O Parlamento mantén a AGE en mudanza permanente

Beiras, durante a sesión de constitución do Parlamento © Parlamento de Galicia

"Non sería porque non soubesen que ía haber un grupo máis". Quen fala é un veterano traballador do Parlamento de Galicia, sorprendido pola situación que se está a vivir no Pazo do Hórreo coa chegada dun novo grupo parlamentario, Alternativa Galega de Esquerda (AGE). A unha semana do primeiro gran debate, o de investidura, o grupo liderado por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz aínda non ten espazo físico para traballar na sede do lexislativo galego. Non o tiveron antes do inicio formal formal da IX Lexislatura e aínda non o teñen este martes, despois de cumplimentar os trámites que os constitúen a todos os efectos como grupo parlamentario.

Aínda que o edificio foi obxecto de varias reformas nos últimos meses -houbo reparacións e melloras na sala da Xunta de Portavoces, na sala de prensa e na enfermaría e habilitouse un comedor para deputados e persoal da Cámara, ademais doutros arranxos- estes traballos non contemplaron a habilitación dun cuarto grupo parlamentario, labor que cómpre desenvolver agora a marchas forzadas. Mentres, en AGE aumenta o malestar por non dispoñer de, por exemplo, un lugar fixo para manter xuntanzas.

No Pazo do Hórreo acometéronse varias reformas nos últimos meses, pero non incluíron a habilitación dun novo grupo

Neste escenario, este martes os primeiros membros de AGE en chegar ao Hórreo foron a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, e o deputado Xabier Ron, que foron convidados a ocupar a coñecida como Sala do Estatuto -onde se negociou a fallida reforma de 2007-. "Despois mudáronos a outra sala" que, como a primeira, tampouco dispón de equipamentos que si hai no resto de grupos, tales como espazo para o persoal de prensa, conexión a internet ou ordenadores -o Parlamento recibirá, a máis tardar o día 23, 85 novos ordenadores portátiles-, e alí agardaron os seus compañeiros.

Así as cousas, dende AGE prevían que unha delegación do grupo se entrevistase este propio martes coa presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para procurar solucións. "Xa saben que existimos" e "as cousas que lles interesas póñenas rapidamente", explican dende Alternativa, ademais de recoñecer o labor dos "amabilísimos" traballadores da Cámara, os primeiros en admitir "que isto non é normal, porque non temos nin onde escribir". Malia estas dificultades os parlamentarios de AGE si mantiveron a xuntanza que tiñan prevista para, entre outros asuntos, distribuír responsabilidades dentro do grupo, como as portavocías de área e as comisións das que se ocupará cada deputado ou deputada.

Mentres se producían estas queixas no seo do grupo de AGE fontes parlamentarias aclaraban este martes a Praza Pública que a non asignación de espazos non foi debida a unha "falta de previsión", senón ao feito de que Alternativa aínda non se constituíra como grupo parlamentario. Non obstante, especifican, en días pasados puideron empregar diversas salas do edificio e, unha vez cumplimentados os trámites, xa poderán acceder ás oficinas que está previsto que ocupen. Se os novos deputados e deputadas non consideran necesario ningún "axuste" xa poderían instalarse "mañá", explican. Ademais, sinalan, xa hai "un ordenador" á disposición de AGE dende este mesmo martes.

Beiras, durante a sesión de constitución do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.