Nas últimas eleccións autonómicas de setembro de 2016, a participación das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) volveu estar marcada por unha elevadísima abstención. Roldou o 98%, porcentaxe semellante á de cada convocatoria electoral desde que en 2011 se instaurara a obrigatoriedade de solicitar formalmente a votación. Das máis de 446.000 persoas galegas con dereito a voto no exterior, tan só unhas 19.700 completaron os trámites para exercer o seu dereito. Delas, unicamente 10.777 remitiron o seu sufraxio en tempo e forma. Este sistema, o do voto rogado, é co que queren acabar desde hai tempo PP e PSOE, os mesmos partidos que o acordaran poñelo en marcha hai sete anos co apoio de BNG, CiU e PNV.
Nas últimas eleccións galegas, a abstención no voto exterior chegou ao 98%: votaron menos de 12.000 persoas dun censo de 446.000
Axiña lles deixou de gustar este sistema ás dúas grandes formacións, que instaban xa a dar marcha atrás neste aspecto da nova lei electoral aos dous anos de implantalo e que seguiron intentando acabar con el nesta lexislatura. Co cambio no Goberno, os socialistas volveron deixar clara a súa prioridade no caso de impulsar outra modificación lexislativa: rematar de vez cun método que puxo fin á fraude sistemática nos comicios pero que tamén fixo descender a mínimos históricos a participación.
"É un clamor, non só porque o pidan os españois, senón porque os datos están aí, dannos a razón", dixo este luns Consuelo Rumí, a nova secretaria de Estado de Migracións, durante a súa intervención no pleno do Consello Xeral da Cidadanía Española. Deixou claro que o Goberno socialista intentará derrogar o voto rogado axiña e que buscará o "consenso" co PP en canto a formación conservadora elixa novo líder.
A nova secretaria de Estado de Migracións asegura que a derrogación do voto rogado é "un clamor" e anuncia que buscará o "consenso" co PP para eliminalo
Rumí refírese, ao falar de "datos", ao espectacular descenso na participación. A baixísima porcentaxe, por exemplo nas últimas eleccións galegas, contrasta coa que se deu nos últimos comicios autonómicos sen voto rogado: Nos de 2009 --cando figuraban no CERA unhas 335.000 persoas--, chegaran a Galicia un total de 101.708 votos e a taxa de participación superara o 30%, chegando ao 35,2% en Lugo. Xa que logo, uns 30 puntos máis que na actualidade.
Nas últimas eleccións galegas sen voto rogado a participación exterior foi de máis do 30%, 30 puntos máis que na actualidade
Ao tempo que descendía a participación, desapareceron tamén as sospeitas ou denuncias de fraude, os votos de persoas falecidas e o descontrol na recolleita de papeletas, as mesmas dúbidas que volverán pairar agora sobre a posible (e máis que probable) reforma, de non aplicarse maiores e mellores garantías nos comicios. Porque non só PP e PSOE apoian acabar co voto rogado, tamén Unidos Podemos ou Ciudadanos deixaron clara a súa aposta por derrogalo.
A contundencia no rexeitamento xorde, en moitos casos, do intento por acabar cos atrancos que a nova, moza e recente emigración atopou nos últimos comicios autonómicos e estatais. Son residentes temporais que denunciaron as dificultades para votar tamén nas municipais, vetados para integrantes do CERA, malia terse apuntando como transeúntes nos consulados. Pouco o nada que ver censo de persoas emigradas e asentadas desde hai décadas noutros países.
"Temos claro que contra a fraude hai que loitar, pero non a costa de impedir e dificultar que os cidadáns españois no exterior poidan votar", di Rumí, que lamenta que "elección tras elección vaian diminuíndo os españois que votan" e que mesmo asegura que o novo sistema "non eliminou ningún problema" e "só dificultou o dereito ao voto". De feito, recoñece que o PSOE "recoñeceu moi pronto o seu erro" e que "desde 2012 pediu retieradamente a derrogación do voto rogado e que se garantizase que ningún español que quixese exercer o seu dereito se vise privado del por atrancos burocráticos".
Co anterior sistema, todos os inscritos no CERA recibían a documentación electoral na casa sen pedila previamente e podían remitila sen necesidade de que se comprobase a súa identidade
O sistema anterior ao do voto rogado implicaba que todas as persoas inscritas no CERA recibían a documentación electoral na casa sen pedila previamente e podían remitila sen necesidade de que ninguén comprobase a súa identidade e os votos incorporábanse ao resultado electoral do interior sen controis que permitisen acreditar, por exemplo, se o elector de que se tratase era unha persoa viva ou, pola contra, xa falecera e alguén votara no seu nome. No entanto, estes controis implicaron tamén notables obstáculos para votar ás persoas que residen temporalmente no exterior, malia ser a súa situación obviamente distinta.
Para a nova secretaria de Estado de Migracións, o "prólogo" dese "grande acordo" para unha reforma electoral "podería ser" a proposición de lei impulsada por Unidos Podemos no Senado e aprobada por unanimidade que multiplicaría a colectividade galega e española no exterior coa concesión da nacionalidade a milleiros de familiares de emigrantes. De aprobarse esta modificación lexislativa, tal e como prevén todos os partidos, non só o censo da diáspora galega aumentaría en moito a actual cifra de 516.000, senón tamén a de persoas inscritas no CERA e con dereito a voto, que na actualidade anda roldando as 450.000.
A reforma impulsada no Senado multiplicaría o censo de residentes ausentes para as eleccións galegas ou estatais
"De saír a reforma adiante, practicamente toda a illa de Cuba podería pedir a nacionalidade", explican a Praza.gal fontes expertas no censo electoral galego. A proposta tomada en consideración no Senado corrixiría diferentes discriminacións e ampliaría a posibilidade de adquirir a nacionalidade a milleiros de netos e netas de emigrantes, entre outros casos. Como paradoxo, mentres os descendentes da diáspora aumentarán o CERA, as persoas galegas emigradas --e empadroadas-- noutras partes do Estado seguirán sen poder votar nas eleccións en Galicia. Segundo os últimos datos do INE, algo máis de 7.000 persoas trasladaron a súa residencia a outras comunidades, principalmente a Madrid, Cataluña e Andalucía