"O Parlamento estaba pechado para os cidadáns. Estamos intentando cambiar iso"

Eva Solla xunto con Juan Fajardo na sesión constitutiva do Parlamento Dominio Público Praza Pública

Eva Solla é a deputada máis nova do Parlamento. Ten 27 anos, milita en Esquerda Unida, é enfermeira e ocupaba o terceiro posto na lista de AGE por Pontevedra. Nestas primeiras semanas de actividade comezou centrándose nos problemas da sanidade, un tema que preocupa especialmente na súa cidade, Vigo.

Como están sendo os primeiros dias no Parlamento? Xa te sentes como unha deputada á marxe das dificultades para contar cun despacho?

Xa levamos unhas semanas funcionando, independentemente dos problemas que nos ocasionou a falta de previsión por parte do Parlamento de entrada de novos grupos. 

"Decepcionoume que se tomase a decisión de que AGE e BNG non poidamos estar presentes na mesa do Parlamento"

Como están sendo e serán as relacións con BNG e PSOE?

Persoalmente, decepcionoume que se tomase a decisión de que AGE e BNG non poidamos estar presentes na mesa do Parlamento. Independentemente disto, a relación é de normalidade, cada grupo temos que facer o noso propio traballo dentro e fóra do parlamento.

Como debe ser o traballo parlamentario nunha cámara na que o PP aplica a súa maioría como un rodillo?

Lonxe de ser un feito desmotivante, debe servirnos para ter claro que as loitas van a ser máis e maiores. Debemos ser quen de visualizar o noso traballo dentro do Parlamento, para que a xente que confiou en nós se senta representada. Pero tamén debemos traballar e multiplicarnos fóra do Parlamento. Debida a esa maioría do PP na Cámara, a maior parte das batallas hai que gañalas na rúa, coa nosa xente.

"Debemos ser quen de visualizar o noso traballo dentro do Parlamento, para que a xente que confiou en nós se senta representada. Pero tamén debemos traballar e multiplicarnos fóra"

Cales son os primeiros asuntos nos que te estás centrando?

Hai tantos temas que tocar! Eu particularmente comecei pola sanidade: recortes de persoal, recortes de servizos, privatizacións, deterioro da calidade... Hai moitas frontes abertas. Están desmantelando todos os nosos servizos públicos.

Moita xente dubidaba nun comezo da viabilidade de AGE. Como son as relacións con Anova e os outros grupos?

Contabamos co escepticismo dalgunha xente. A relación é boa, aínda que como é lóxico está a distintos niveis nas diferentes comarcas. A nivel parlamentar a relación do grupo é excelente. Levámolo dicindo dende a campaña: o importante é o que nos une, que son as necesidades do noso pobo nesta situación tan agresiva para a clase traballadora.

AGE é unha nova forma de facer política? A nivel interno que pasos ten que dar AGE para consolidarse como esa Syriza galega?

Ben, o camiño que tome a coalición débeno decidir os afiliados e afiliadas das distintas forzas. Non se debe traballar con présa, senón facendo ben as cousas.

"O importante é o que nos une con Anova, que son as necesidades do noso pobo nesta situación tan agresiva para a clase traballadora"

Como se leva á práctica ese obxectivo que Beiras e Yolanda puxeron sobre a mesa: AGE como correa de transmisión dos movementos sociais?

Estamos a manter xuntanzas con colectivos sociais dende o inicio de esta andaina, eles trasládannos a súa problemática e nos trasladámola ao traballo parlamentar. Resulta importantísima a visibilización dos mesmos. Semella que o Parlamento estaba pechado para os cidadáns e cidadás, estamos intentando cambiar isto.

Con 6 millóns de parados en España. Como é que isto aínda non estoupou?

Hai moita xente que ten medo. Os gobernos (central e autonómico) xogan a iso. Xa non só o medo á perda de traballo, que moita xente xa non ten, se non o medo á represión. Por unha parte a violencia física: agresións policiais e detencións. Pero por outro económico: multas por manifestarse, por reclamar dereitos... Que persoa desempregada se pode permitir pagar multas de centos de euros? Agora iso será aínda peor, xa que coas taxas xudiciais os pobres non terán nin dereito a defenderse.

Como se pode vencer esa sensación de que o voto non serve para nada e de que todas as decisións se toman en lugares moi afastados e non democráticos?

Como comentaba antes, a xente debe poder entrar no Parlamento. Nós somos representantes do pobo, do que eles precisan, non mandatarios do pobo. É responsabilidade nosa trasladar ao interior os seus problemas. A xente debe poder sentirse representada.

"Temos que deixar de ser espectadores para ser protagonistas das decisións que cambian as nosas vidas"

AGE conseguiu unha parte moi importante dos seus votos entre a xente máis nova. Como involucrar á xente moza na política? Que propostas lle ofrece AGE á mocidade?

As mozas e os mozos deben tomar conciencia que todo se decide de maneira política. Non só se pode facer política nun partido, senón nunha asociación, nun sindicato... Temos que deixar de ser espectadores para ser protagonistas das decisións que cambian as nosas vidas. Desgraciadamente, ao sistema capitalista interésalle que non participemos, para que sexamos máis manipulables. Interésalle dar esa versión afastada da política da xente normal. Debemos romper con iso.

Parece que Vigo é o lugar de Galicia máis afectado pola crise. Como percibes o ambiente? Por onde se sae desta crise?

Loxicamente en Vigo nótase máis esta crise porque é a cidade que tiña máis industria de Galicia. Moita desa industria xa non existe, e outra funciona con problemas. Iso incide nun menor gasto da xente e polo tanto en incidir máis na destrución de empregos. Non se sae con recortes. Sáese xerando emprego: público, cooperativismo e pequenas empresas. Se se quere pódese. Pero para iso hai que recadar máis: dos especuladores, dos grandes defraudadores, dos ricos..., os que xeraron a crise. Non é unha utopía, pódese facer, pero hai que ter vontade política. Pola contra estes gobernos inciden máis no problema atacando as clases populares.

"O Novo Hospital de Vigo debe volver ao lugar de onde non debeu saír: a titularidade pública, de todos e todas"

En Vigo estades vivindo tamén o ensaio da degradación da sanidade pública e da saúde feita negocio. Como se soluciona isto?

O Novo Hospital de Vigo debe volver ao lugar de onde non debeu saír: a titularidade pública, de todos e todas. As entidades de crédito que o "financiaban" foron rescatadas con cartos públicos, logo o hospital xa é noso, hai que nacionalizalo. Os servizos privatizados tamén deben volver ao público. A saúde non é un negocio, pero unha empresa privada coma é lóxico, busca ter beneficios, polo tanto é claramente incompatible con prestar un dereito social. Agora van a por todo: centros de saúde, equipación médica, mantemento... É un espolio en toda regra, atacando o dereito máis básico: a vida. Sen sanidade podemos morrer. Temos que defendela con unllas e dentes.

Eva Solla xunto con Juan Fajardo na sesión constitutiva do Parlamento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.