O Parlamento de Galicia sumouse este mércores á celebración do Día dos Medios en Galego, que lembra a saída á rúa o 7 de febreiro de 1876 do primeiro número d'O Tío Marcos d'a Portela, primeira publicación íntegra en galego. Os actos centrais da celebración realizáronse o pasado sábado en Fene, pero este mércores o presidente da Cámara, Miguel Santalices, recibiu unha representación da Asociación de Medios en Galego e leu unha declaracións institucional que insta á sociedade civil a apoiar a estes medios.
Posteriormente, os portavoces e deputados dos catro grupos parlamentarios mantiveron un encontro cos representantes da asociación para amosarlles persoalmente o seu apoio. Para que unha declaración institucional saia adiante é imprescindible o apoio unánime dos grupos políticos.
A Cámara sumouse este mércores ao Día dos Medios en Galego cunha declaración institucional e a recepción por parte do seu presidente de representantes da Asociación de Medios en Galego
“Desde os poderes públicos debemos contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na busca de solucións”, di a declaración institucional, para engadir a necesidade de “visibilizarmos os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”.
“Apoiándoos estaremos avanzando no camiño de compromiso coa nosa realidade e orgullo polo propio iniciado no Rexurdimento. Por todo isto, pedímoslle ao conxunto da sociedade civil que se sume a esta conmemoración”, conclúe a declaración.