O NPC apostará por "superar" o Estatuto coa "autodeterminación cara á independencia"

Cartaz da asemblea © Asembleas Nacionalistas

Tras meses de conversas, asembleas e xuntanzas a diversos niveis a xornada do 14 de xullo está marcada no calendario como a que determinará, en boa medida, o futuro do que se vén dando en chamar Novo Proxecto Común e, en sentido amplo, a posibilidade de que unha alianza de forzas coa vista posta no nacionalismo e na esquerda constitúa unha nova opción electoral de cara aos vindeiros comicios galegos. Nese día as asembleas conformadas en diferentes puntos do país, nun primeiro momento ao abeiro do Encontro Irmandiño aínda que con participantes doutras organizacións e tamén persoas sen filiación partidaria, ratificarán o seu modelo organizativo e os seus principios programáticos. Do mesmo xeito, o resultado dese cónclave servirá para calibrar as posibilidades de confluencia con Compromiso por Galicia, a unión de Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista que dende hai semanas vén desenvolvendo actos de presentación pública e xuntanzas coa cidadanía.

Nesa cita os representantes das diferentes asembleas terán sobre a mesa dous documentos, un centrado nos "principios políticos" da nova organización e outro, nos seus "principios organizativos". O documento político, elaborado a partir das achegas chegadas dende as comarcas e localidades, aborda dende a definición ideolóxica da futura organización ata os seus obxectivos máis concretos. Neste ámbito, a proposta a debate enmarca o NPC -cuxo nome final está aínda por definir- na tradición do "nacionalismo contemporáneo" como "expresión política do galeguismo", interpretada "baixo un prisma de cambio de sistema" e que ten entre os seus obxectivos a "superación" do marco estatutario, co horizonte da "autodeterminación cara á independencia" de Galicia.

Os textos sitúan o NPC na tradición do "nacionalismo contemporáneo" como "expresión política do galeguismo"

O NPC, explican os textos, quere ser un "proxecto común de liberación nacional e social" que asume estar na "fin dun ciclo histórico", tanto no contexto europeo e mundial como no do Estado español, onde xulgan "esgotado" o modelo político xurdido da Transición, tamén no vinculado ás autonomías. Neste contexto ven necesarias "novas formas organizativas dentro dunha esquerda plural e inclusiva", nas que prime a "fraternidade" e a "cooperación" no canto da "competición" e unha visión "ética" da política. Precisamente no que atinxe aos principios éticos está un dos puntos que ten aínda por definir a súa redacción definitiva. Na "opción a" o NPC sinala que "a organización, as súas asembleas e todas as persoas que a integran asumen o compromiso de exercer con absoluta enerxía e rotundidade o uso exclusivo dos métodos de combate pacíficos e democráticos, con exclusión do uso ou xustificación da violencia ou amparo política de quen a practique". Na "opción b", máis escueta, exprésase que "a nova organización política nacionalista desenvolve a súa actividade dentro do actual marco xurídico-político, a través de vías legais e pacíficas".

Textos programáticos e organizativos

Xunto a estas cuestións de tipo "ético" os textos a debate abordan tamén cuestións de tipo programático. Neste punto inclúen, por exemplo, a reclamación dunha "auditoría da débeda pública" que leve aparellada a fin da inxección de fondos ao sector bancario e a recuperación do rol tradicional das caixas de aforro. Ademais, entre os puntos a discutir atópase a "reversión dos concertos privados" establecidos polas diversas Administracións, a "defensa activa" da lingua e da identidade galega, a "soberanía alimentaria" ou unha "reforma tributaria" en profundidade.

No ámbito organizativo os textos do NPC ratifican o que xa se viña tirando das diversas asembleas no que atinxe ao carácter "individual" da afiliación, cuestión que, a priori, non é compatible cun modelo frontista. Partindo desta base a proposta de estatutos establece que a participación da militancia é "directa e indelegábel", tamén na elección dos órganos de dirección, nos que non poderá haber máis dun 60% de homes ou mulleres. Entre as cuestións a dilucidar na asemblea constituínte figura tamén o establecemento ou non de listas abertas para configurar os órganos directivos que sairán dunha asemblea nacional a celebrar cada dous anos. Sobre as decisións que tome a organización, explica a proposta, caberá a "discrepancia pública".

Cartaz da asemblea © Asembleas Nacionalistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.