O guión do BNG para as deputacións

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG CC-BY-SA BNG

"É cedo pero non descartamos nada porque a correlación de forzas fai que sexa posible. Todas as opcións están abertas". Goretti Sanmartín, responsable de acción local do BNG, non pecha a porta a que o Bloque reclame a presidencia da Deputación da Coruña nunha futura negociación co PSOE, que presidiría as de Lugo e Pontevedra. Así o manifestou tras a xuntanza que unha delegación nacionalista mantivo este xoves coa Marea Atlántica. Ao tempo, en Compostela, o voceiro nacional Xavier Vence negaba que iso fora unha esixencia e reclamaba "comezar a construír a casa polos alicerces e non polo tellado", priorizando un "acordo" a nivel galego ante o "novo escenario" aberto para "adelgazar" as institucións provinciais. Un paso máis "en dirección a súa desaparición”, un pacto previo ao das responsabilidades no que, aclara, a formación "reivindicará unha visualización de acorde coa súa achega". 

O BNG pretende un "acordo" a nivel galego para "adelgazar" as deputacións antes de determinar as responsabilidades de cada partido

O BNG ve no resultado das municipais "a ocasión" para levar a cabo un "cambio radical" das deputacións, o seu "adelgazamento", así como unha maior "transparencia, democracia e descentralización" dunhas institucións que considera "símbolo dunha administración arcaica e caciquil". Por iso propón, no marco das negociacións para desbancar o PP do poder, un "acordo galego" para a "reforma profunda" das deputacións. 

Consciente da dificultade legal que iso supón, o BNG propón un "compromiso político coas forzas" coas que poida "compartir iso" para "levar a cabo unha reforma lexislativa necesaria no camiño de adelgazar as deputacións". Sería unha fórmula de "frear e inverter" a reforma local do PP que prevé unha "recentralización de servizos" e baleira de competencias os concellos. Vence avoga por "impulsar estruturas de carácter comarcal" e a colaboración entre municipios e pon como liña vermella para a negociación a repartición "con criterios obxectivos" dos recursos que distribúen as deputacións, de modo que se eviten "favoritismos, amiguismos e caciquismos", e se reduza "á mínima expresión" a "discrecionalidade" de que dispoñen os presidentes destas institucións.

Vence aposta por "frear e inverter" a reforma local do PP e "impulsar estruturas de carácter comarcal"

Vence advirte ademais que este acordo debe chegar tamén á Fegamp porque "o país necesita cambios estruturais". E agora será o PSdeG o que terá que mover ficha. Os socialistas galegos deron por feito que ocuparían a presidencia das deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, pero a desta última non está nin moito menos clara, malia que a dirección xa postulou o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, como futuro presidente. Ao tempo, outras voces do partido apostan polo rexedor de Dumbría, José Manuel Pequeño, que ameazou mesmo con deixar o partido se a secretaría xeral impoñía a súa aposta. 

Pero o Bloque non descarta a presidencia na Coruña. “É o momento para dar un gran cambio nas estruturas do poder local en Galiza, fuxindo dun mero reparto de cargos ou de áreas”, di Vence, pero a continuación xa advirte que, "de haber acordo nun plan estratéxico a catro anos", o paso seguinte sería "establecer as responsabilidades de cada forza política nos órganos de goberno". "Nese sentido, o Bloque reivindicará, como é lóxico, unha visualización acorde coa nosa achega”, asegura. 

O PSdeG dá por feita a presidencia na Coruña, pero o Bloque podería reclamar a presidencia; a suma das mareas e AV co BNG supera os socialistas

Semella que reivindicará a presidencia na Deputación da Coruña, onde o número de forzas e a fragmentación é moito maior que no resto. "Non semella esaxerado, nunha negociación de conxunto exixir, cando menos, que a presidencia dunha destas tres entidades deba corresponder ao BNG ou, de haber acordo en tal sentido, a unha forza distinta do PSOE", dixo xa o ex deputado do BNG Carlos Aymerich nun artigo publicado neste diario

Mentres en Lugo e Pontevedra o PSdeG quedou a tan só un escano do PP, no pleno provincial da Coruña os socialistas contan con 8 representantes, polos 13 dos populares. Bloque (5), Marea Atlántica (3), Compostela Aberta (1) e Alternativa dos Veciños (1) suman 10 e a súa aposta para a presidencia podería ser diferente e superar á do PSOE. A negociación "conxunta" e non provincia a provincia que pretenden os nacionalistas levará a que o BNG presione ata o último momento. 

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica na Coruña, advirte tamén que "o relevante non é quen encabece" a Deputación da Coruña, senón que "funcione de forma máis xusta e cun trato equitativo para todos os concellos". Martiño Noriega, futuro alcalde en Santiago por Compostela Aberta, repetiu unha e outra vez que a súa formación facilitaría "que o PP non repetise no goberno". 

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG CC-BY-SA BNG
Pleno na Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.