O fiscal superior propón un órgano independente para previr a corrupción en Galicia

Carlos Varela, nun intre da súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Descafeinada polo veto ás comparecencias de cargos políticos de relevancia, tanto da actualidade como do pasado, a comisión de estudo para a prevención da corrupción botou a andar este xoves no Parlamento coa que, probablemente, sexa unha das comparecencias de maior interese en todo o seu desenvolvemento. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, foi o principal inspirador da propia comisión e acudiu á Cámara para expoñer con claridade a súa posición ao respecto. Galicia, ao seu entender, precisa dun "órgano de prevención da corrupción", como recomendan os expertos na materia "dende os anos 90".

Ollándose no espello do Conselho de Prevenção da Corrupção de Portugal, en marcha dende o ano 2008, Varela insta os grupos parlamentarios a fuxir dos debates abstractos e centrarse en falar "do que se pode facer dende a comunidade autónoma" para evitar as corruptelas. Non cabe, ao seu xuízo, que esta comisión se centre en "exposicións xenéricas do Código Penal" ou en debates arredor do que, concorda, son actitudes "insuficientemente penadas" pola lei. "Dá a sensación de que este tipo de delincuencia non leva consigo ingresos efectivos en prisión" e a "percepción social" é que son "unha especie de delitos de luva branca". Pero iso escapa das competencias do Parlamento galego.

Varela suxire que o novo ente "autónomo" se asocie ao Consello de Contas e o formen "técnicos" cun "compoñente ético importante"

Por este motivo Varela anima a que o lexislativo galego cree un "organismo no que residenciar o combate á corrupción". En Portugal, explica, "interpretouse que o Tribunal de Contas coñece moi ben os comportamentos de risco nas administracións" e, por iso, crearon "un ente dentro do Tribunal de Contas". En Galicia non existe tan tribunal pero si "hai un Consello de Contas" que "tamén é un bo coñecedor" dos devanditos "comportamentos de risco nas administracións, ás que fiscaliza". Por iso a súa proposta é crear "unha entidade administrativa autónoma" dentro do propio Consello para previr a corrupción.

O novo organismo, anticipa, tería a función de "controlar preventivamente" as administracións e elaborar "plans de riscos de xestións". Non debera ter á fronte "persoas máis burocráticas ca outra cousa" porque senón "non vai funcionar". O "perfil" de quen o compuxese tería que ser "fundamentalmente técnico", persoas "expertas" cun "compoñente ético importante" e "totalmente independentes do poder político". Ademais, subliña a súa relación "cos xulgados e a Fiscalía" debera ser "moi directa", para "remitir" de inmediato a información "cando detectasen feitos delitivos".

Accións "reprobables eticamente", dabondo para dimitir

O fiscal considera que os "feitos reprobables eticamente" son "incompatibles coa boa gobernanza"

Entre as cuestións formuladas polos grupos parlamentarios ao fiscal figuraba a de coñecer a súa opinión ao respecto de se unha imputación debera ser dabondo para dimitir. "A inocencia ou a culpabilidade penal hai que demostrala nun proceso penal", pero "no ámbito político -opina- non sería necesario iso"- "Pódese ter que responder aínda que os feitos non sexan constitutivos de delito". Así, ao seu xuízo, "se hai un feito reprobable eticamente" realizado "por unha persoa que está no ámbito político ou gobernando", este debería ser dabondo para dimitir, toda vez que este tipo de actitudes son "incompatibles coa boa gobernanza". "Isto ensínanolo moi ben o ámbito anglosaxón", exemplifica.

Á marxe disto, Carlos Varela tamén chama a poñer o foco da prevención da corrupción nos "procesos de privatización". "De repente, ao secto privado apetécelle entrar" en determinados ámbitos públicos "por razóns economicistas". O que para o fiscal superior resulta "tremendo" é que "se produza unha privatización e o contrato sexa blindado, para que no caso de que haxa perdas, estas vaian ao erario".

Carlos Varela, nun intre da súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.