O fomento do galego perdeu case o 70% dos fondos dende a chegada de Feijóo

Vázquez, co titular de Política Lingüística (dereita) e Anxo Lorenzo © Xunta

Unha das premisas máis reiteradas no ámbito político di que os orzamentos son o piar fundamental da política de cada Goberno, xa que as asignacións económicas definen as súas prioridades e, polo tanto, as súas liñas básicas. Cando o PP regresou á Xunta no ano 2009 fíxoo con varias ideas forza entre as que destacaba unha suposta "imposición" da lingua galega e a necesidade de volver ao "consenso" que, dicía o daquela novo presidente, Alberto Núñez Feijóo, rompera o bipartito. Naquel ano Feijóo xestionou unhas contas que el non elaborara, senón que as herdara do gabinete de PSdeG e BNG, e nelas o programa de "fomento da lingua galega", que engloba todas as actividades do Executivo a prol do idioma propio, tiña unha asignación de 21,7 millóns. En 2013 o sustento será apenas un 34% daquela cantidade.

Os primeiros Orzamentos Xerais de Feijóo, con Anxo Lorenzo á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén os da primeira gran tesoirada ao fomento do galego. Así, os 21,7 millóns de 2009 pasaron a 17,5 en 2010. Esa rebaixa, que deu lugar a multitude de críticas entre os colectivos do ámbito cultural e de defensa da lingua, era menor que a que estaba por vir, a de 2011, a que ata agora foi a maior retallada a estes fondos, que nese ano pasaron a 11,09 millóns. Así e todo, a significativa baixada non ficou aí e doce meses despois as contas de 2012 viñan cunha dotación de 9,9 millóns para o mesmo programa.

O Goberno afirma que o conxunto do orzamento está en niveis de 2006, pero daquela o fomento da lingua tiña 14,5 millóns máis

O pasado venres a conselleira de Facenda entregaba no Parlamento o proxecto de Orzamentos Xerais para 2013, os primeiros do novo mandato de Feijóo, e a protección do idioma sae aínda peor parada. Así, todos os programas neste ámbito, que dependen de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Centros, teranse que financiar con 7,5 millóns de euros. Isto implica un novo recorte para, por exemplo, as achegas aos Concellos para normalización lingüística no ámbito local, o financiamento de proxectos empresariais en lingua galega, o sustento de bolsas de investigación no centro Ramón Piñeiro ou o financiamento da Real Academia Galega, entre outras partidas.

O desplome dos orzamentos para fomentar o uso normal do galego non se corresponde, nin de lonxe, coa caída xeral nos Orzamentos da Xunta. Non en van, tanto o presidente como a conselleira de Facenda veñen reiterando que o seu gabinete ten que xestionar o país cunhas contas públicas que se atopan "a niveis do ano 2006". Segundo as táboas orzamentarias do propio Goberno, aquel ano o fomento da lingua galega dispuxo de 21,9 millóns de euros ou, o que é o mesmo, 14,5 millóns máis que no vindeiro exercicio económico.

Vázquez, co titular de Política Lingüística (dereita) e Anxo Lorenzo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.