O grupo de Aymerich botará a andar co BNG como "casa común nacionalista"

Nogueira, Aymerich e Veiga CC-BY-SA Praza Pública

Un "colectivo organizado no seo do BNG" co "propósito de traballar a prol dunha Galiza soberana e socialmente xusta". Son os trazos básicos cos que se define Abrente-Esquerda Democrática Galega ou, o que é o mesmo, o novo grupo que botará a andar no Bloque o vindeiro 9 de xuño e que ten como membros máis destacados ao ex portavoz parlamentario da formación, Carlos Aymerich, así como a actual vicevoceira, Ana Luis Bouza, representantes do mundo municipal como a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ou militantes históricos como Camilo Nogueira e Xesús Veiga. Tras os avatares derivados da pasada Asemblea Nacional frontista este novo grupo, constituído esencialmente por persoas antes integrantes de Máis Galiza que non apoiaron a escisión, defende nos seus textos fundacionais que o BNG "pode e debe ser a casa común dos e das nacionalistas".

Abrente sinala nos seus textos fundacionais que vai "traballar para recuperar a unidade do nacionalismo"

O de "traballar para recuperar a unidade do nacionalismo" é, precisamente, un dos primeiros retos que Abrente-Esquerda Democrática Galega se marca nos seus primeiros documentos, aos que tivo acceso Praza Pública. A nova formación ve no Bloque unha "peza básica do patrimonio colectivo xerado polo movemento nacionalista galego" e coida que "segue aberto a integrar a cantas persoas queiran traballar a prol dunha Galiza máis libre e máis xusta". "Entendemos que o funcionamento interno do BNG debe ser un espello do que defendemos para a sociedade" e por iso, din, asumirán a "pluralidade ideolóxica como un valor" e "a procura constante do acordo e da lealdade a un proxecto colectivo" van "guiar a nosa actuación como militantes do BNG".

Á marxe das cuestións internas estes primeiros textos, que serán sometidos á propia asemblea constituínte, sitúan como "obxectivo" xeral de Abrente o "reforzo da vontade nacional da cidadanía galega" de cara ao "recoñecemento de Galiza nun Estado plurinacional e como nación europea". "O logro de institucións de autogoberno supuxo un punto de inflexión no que atinxe ao desenvolvemento económico e á consolidación de Galiza como espazo político diferenciado" no que, "a pesar das insuficiencias do marco autonómico", sinalan que "a experiencia de Goberno do BNG demostrou a posibilidade de lograr avances substanciais". En calquera caso ven en episodios como a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya a proba de que o "autogoberno nacional efectivo" non pode ser resultado "dun cambio constitucional outorgado polas institucións e partidos estatais". "Só a hexemonía nacionalista en Euskadi, Catalunya e Galiza, como condición necesaria para o exercicio da autodeterminación, pode asegurar o pleno recoñecemento da plurinacionalidade e do autogoberno real", din.

O novo colectivo ve na "hexemonía nacionalista" a "condición necesaria para o exercicio da autodeterminación"

A outra vertente destes textos é fundamentalmente socioeconómica e de análise da actual crise, dende a concepción de que "Galiza dispón de capacidade económica para sustentar o pleno autogoberno", "evidencia" que, cren, "debe ser empregada non só como argumento mobilizador", senón "tamén e sobre todo para impulsar a consciencia e vontade política nacional". Neste contexta a súa aposta será a de considerar "imprescindíbel a existencia dun sector público eficaz, en condicións de intervir na economía", con "mecanismos públicos de regulación dos mercados" e iniciativas concretas como a que vén sendo proposta bandeira do BNG nos últimos meses, a "constitución dunha banca pública galega a partir da asunción polos poderes públicos galegos da participación estatal no capital" de Novagalicia Banco.

"A inacción da Xunta do PP ante a actual crise, afogando sectores básicos da estrutura económica do país" retrata, a xuízo de Abrente, "a urxencia da necesidade dun outro goberno, liderado polo nacionalismo". Ese novo Executivo non só terá que mudar a política económica, advirten, senón tamén realizar apostas estratéxicas como o afortalamento do galego como "lingua nacional", cuxo estatus legal debe "depender exclusivamente das decisións adoptadas polos poderes públicos galegos", tendo en conta o seu carácter "internacional", que "nos abre a porta do mundo lusófono".

 

Nogueira, Aymerich e Veiga CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.