O gasto de funcionamento da Xunta aumentou o seu peso ata 7 puntos con Feijóo

Reunión do Consello da Xunta © Ana Varela

Os números son, a priori, elementos difíciles de rebater. Non obstante, as cifras son retorcidas con asiduidade no marco do debate político. É o que acontece, por exemplo, co gasto social. En plena crise económica o Goberno galego veu insistindo en que o peso destas partidas veu medrando anualmente ata acadar "oito de cada dez euros", convertendo as contas do PP nas "máis sociais". "Nunca utilizamos tanta porcentaxe do Orzamento para política social", veu insistindo o propio presidente da Xunta, aínda que isto implicase contradicir informes oficiais do Ministerio de Facenda e, sobre todo, os datos absolutos que implican que na actualidade hai menos cartos para investimento social en Galicia que no inicio da crise. Pero, que acontece se lle aplicamos o criterio do Goberno para o gasto social a outra das súas bandeiras electorais, a dos fondos destinados ao funcionamento da propia Xunta?

Na presente lexislatura pero, sobre todo na anterior, o Executivo e o propio Alberto Núñez Feijóo insistiron en que o retorno do PP a San Caetano implicaría que a Administración gastaría "menos en si mesma" e "máis nos cidadáns". Isto implica, polo tanto, reducir os gastos de funcionamento ata chegar a niveis inferiores que os do Goberno anterior, formado pola coalición de PSdeG e BNG. Alén das declaracións duns e doutros, a fiscalización que cada ano realiza o Consello de Contas permite coñecer ata que punto estas afirmacións son ou non certas. E o certo, segundo este organismo, é que o peso do gasto de funcionamento aumentou ao chegar o PP, cando menos no primeiro mandato de Feijóo, que é ata onde chegan os informes publicados ata o momento.

No último ano ano completo do bipartito o gasto de funcionamento pesaba un 21,76% e en 2011 acadou o 29,44%

Sempre segundo as fiscalizacións da Conta xeral do Goberno autonómico no primeiro ano completo do Goberno bipartito os gastos de funcionamento, isto é, a suma dos capítulos orzamentarios I e II (persoal máis bens e servizos), comprometían o 21,4% dos Orzamentos Xerais. No ano 2007 este peso foi idéntico e un ano despois, en 2008, ascendeu ata o 21,76%. No orzamento de 2009, aprobado polo bipartito pero xa executado maioritariamente polo gabinete de Feijóo, os gastos de funcionamento chegaron ao 22,81% e nas primeiras contas elaboradas polo Executivo popular chegaron ata o 23,51%. En 2011 tocaron teito, superando o 29% e en 2012 baixaron ata o 24,56%, sendo aínda superiores que os de PSdeG e BNG.

Así as cousas, a aplicación aos gastos de funcionamento do criterio que o Goberno emprega para presentar o seu investimento social permite afirmar que, durante o primeiro mandato de Feijóo, estas partidas incrementaron o seu peso ata en algo máis de 7 puntos, diferenza acadada no ano 2011. Pero, que acontece se o criterio empregado é o das cantidades absolutas ou, o que é o mesmo, o dos cartos reais? Neste caso, o argumentario gobernamental cúmprese, pero só parcialmente.

O funcionamento absorbía en 2008 case 2.500 millóns e en 2012, 2.300

Regresando de novo ao primeiro ano completo do bipartito, 2006, daquela PSdeG e BNG destinaron 2.130 millóns para gastos de funcionamento. En 2007, aínda que o peso sobre o total do orzamento era idéntico, as partidas chegaron aos 2.307 millóns. En 2008 eran xa de 2.498 millóns e en 2009, de 2.626. O orzamento de 2010, o primeiro de Feijóo, destinaba a estes gastos 2.557 millóns de euros e en 2011 fixo o propio con 2.513 millóns, que en 2012 pasaron a ser 2.313. En todas estas cifras inflúen, entre outros aspectos, o aumento de persoal decidido en diversas áreas durante os anos do bipartito e os recortes salariais determinados dende o Goberno central en 2011.

Neste caso, polo tanto, é posible afirmar que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo si reduciu os gastos de funcionamento da Xunta en termos absolutos, chegando a un recorte de practicamente un 12% entre 2009 e 2012. Así e todo, esta mingua non chegou a niveis inferiores aos do bipartito, toda vez que en 2012 estas partidas sumaron 200 millóns de euros máis que en 2006, o que implica un incremento de algo máis do 8%. Dependendo do xeito en que se presenten os datos, polo tanto, o actual Goberno sae máis ou menos beneficiados sen necesidade de tocar un só número.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.