Xa se converteu en costume. Como vén ocorrendo no últimos seis anos, o pasado 27 de xullo, en pleno arranque das vacacións de verán, o Goberno aprobou pola vía expeditiva do real decreto a concesión dun crédito extraordinario "para atender ao pagamento de obrigas correspondentes a programas especiais de armamento e material" por 877,3 millóns de euros. O importe, xustificado por razóns de "extraordinaria e urxente necesidade", concédese "ao orzamento do Ministerio de Defensa e financiarase con débeda pública", segundo se explica no BOE.
A excepcionalidade da medida queda en dúbida porque o pasado 30 de abril o Goberno xa autorizara un aumento do gasto no orzamento do Ministerio de Defensa por un importe de 582,3 millóns de euros.
Coas dúas decisións o engorde dos diñeiros destinados ao departamento encargado de organizar a actividade militar en España creceu en nove meses un 24%. Así nos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 consignáronselle 5.937 millóns, que sumados aos 1.459 millóns das dúas partidas extraordinarias citadas, ascenden en total a 7.396 millóns.
Seis anos de 'extraordinarios'
Se botamos a vista atrás, o carácter excepcional dos créditos cos que desde 2008 se engorda de maneira sistemática e nunha contía media aproximada de 1.500 millóns cada ano, o orzamento inicial do Ministerio de Defensa, comprobaremos que lonxe de ser unha mediada "urxente e extraordinaria", converteuse nun costume. Así, no exercicio 2008 na lei de Orzamentos Xerais do Estado consignábanse para o departamento 8.149 millóns. Tras o correspondente decreto estival esta cifra aumentouse até 9.810 millóns. En 2009 a mesma xogada; de 8.255 millóns pasouse a 9.344 millóns. En 2010 de 7.694 subiuse a 8.715 millóns. No ultimo ano do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, 2011, os 7.156 millóns do orzamento convertéronse en 8.301 millóns.
En 2012, e xustificado en boa medida por unha partida extraordinaria para o pagamento de armamento, o tradicional engorde das contas de Defensa bateu a súa marca ao pasar dos 6.316 millóns orzados a 9.066 millóns.
Durante os últimos seis anos a contía total para o Ministerio de Defensa foi de máis de 43.000 millóns
Incluíndo no cómputo as cifras apuntadas correspondentes a 2013, e á espera de que antes de final de ano non se produzan novas sorpresas, durante o últimos seis anos a contía total orzada para o Ministerio de Defensa foi de 43.507 millóns. Con todo, tras a aprobación reiterada de partidas "extraordinarias" ano tras ano, a cantidade total gastada foi de 52.632 millóns; isto é 9.125 millóns de euros máis ou, o que é o mesmo, un engorde do 21%. No mesmo período partidas como a sanidade, a educación ou a investigación sufriron recortes de até o 50% por mor da crise.
Cartos para armamento
A concesión do último crédito extraordinario por 877,3 millóns o 27 de xullo último para Defensa é xustificada polo Goberno "para atender ao pagamento de obrigas correspondentes a programas especiais de armamento e material". Estes programas "tanto polo seu volume económico, complexidade industrial e tecnolóxica, supoñen as máis relevantes adquisicións de sistemas de armas" que cobren "necesidades político-estratéxicas, económicas, industriais e tecnolóxicas esenciais para a modernización das Forzas Armadas".
O último crédito é xustificado pola necesidade de "atender o pagamento de programas especiais de armamento e material"
Este río de millóns a crédito repártese do modo seguinte: 2,7 millóns para a Fragata F100; 371,5 millóns para o avión de combate EF-2000; 2,42 millóns para o carro de combate Leopardo; 46,6 millóns ao novo avión de transporte militar A-400M; 88,2 millóns para o helicóptero de combate Tigre; 28,2 millóns para o buque BAC; 32,4 millóns para o obús 155/52; 15 millóns para o mísil Taurus; 69,8 millóns para a Fragata F-105, un millón para o buque BAM-1; 34,5 millóns para o mísil C/C Spyke; 75,19 millóns para o helicóptero NH-90; 5,96 millóns para os Nodos CIS da UME e 10 millóns para o helicóptero EC-135.
Na única oportunidade para intervir no Congreso dos Deputados, por mor das vacacións parlamentarias, o deputado Joan Baldovi de Compromís-Equo asegurou que "é escandaloso, inmoral que mentres se recorta en sanidade, en educación, en i+d+i o orzamento de Defensa siga engordando. Parécenos tramposo, falto de ética, que mesturen créditos para desempregados, con créditos para tanques, mísiles e obuses".