"Algún día han volver os noventa". Non poucas veces os amantes do estilismo e a moda máis vangardista auguran que a curiosa estética da derradeira década do pasado século retornará en calquera momento con toda a súa crueza. Mentres iso acontece ou non as decisións gobernamentais, no Estado e nas autonomías, están a facer revivir unha criatura desa ecléctica década que non loce ombreiras nin peiteados imposibles, senón unhas tesoiras que apuntan cara ao sector público e unha especial querencia por un termo inédito naquela altura, o xa coñecido como repagamento sanitario. Trátase do alcumado como Informe Abril, un documento elaborado por unha comisión de expertos en 1991 e que recibe o nome do seu presidente, o ex ministro de UCD Fernando Abril Martorell. A instancias dunha proposición do CDS -a derradeira aventura política de Adolfo Suárez- a maioría parlamentaria do PSOE estivo conforme con que os expertos elaborasen un "estudo sobre o Sistema Nacional de Saúde e as tendencias do seu entorno". Encomendóuselles propoñer receitas para mellorar unha sanidade pública que daquela estaba en pleno proceso de descentralización autonómica. Pero as recomendacións non foron do agrado de case ninguén. O Goberno de Felipe González desbotou un relatorio inzado de privatizacións, externalizacións e repagamentos que tampouco foron acollidos con entusiasmo polo PP, na altura acabado de fundar. Non obstante, dúas décadas despois o informe adquire unha inusitada actualidade.
As modificacións do sistema sanitario público nestes vinte anos e, sobre todo, os últimos recortes do Executivo que dirixe Mariano Rajoy converten o Informe Abril nunha premonición, un verdadeiro mapa que pode ofrecer pistas do que está por vir. Mesmo as persoas máis neófitas na materia poderán atopar no documento vocablos máis que habituais na linguaxe política do 2012. Como os actuais gobernos galego e central os expertos comandados por Abril Martorell detectaban unha verdadeira "urxencia de reformas" que deberan ter como cometido solventar os "síntomas de esgotamento" da sanidade pública. Os ditos populares din que "a saúde non ten prezo", ilustraban os autores do informe, "pero realmente ten un custo". Ese é un concepto que recomendaban trasladar á "conciencia" da cidadanía. O obxectivo debería ser "diminuír o diferencial entre as aspiracións da poboación e as posibilidades económicas" das Administracións.
"Prestacións complementarias" e repagamento na farmacia, vinte anos antes
O informe recomendaba articular un catálogo de "prestacións complementarias", ao xeito do aprobado polo actual Goberno central
Cando a caída de Lehman Brothers soaba a chinés e as contas aínda se facían en pesetas os expertos da comisión inspirada por UCD aseguraban que o seu propósito era manter a "calidade" dos servizos sanitarios, pero "rectamente entendida". Para iso cumpría, por exemplo, aplicar moito máis rigor nos orzamentos sanitarios, "valorar se os recuros públicos poden financiar a totalidade do incremento" do gasto en sanidade derivado do mesmo que agora alerta o Fondo Monetario Internacional: as persoas viven máis e, polo tanto, van máis ao médico. "Cabe pensar en actuacións de carácter restritivo xenérico (...) ou nunha vía de prezos", suxerían. É neste punto onde o Informe Abril resulta especialmente premonitorio. A súa suxestión pasaba por realizar unha "concreción das prestacións básicas que forman parte dos fundamentos do sistema de convivencia e deben ser financiadas maioritariamente polo sector público", aínda que xa "cunha participación reducida dos usuarios". Por outra banda estarían as "prestacións complementarias", que "serían pagadas en gran parte polos usuarios". Aínda que cunha linguaxe máis clara, o expresado aquí non é moi diferente do decidido polo Consello Interterritorial de Saúde do pasado 18 de abril e que se concretará nos vindeiros meses. Nesas "prestacións complementarias" estará, por exemplo, o transporte sanitario non urxente.
Pero os expertos aínda redactaron máis "reflexións" a repecto da "permanencia" ou non dunha "regra xeral de gratuidade" que, na súa opinión, estaba ligada a "etapas de desenvolvemento económico inferior". "A fronteira da gratuidade como regra xeral haberá que atravesala para lograr un maior grao de satisfacción xeral". Pouco partidarios do financiamento só vía impostos achegaban ideas que converten en pouco orixinais a algúns gobernantes deste inicio do século XXI. Os sistemas que dependen menos dos impostos teñen máis "virtudes en canto á corrección do déficit", aseguraban, e por iso cada hospital podería "obter ingresos adicionais" pola súa conta, xa fose a través de actividades "como a docencia" ou "pola oferta de servizos hoteleiros (restauración, cama de acompañante) facturados ao seu custo real". Isto é, o que o Goberno central envía agora en forma de globos sonda e que algúns gobernos autonómicos, como o catalán ou o madrileño, acollen con entusiasmo. O mesmo podería suceder, con "prudentes medidas económicas disuasorias", nos servizos de urxencias.
A comisión apostaba por cobrar a comida no hospital e o repagamento dos medicamentos
O compoñentes da daquela coñecida como Comisión Abril tiveron tamén ideas para facer caixa á hora de ir á farmacia que, con variacións, tamén están a ser recicladas na actualidade. Así, por exemplo, propuñan ideas que en parte xa foron asumidas polo Goberno do PP en 1996, con José Manuel Romay Beccaría como ministro de Sanidade e Alberto Núñez Feijóo como director do Insalud, como excluír determinados medicamentos do financiamento público. Do mesmo xeito, apostaban abertamente polo repagamento farmacéutico, tamén para os pensionistas. Con todo, a súa proposta difire en dous puntos esenciais a respecto da reforma de Rajoy. Amparándose en "razóns de oportunidade política" recomendaban cobrar o 40% dos medicamentos, que despois sería "reembolsado" aos xubilados, dado que a intención non era "recadatoria". Ademais, en calquera caso, para aplicar esta medida sería "requisito indispensable incrementar as pensións en análoga contía".
Mentalidade "empresarial"
Non só o actual Goberno de Rajoy bota man de preceptos ou inspiracións filosóficas e políticas deste informe. Equipos anteriores, no Estado e nas autonomías, teñen aplicado parte das recomendacións dunha comisión con especial inclinación cara ao sector privado en detrimento do público. Ao seu xuízo, o "monopolio estatal no financiamento" non era viable, cumpría pór fin á "política restritiva co sector privado" e aplicar unha "visión empresarial" na xestión da sanidade pública. A sanidade privada non era unha ameaza, senón unha "oportunidade de competir cos provedores de titularidade pública" que, á súa vez, deberían axustar ás "modernas técnicas de xestión empresarial. Por este motivo, "hospitais e outros centros poderían transformarse en sociedades estatais" ou fórmulas semellantes. Con diferenzas, este foi, por exemplo, o modelo das fracasadas fundacións sanitarias instauradas en Galicia polos gobernos de Manuel Fraga.
"Na sociedade avanzada de hoxe deberíase facer con medios propios só aquilo que non pode facerse con medios alleos"
Do mesmo xeito, abonda visitar calquera gran hospital galego, en funcionamento ou en construción -como o futuro complexo de Vigo-, para observar que algunhas das ideas do Informe Abril están xa plenamente implantadas. "Na sociedade avanzada de hoxe", dicían, deberíase "facer con medios propios -públicos-" só "aquilo que non pode facerse con medios alleos -privados-". Era necesario valerse de toda a "ductilidade que permite a subcontratación" para todo tipo de servizos asociados á sanidade, isto é, externalizar, privatizar boa parte das pezas imprescindibles para que, por exemplo, un hospital funcione -limpeza, cociña, transporte-.
A mesma mentalidade empresarial recomendábana tamén para a "atención ao consumidor -paciente-" e, sobre todo, para a política de persoal, que necesariamente debería facerse máis "flexible" e depender da dirección de cada centro sanitario, no canto de estar centralizada na Administración. Que o persoal ao servizo da sanidade pública estivese rexido por normas propias da función pública era, para os autores do informe, fonte dun "igualitarismo empobrecedor", que mesmo podía producir unha "artificial homologación co persoal facultativo" dos traballadores que desempeñaban outras funcións, "como se vivisen nunha primitiva fase de autarquía". Daquela, o informe foi rexeitado.