- GALERÍA | #Falamos? Concentracións de branco en demanda de diálogo entre o Govern e o Goberno
- Gas Natural e Caixabank únense á fuxida de empresas de Catalunya que o Goberno facilita vía decreto lei
O impacto de ver como os pesos pesados do empresariado catalán (CaixaBank, Gas Natural Fenosa, Banco Sabadell, entre outros) piden o cambio de sede fóra de Catalunya máis as claras posicións da Comisión Europea e das grandes familias políticas europeas na Cámara de Bruxelas contrarias á declaración unilateral de independencia están a gretar o partido do president da Generalitat, Carles Puigdemont. Estas fisuras no PDeCAT, unidas ao tirón de orellas da Comisión Europea, que pediu ao Goberno que buscase unha solución política dialogada para a crise catalá, fixeron que o Executivo de Mariano Rajoy propoña que o Parlament catalán se converta no escenario onde comezar "a selar a fractura", xa que é o lugar "onde están sentados os representantes dos cidadáns e onde se debe recuperar o diálogo e a convivencia".
A saída de empresas de Catalunya e o rexeitamento dos principais grupos políticos europeos ao referendo abren gretas no partido de Puigdemont
A coordinadora xeral do PDeCAT, Marta Pascal, sinalou nunha entrevista da cadea SER sobre a declaración de independencia que "preocupa pouco o tempo, pero si a palabra dada, que temos un compromiso, pero á súa vez, que non queremos perder a ninguén, e sobre todo que non queremos perder a complicidade internacional". En sentido parecido pronunciábase nun artigo no diario Ara o conseller de Empresa, Santi Vila, que avogaba por "acordar, se se me permite, un cesamento do fogo, non tomar decisións irreparables nos próximos días".
Esas "decisións irreparables" ou como o denominou o ministro de Educación e portavoz do Goberno, Íñigo Méndez de Vigo, eses "pasos irreversibles na mala dirección" concéntranse na declaración unilateral de independencia, que en teoría Puigdemont pretende levar á Cámara catalá o vindeiro martes. Por este motivo, o ministro portavoz insistiu en que o president "volva á legalidade e se sitúe na orde constitucional para que podamos falar e dialogar". "É importante pechar esa brecha no Parlament de Cataluña. Sería importante volver ao diálogo onde se crebou a legalidade nas xornadas do 6 e 7 de setembro", cando se aprobaron as leis de referendo e de transitoriedade, declarou Méndez de Vigo.
Anular a intermediación
O Executivo de Mariano Rajoy despraza ao Parlament catalán o posible escenario de diálogo se non hai proclamación de independencia
O Executivo pretende co desprazamento do diálogo á Cámara catalá anular as variadas propostas de intermediación internacional ou local, que foron asumidas como "unha humillación para un Estado soberano", e afondar na mensaxe de que se trata dun problema interno, tras o salto internacional do proceso independentista provocado pola imaxes de violencia na actuación policial o domingo 1 de outubro. Ademais, no Parlament rebaixaríase o conflito a un debate entre partidos cataláns, sen que o Goberno entre no diálogo como lle esixe a á máis dura do seu partido, quedándose como observador á espera de tomar medidas segundo os pasos que dean as formacións independentistas.
O Goberno entende que entre as filas do PDeCAT necesitan gañar tempo e argumentos os dirixentes menos radicais e que o abandono das empresas e as mensaxes negativas desde Bruxelas vaian calando entre as bases independentistas. Rajoy, unha vez máis, non ten présa por mover peza. En Moncloa asúmese que hai que dar unha vía de saída aos independentistas que lles permita deseñar unha fórmula para non proclamar a independencia.
Imaxe de firmeza
Rajoy tenta dar imaxe de firmeza polas turbulencias internas no PP e para non deixar espazo a Ciudadanos
Á vez, o Executivo de Rajoy non pode deixar de ofrecer a imaxe de firmeza para evitar as turbulencias internas que provoca as peticións de man dura por parte do ex-presidente José María Aznar e un sector do PP e non deixar o espazo a Ciudadanos como único partido que fai fronte aos nacionalistas.
Méndez de Vigo declarou este venres que o Goberno "tomará no momento oportuno aquelas decisións que teña por conveniente e farao con inmediatez, con firmeza e con serenidade", tras coñecerse que durante a mañá Rajoy se reuniu co presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, que volvera pedir que poña en marcha a aplicación do artigo 155 da Constitución para intervir completamente a autonomía catalá.
Se hai declaración unilateral de independencia, cambiarase a estratexia
Rajoy rexeitou a aplicación do mecanismo constitucional. A guerra pola imaxe en Bruxelas é fundamental para os Gobernos de Madrid e Barcelona. En Moncloa prefiren sanear a súa imaxe en Europa tras a violencia do 1-O e só dar pasos que non entrañen mobilizacións ou sexan posibles fontes de disturbios, como a aprobación do Real Decreto Lei para facilitar a saída exprés ás empresas que están en Catalunya e que queiran cambiar rapidamente o seu domicilio social. Se hai declaración unilateral de independencia, cambiarase a estratexia.