Ferroatlántica, unha das empresas que compoñen o emporio do ex-ministro Juan Miguel Villar Mir, non só se lucrou durante unha década cun permiso ilegal concedido pola Xunta de Galicia que presidía Manuel Fraga en 2001 para secar a fervenza do Ézaro e aumentar a produción de enerxía na súa central hidroeléctrica de Dumbría, na Costa da Morte.
Ferroatlántica reclamou unha indemnización millonaria cando outro Goberno galego, presidido por Alberto Núñez Feijóo, decidiu en 2011 -coincidindo co inicio do procedemento penal que investigaba esa concesión- anular a orde que permitiu á empresa deixar a fervenza sen auga durante máis de dez anos a cambio de abrila unha hora os domingos para turistas.
Primeiro esixiuna ao Goberno galego e tras a negativa deste, despois esgotou todas as instancias posibles nos tribunais. Nin o consorcio empresarial de Villar Mir, que se atopa en pleno proceso de venda dos seus activos en Galicia, nin a Xunta informaran desta segunda batalla xudicial, que se resolveu cunha sentenza ditada en febreiro polo Tribunal Supremo.
Segundo a documentación en poder desta redacción, a sociedade de Villar Mir presentou meses despois de que a Xunta de Feijóo lle ordenase durante a primavera de 2011 devolver a fervenza ao seu estado orixinal un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que esixía á Administración galega 56 millóns de euros máis xuros como compensación por non poder seguir explotando o caudal da fervenza para producir enerxía.
Ferroatlántica esgrimiu o prexuízo patrimonial que lle causaba a anulación do permiso de Fraga para esixir á Xunta 56 millóns de euros máis xuros
Nese preito no contencioso -paralelo ao que se seguía nun xulgado penal de Santiago contra o alto cargo de Fraga Francisco Pan-Montojo que asinou a autorización para secar o río Xallas na súa desembocadura e contra a propia empresa por beneficiarse da resolución- Ferroatlántica esgrimiu o prexuízo patrimonial que lle causaba a anulación do permiso, que, de paso, consideraba contraria á lei.
Desde aquela, dous tribunais distintos, o Superior de Galicia, e o Supremo, ao que a empresa de Villar Mir acudiu en casación o 24 de novembro de 2015, deron a razón ao Goberno de Feijóo na súa decisión de emendar á Xunta de Fraga e restituír o estado orixinal do río Xallas, un dos poucos en Europa que cae directamente ao mar en forma de fervenza. As sentenzas, ás que tivo acceso eldiario.es, son algo máis que unha simple negativa ás pretensións de Ferroatláncia de cobrar por devolver a auga ao Ézaro e de anular o acto administrativo segundo o cal a única obriga da empresa era soltar unha hora de auga os domingos para deleite dos turistas que se congregaban na desembocadura.
Supervivencia das especies
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lembra no seu ditame do 5 de novembro de 2015 que a autorización que o Goberno de Fraga expediu á empresa do seu amigo Villar Mir era ilegal, posto que vulnerou a Lei de Pesca Fluvial de Galicia, que establece a obriga de que os saltos nos ríos respecten un caudal ecolóxico e non poñan en perigo a supervivencia das especies. Por iso, sinala a sentenza: "sendo ilegal [a orde de 2001 ditada pola Xunta de Fraga] nada impedía o exercicio da revisión, que por iso non é contrario á equidade nin á boa fe, por canto afectábase a un ben xurídico importante, prexudicando a bens xurídicos colectivos".
O Supremo vén de avalar a decisión do TSXG, na que lembra que a autorización do Goberno Fraga para secar a fervenza era ilegal e a declaración de impacto ambiental na que se apoio, "contraria a dereito"
O Tribunal Superior de Galicia establece ademais que a declaración de impacto ambiental aprobada polo gabinete de Fraga en 2000 e imprescindible para poder secar a fervenza foi "contraria a dereito". Os tres xuíces que conforman a Sala Segunda do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Galicia na súa sentenza recorren ao ditame realizado en marzo de 2013 polo Consello Consultivo "en sentido desfavorable á pretensión de indemnización por responsabilidade patrimonial". O devandito informe, sinala a sentenza, considera que Ferroatlántica "era consciente da ilegalidade" do permiso que se lle outorgou en 2001 "porque é concesionaria de importantes aproveitamentos hidroeléctricos e solicitou a modificación do título concesional sobre os recursos hídricos, e por iso non se pode considerar vulnerado o principio de confianza lexítima".
O Tribunal Supremo vén de avalar nunha sentenza asinada o pasado 15 de febreiro o criterio dos xuíces galegos. Na batalla do contencioso administrativo a moeda saíu cruz para os intereses de Villar Mir, que con todo librouse do outro preito en penal no que o fiscal lle esixía oito millóns de euros por lucrarse coa orde ilegal que lle permitiu secar a fervenza. Esa causa arquivouse ao entender o xuíz e o fiscal seguindo a nova doutrina do Tribunal Constitucional que os presuntos delitos -polos que se xulgaba ao alto cargo de Fraga que asinou os documentos para avalar o permiso- están prescritos.
Ferroatlántica e o Grupo Villar Mir declinaron facer comentario algún sobre ambas as sentenzas.