O galego Toxo renuncia a un terceiro mandato á fronte de CCOO

Ignacio Fernández Toxo © CCOO

O galego Ignacio Fernández Toxo non se presentará á reelección a finais de xuño ao posto de secretario xeral de Comisiones Obreras (CCOO). Contra todo prognóstico, o sindicalista ferrolán decidiu dar un paso atrás e non defender un terceiro mandato. Despois de oito anos á fronte do sindicato, Toxo anunciaba este sábado a súa decisión ao Consello Confederal. "O sindicato ten que cambiar", dixo quen remarcou que ese cambio pasa tamén por "un cambio na secretaria xeral" e por dar paso a "novas xeracións".

Toxo cre que "o sindicato ten que cambiar" e destaca que hai que dar paso "ás novas xeracións"

Con todo, Toxo non dá ese "paso atrás" sen remuda. O aínda secretario xeral anunciou tamén o seu apoio ao actual líder de CCOO en Euskadi, Unai Sordo. O consello confederal votou o seu apoio a Sordo con 117 votos favorables e seis abstencións. 

"É unha decisión persoal, pero non por razóns persoais. Ten que ver coa miña idea, coa miña forma de entender o sindicato, cos cambios que se produciron no noso país, o proceso profundo de transformación ao que sometemos á organización neste período e a necesidade de dar continuidade á política de reformas dentro da organización e para a relación coa sociedade", dixo Toxo.

Nas últimas semanas Toxo mantivo encontros cos líderes territoriais e sectoriais do sindicato  para coñecer o estado de opinión sobre a súa posible reelección. O clima que atopou foi maioritariamente favorable. Con todo, Toxo asegurou este sábado que moitas das súas organizacións van cambiar de equipos directivos e que ten sentido, por tanto, cambiar tamén a cara do secretario xeral.

Temos que completar este proceso de cambio e dar paso a unha nova xeración de dirixentes", di

"Temos un bo banquillo", afirmou Toxo que, con todo, dixo que Unai Sordo xa ten o apoio xeral das organizacións. "Temos que completar este proceso de cambio e dar paso a unha nova xeración de dirixentes", dixo. Ademais, quixo remarcar que "non deixa sucesor" e que todas as organizacións que consultou suxeriron a Unai Sordo como próximo líder do sindicato. "Unai é unha persoa coñecida dentro da organización e que participou en todos os procesos de debate e reflexión", apuntou.

O apoio do Consello a Sordo non significa que non poidan presentarse outras candidaturas á secretaria xeral de aquí a finais de xuño, aínda que o propio Toxo considerouno pouco probable tras o apoio unánime a Sordo. Como recoñeceu Toxo, a votación en favor de Unai Sordo supón un importante apoio político.

Nas quinielas para suceder a Toxo soaron este tempo dous nomes: o secretario xeral de CCOO en Euskadi, Unai Sordo, e o secretario xeral da Federación de Industria, Agustín Martín.

 

Un legado de oito anos e medio

O legado de Toxo consiste en oito anos e medio que estiveron marcados, sobre todo, pola crise e os recortes, pero tamén por escándalos que mancharon o sindicato, como o caso das tarxetas black. As circunstancias levaron o líder galego e a súa executiva a cambiar algunhas normas internas e a aprobar un código ético.

O legado de Toxo estivo marcado pola crise e os recortes, pero tamén por escándalos como o caso das 'tarxetas black'

No último ano, CCOO impulsou un proceso para "repensar" o sindicato con grupos de discusión e traballo ao longo de toda a organización. Nun documento, o sindicato recoñecía que o cambio sindical "é inaprazable". "Quen primeiro temos que cambiar somos nós", recoñecía a central. O congreso confederal de xuño será o final dun proceso de consolidación e renovación de cargos. Ao longo deste primeiro semestre, todas as federacións e unións de Comisiones están a celebrar os seus congresos.

Fernández Toxo cumpre 65 anos este novembro. O seu antecesor, José María Fidalgo, estivo dous mandatos aínda que optou a un terceiro pero foi vencido nunhas disputadas eleccións polo galego. O seu homólogo en UGT, Pepe Álvarez, naceu en 1956 (é catro anos máis novo) e substituíu a Cándido Méndez, que estivo 22 anos liderando a central sindical.

Xunto a Cándido Méndez, Toxo convocou tres folgas xerais (setembro de 2010, marzo de 2012 e xaneiro de 2013) promovidas contra as políticas do Goberno. As dúas primeiras, contra o de José Luis Rodríguez Zapatero, e a última, contra o de Mariano Rajoy.

 

Curtido nas loitas de Bazán

Nado en Ferrol en 1952, Fernández Toxo é electricista de profesión e comezou a súa vida laboral na antiga Bazán, onde ingresou con apenas 14 anos. Foi daquela cando se empezou a achegar ao sindicalismo. Con só 19 anos, viviu con intensidade as mobilizacións do 10 de marzo de 1972 e a morte dos seus compañeiros Amador e Daniel. 

Viviu desde dentro as mobilizacións do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e a morte de dous dos seus compañeiros

Toxo foi detido e estivo na cadea varios meses para logo pasar á clandestinidade, mesmo empregando a utilizar unha identidade falsa durante varios anos. Coa Lei de Amnistía de 1977, recuperou o seu emprego o estaleiro e logo sería presidente do Comité Intercentros. Durante o intento de golpe de estado do 23-F, pechouse no Concello de Ferrol xunto ao alcalde e outros persoeiros da cidade.

Logo de varios cargos territoriais en Galicia e vinculado sobre todo ao sector metalúrxico de CCOO, múdase a Madrid ao acceder á secretaría xeral da Federación do Metal do sindicato en 1987. Desde 1995, e logo de fusionarse metal e minería, Toxo foi nomeado secretario xeral da Federación Minerometalúrxica, cargo que abandona en 2004 ao ser elixido membro da Comisión Executiva. 

O 20 de decembro de 2008 foi elixido secretario xeral de CCOO, un posto que este sábado vén de comunicar que abandonará axiña. 

Ignacio Fernández Toxo © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.