O Parlamento recibirá o seus novos ordenadores con Windows antes do día 23

Pilar Rojo pronuncia un discurso ante a Cámara © Xoán Crespo

O vindeiro día 16 constitúese o Parlamento da novena lexislatura autonómica, o último -se o PP cumpre o seu programa electoral- con 75 escanos electos. Unha semana despois, a máis tardar, o lexislativo galego recibirá os ordenadores que mercou a través dun concurso público iniciado o pasado setembro para, por vía de urxencia, adquirir 85 portátiles e outras tantas impresoras. Ese é o día no que expira o prazo para realizar a entrega dos equipos, toda vez que o prego de condicións do concurso establecía que non podería transcorrer máis dun mes dende a formalización definitiva do contrato, celebrada o 23 de outubro coa empresa adxudicataria, El Corte Inglés.

Atendendo ao que figuraba no devandito prego e tal e como adiantou Praza Pública, os deputados e deputadas non terán a opción de elixir con que sistema operativo queren traballar nuns ordenadores portátiles que, por outra banda, veñen amosar de novo a escasísima utilidade dos ordenadores adosados aos escanos, instalados por orde da Presidencia cando rexía a institución Dolores Villarino. Segundo este documento o Parlamento reclamou que os equipos informáticos traian instalado Windows 7 na súa versión profesional e que as impresoras, á súa vez, teñan garantida a "compatibilidade" co sistema operativo de Microsoft.

O impacto do contrato nas arcas públicas será de 119.000 euros

Malia á existencia de múltiples alternativas de software libre -algunhas promovidas pola propia Xunta como Galinux- e aínda que Microsoft está xa a lanzar unha nova versión do seu produto estrela, o Parlamento decántase por unha compra que, malia non amosar o desglose do contrato, encarece notablemente a compra, dado que as licenzas de Windows na versión que está a mercar roldan os 200 euros. Neste contexto, o paquete total de ordenadores e impresoras terá un impacto total nas arcas públicas de 119.049,28 euros, a "oferta economicamente máis vantaxosa", segundo os documentos da contratación, e que rebaixa en apenas 3.000 euros o importe que o Parlamento fixou na licitación -cantidade que estaba disposto a pagar como máximo-.

Coa formalización deste contrato ademais dos equipos informáticos a Cámara galega faise tamén cunha serie de servizos asociados, como unha garantía de catro anos ou o mantemento. Deste xeito, El Corte Inglés terá que responder as posibles incidencias técnicas en trinta minutos "dende a notificación" se esta se produce entre as oito da mañá e as oito da tarde, de luns a venres. A avaría terá que estar solucionada en corenta e oito horas e, se non o está, a empresa "deberá proceder á substitución do equipo por outro de similares características" ata que o orixinal funcione con normalidade.

 

Pilar Rojo pronuncia un discurso ante a Cámara © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.