O grupo parlamentario de En Marea non esixirá á deputada Paula Quinteiro que entregue a súa acta de deputada como consecuencia da súa implicación nun altercado coa Policía local compostelá. Os representantes da formación na Cámara galega mantiveron este luns unha longa xuntanza no Pazo do Hórreo dende as 10 da mañá que culminou contra o serán, tras unhas seis horas, coa decisión de que Quinteiro "demande a apertura dun expediente informativo" sobre o acontecido no que poida detallar formalmente "todos os elementos que concorren no caso".
A decisión, que segundo fontes consultadas por este diario, recibiu os votos favorables de todos os membros do grupo agás dous votos en contra e a abstención do voceiro, Luís Villares, chega apenas dous días despois de que o Consello das Mareas, máximo órgano da formación, pedise o cesamento de Quinteiro. Este órgano formulou a petición na liña expresada pola coordinadora, a dirección ordinaria de En Marea como partido instrumental.
O acordo pechado polo grupo contempla que Quinteiro pida a "apertura dun expediente informativo" sobre o altercado coa policía para detallar "todos os elementos que concorren no caso"
Esa, considerou o Consello, era a consecuencia adecuada para o acontecido na noite do 17 de marzo en Compostela. Segundo o atestado policial revelado pola axencia Europa Press e La Voz de Galicia, a deputada esgrimiu a credencial que a identifica como membro do Parlamento durante a identificación dun home que a acompañaba, presuntamente implicado na rotura de varios espellos de vehículos estacionados nunha rúa do Ensanche compostelán.
Fronte ao recollido no atestado a respecto dunha suposta intención de obstaculizar o labor policial Quinteiro veu asegurando que a súa intención foi a de "mediar" no conflito; así o defendeu a pasada semana nunha declaración ante os medios e igualmente ante os órganos internos de En Marea que pediron a súa dimisión. Os feitos polos que Quinteiro "xa deu explicacións", sinala o texto pactado polos membros do grupo este luns, "foi instrumentalizado polo PP para atacala persoalmente e ao grupo parlamentar".
O texto aprobado sinala que a "opinión expresada polo Consello das Mareas" na súa petición de dimisión é "unha declaración política" sen "consecuencias directas"
Segundo o acordo pechado este luns polo grupo, "a opinión expresada polo Consello das Mareas" é "unha declaración política" sen "consecuencias directas", porque para que as tivese deberíase "seguir o procedemento regulado". Ese procedemento é o que reclamará Quinteiro poñer en marcha a través do devandito expediente. Así e todo, indica o acordo, "con independencia do resultado", o grupo "considera que Paula Quinteiro", tamén inscrita en Podemos, "debe seguir desenvolvendo as súas funcións como parlamentaria de En Marea, tal e como xa afirmou en anteriores ocasións o grupo parlamentario".
O suceso no que se viu envolvida Quinteiro sacou nos últimos días novamente á luz as tensións internas que veñen acontecendo no seo de En Marea dende pouco despois da súa constitución como partido instrumental. Así, os sectores críticos coa dirección que encabeza Villares consideraron que a petición de dimisión non respondía só ao acontecido na devandita identificación policial, senón tamén a unha intención de propiciar a remuda de Quinteiro por mor das súas afinidades políticas no seo da organización. Mentres, na contorna da coordinadora veuse defendendo a incompatibilidade da implicación de Quinteiro no altercado coa policía coa súa permanencia no labor parlamentario.