O Goberno central pide "ideas" a Galicia e Asturias para as futuras axudas a empresas como Alcoa

Marcha obreira na Coruña contra o peche de ALcoa Dominio Público Concello da Coruña

O Executivo de Pedro Sánchez pediu "ideas ou propostas" aos gobernos de Galicia e Asturias para axudar ás industrias electrointensivas no proceso de descarbonización da economía. Isto é, cara á elaboración do futuro Estatuto das Empresas Electrointensivas como Alcoa que prevé o borrador da futura Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética .

O secretario de Estado de Enerxía, José Domínguez Abascal, remitiu o pasado martes senllas cartas aos conselleiros de Industria de Galicia e Asturias por seren as dúas autonomías directamente golpeadas polo anunciado peche de plantas de Alcoa, que ameaza 700 empregos. Convídaos a participar na elaboración dese futuro estatuto, que foi anunciado o pasado 31 de outubro no Congreso pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

O secretario de Estado de Enerxía fai a proposta á Xunta e ao Principado no marco da elaboración do Estatuto das Empresas Electrointensivas que prevé a futura Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética

"Somos conscientes de que estas industrias, nas que a electricidade é un factor primordial, deben poder planificar a súa produción nun marco enerxético con regras coñecidas e sustentables no tempo. Conto coa túa opinión para poder desenvolver esta proposta polo que che prego que me remitas proximamente as ideas ou propostas que consideres relevantes", indican as misivas de Domínguez Abascal ao responsable de Economía e Industria do Goberno galego, Francisco Conde, e ao seu homólogo asturiano, Isaac Pola.

O borrador da Lei de Cambio Climático establece que, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta norma, o Goberno aprobará ese estatuto, que deberá recoller "mecanismos aos que se poderán acoller estes consumidores, encamiñados a mitigar os efectos dos custos enerxéticos sobre a competitividade da industria, de conformidade coa normativa comunitaria".

Mobilización contra o peche de Alcoa na contorna da Torre de Hércules / PSdeG

A misiva do Ministerio a Galicia e Asturias prodúcese en plena xeira de mobilizacións do persoal e mentres permanecen as incógnitas sobre a posibilidade de venda das factorías

O estatuto deberá recoñecer "as particularidades daqueles consumidores industriais eléctricos cun elevado uso da electricidade, un elevado consumo en horas de baixa demanda eléctrica e unha curva de consumo estable e predicible".

Tamén "establecerá a caracterización dos devanditos consumidores atendendo a variables obxectivas vinculadas ás pautas e volume de potencia e enerxía demandadas, así como á súa contribución potencial a unha mellor xestión técnica e económica do sistema eléctrico", sinala o anteproxecto. A existencia dun marco "estable" para o consumo enerxético destas industrias vén sendo, precisamente, unha das esixencias do persoal de Alcoa e tamén da Xunta. O presidente, Alberto Núñez Feijóo, leva semanas a reprochar que o Goberno de España non propón nada ao respecto.

A misiva do Ministerio ás autoridades da Xunta e do Principado prodúcese en plena xeira de mobilizacións do persoal galego e asturiano de Alcoa e mentres permanecen as incógnitas sobre a posibilidade de venda das factorías, unha vez ampliado o proceso de negociación do ERE formulado pola multinacional estadounidense. O panorama mobilizador viuse axitado a pasada fin de semana, cando a ministra de Traballo desbotou a posibilidade de aplicar á empresa a intervención estatal prevista na Constitución porque "non estamos nun réxime comunista".

 

Traballo denuncia a "ausencia de verdadeira vontade negociadora" de Alcoa

Ao tempo, a Dirección Xeral de Traballo do Goberno central respondeu por fin á queixa do persoal da factoría coruñesa --que cre nulo o ERE-- advertindo de que a empresa debeu convocar antes para prenegociar e insta a que se abra un período de negociación máis longo e atopar así "solucións non traumáticas".

A Dirección Xeral de Traballo cre que se tiñan que ter aplicado "solucións temporais máis amplas" antes de abrirse o período de consultas do ERE

O escrito emitido este mércores supón un apoio a boa parte das queixas dos traballadores da Coruña, aínda que non suporá a paralización do ERE. O documento considera que antes de abrirse o período de consultas deberían terse "arbitrado" outras "solucións temporais máis amplas que permitisen unha negociación máis acorde co calado social deste expediente". 

O Estado denuncia a "extrema celeridade" de Alcoa para iniciar o ERE e critica a "ausencia de verdadeira vontade negociadora"

O texto denuncia a "extrema celeridade" empregada por Alcoa para iniciar o ERE e sen ter antes unha "prenegociación" coas partes que é "lóxica" e adoita ser "habitual en grandes expedientes" coma este. Para Traballo, isto supón unha "ausencia de verdadeira vontade negociadora" e chama a Alcoa e persoal a que constitúan formalmente esa "comisión negociadora". 

Ademais, tamén pide que se "reflexione" sobre a "posibilidade de abrir un período amplo de negociación" no que participen as administracións e no que se poidan atopar "solucións razoables que eviten os graves efectos sociais e económicos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.