O Parlamento en pleno esixe que se "xulgue os responsables" do asasinato de José Couso

Os catro grupos aplauden tras a lectura da declaración CC-BY-NC-SA AGE

A unanimidade nos tempos da tensión. Os catro grupos que forman o Parlamento de Galicia acordaron este martes a redacción dunha declaración institucional para, no décimo cabodano do asasinato do cámara galego José Couso no Iraq, esixir que "os responsables" desta morte sexan xulgados. Unha década despois de que o ferrolán morrese no hotel Palestina de Bagdad a causa do fogo das tropas estadounidenses, PP, PSdeG, AGE e BNG reclaman "que se clarifiquen as causas" do falecemento e que, ademais "se xulgue os responsables dela".

Nun pleno parlamentario que ten todos os focos dirixidos á sesión do mércores, cando o presidente da Xunta comparecerá para dar conta das súas fotos con Marcial Dorado, os grupos atoparon un punto de encontro para propiciar que o lexislativo galego se "dirixa ao Goberno do Estado" para, "dentro do respecto á independencia do poder xudicial", reclamar que se desenvolvan "todas as actuacións pertinentes" para "poñer á disposición da Xustiza os responsables da morte de José Couso", a saber, militares dos Estados Unidos.

O Parlamento lembra que Couso foi "asasinado" por militares estadounidenses durante "a invasión de Iraq"

Neste sentido, o propio Parlamento cualifica a morte de Couso de "asasinato" e, dez anos despois, lembra "o seu traballo e a reivindicación cidadá para aclarar e xulgar os responsables" do acontecido. O xornalista, subliñan os deputados e depuradas, "morreu en 2003, durante a invasión de Iraq, a causa dos disparos dun carro de combate estadounidense", no edificio "no que se atopaba traballando coa prensa internacional". Alí, recordan, tamén pereceron "o camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub".

Dende aquela e ata a actualidade "diversas actuacións xudiciais tentaron poñer nas mans da Xustiza española aos responsables da morte do ferrolán José Couso". "Primeiro a Audiencia Nacional e despois o Tribunal Supremo actuaron", mesmo chegou a "abrirse un proceso e emitiuse unha orde de busca e captura sobre os militares estadounidenses que manexaban o tanque que disparou contra o Hotel Palestina". "Pero estas actuacións recibiron a negativa das autoridades estadounidenses", salientan. Resta saber, polo tanto, se o Goberno central atenderá o requerimento de todas as forzas políticas do país, que simbolizaron cun aplauso unánime o seu apoio á declaración.

Os catro grupos aplauden tras a lectura da declaración CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.