pola polémica provocada polas súas palabras na Comisión de Peticións do Parlamento, na que considerou necesario "suspender" a aplicación da Lei de Dependencia e viu "imprescindibles, xustos e necesarios" os recortes do Goberno central López ofrece, nunha carta remitida a varios medios de comunicación, a súa propia visión do acontecido e non aforra críticas contra a Cámara galega á que, entre outros aspectos, lle reprocha non ter vetado o debate sobre a súa continuidade no cargo, propiciado polos grupos da oposición.

Baixo o título, Autonomía. Respeto. Independencia, nesa carta, á que tivo acceso Praza Pública, o ex Valedor asegura que a polémica en torno á el xurdiu "por dicir unha verdade indiscutible, que a Lei de Dependencia, nos seus termos actuais, non pode cumprirse". Na súa opinión -en castelán, no orixinal-, "os partidos políticos colocáronme no ollo do furacán" e "enzarzados nunha discusión baleira e constante e incapaces e asumir a independencia dunha institución que non segue os seus ditados -di, en referencia implícita a PSdeG e BNG-, preferiron desviar a atención e converterme en obxectivo dos seus ataques". É aquí onde sitúa o reproche ao lexislativo galego. "A última consecuencia desta batalla foi a decisión da Mesa do Parlamento de admitir a debate a proposición do meu cesamento como Valedor do Pobo". Esta proposición, de chegar a debaterse en vindeiros plenos, tería valor político pero non legal, non o obrigaría a abandonar o cargo. Trataríase, polo tanto, dun mero debate sobre as súas consideracións que, non obstante, incrementaría a presión política sobre el e, por extensión, sobre o PP.

"A última consecuencia desta batalla foi a decisión da Mesa do Parlamento de admitir a debate a proposición do meu cesamento"

Segundo López o "incumprimento das obrigas e deberes" que lle atribúen socialistas e nacionalistas -que non aparecen mencionados na carta- non é máis que "a expresión das conclusións do informe anual relativo ao ano 2011". Esas conclusións non son, ao seu xuízo, "as que quererían os grupos parlamentarios" e de aí, sempre segundo a súa opinión, a fervenza de críticas. "Evidentemente, rexeito o argumento. pois entre as obrigas do Valedor do Pobo está a de analizar (...) as queixas dos cidadáns sen recibir as instrucións de ningunha autoridade e sen buscar a coincidencia con ningún partido político". "É difícil non sentirse decepcionado", di. "Negueime a formar parte do xogo político, a entrar nunha espiral de descualificacións, a unirme ao desprestixio das institucións públicas".

Na misiva, encabezada co treito -tamén en castelán- da Lei do Valedor do Pobo na que se dispón que o alto comisionado "non estará suxeito a mandato imperativo ningún" e "non recibirá instrucións de ningunha autoridade" Benigno López "imaxina" que, ao expoñer o seu informe de 2011, "cada un dos grupos representados no Parlamento querería que pregase o meu discurso ás súas necesidades". "Así -di- a miña intervención serviría aos seus propósitos e eu aforraríame algún que outro problema mediático". "Mágoa -continúa- que o cargo de Valedor do Pobo obrigue a servir os cidadáns e os meus principios me impidan dicir ou facer nada que contradiga a miña conciencia". Neste punto a carta inclúe tamén unha implícita mensaxe aos medios de comunicación e aos xornalistas: "terxiversacións aparte, dixen o que dixen, pénsoo e mantéñoo". 

"Renunciei para reincorporarme ao meu posto no Tribunal Superior (...), onde a autonomía, o respecto e a independencia son aínda valores en alza"

"Non faltan entre os representantes políticos quen quere un Valedor do Pobo plegado aos seus intereses, maniatado e silencioso, alleo e volto en contra da sociedade". "Nunca fun esa persoa e négome a empezar a selo agora", reprocha. Por este motivo, "e para non concordar coa Mesa do Parlamento no que considero unha conculcación das garantías de autonomía reflectidas na lei reguladora da institución que representaba (...) renunciei ao cargo". Dende agora, López reincorporarase "ao meu posto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -en castelán, no orixinal-". Alí, di, "a autonomía, o respecto e a independencia son aínda valores en alza". Dende alí, conclúe, "seguirei ao servizo do pobo galego".

O ex Valedor, na entrega do seu informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.