O Parlamento redúcelles iniciativas a AGE e BNG para encaixar o Grupo Mixto

Reunión da Xunta de Portavoces © Parlamento de Galicia

Treboada política no inicio do ciclo electoral. A Mesa do Parlamento, órgano reitor da Cámara no que sentan PP e PSdeG, e mais a Xunta de Portavoces abordaron este martes o inicio do novo período de sesións. Para comezar, a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, informou de que a Mesa xa lle dera o visto e prace ao novo reparto dos cupos de iniciativas nos plenos para cada forza política co obxectivo oficial de encaixar o Grupo Mixto, engrosado o pasado novembro con Consuelo Martínez que, como antes Carmen Iglesias, abandonara AGE. O resultado é un recorte á capacidade de intervención de Alternativa Galega de Esquerda e do BNG, que conxuntamente acusaron os maioritarios de tentar "amordazalos" e xa din valorar o empredemento de "accións legais" ante o Tribunal Constitucional.

O resultado do novo reparto é que tanto AGE como o Bloque perderán a posibilidade de formular dúas proposicións non de lei por período de sesións -catro ao ano-, unha interpelación ao Goberno e a súa conseguinte moción e unha pregunta aos conselleiros. Ademais, o efecto publicamente máis rechamante da medida é que, por primeira vez dende que o lexislativo galego deixou de ter só tres formacións nas súas bancadas, a cada un destes grupos impediráselle formularlle unha pregunta ao presidente da Xunta nun pleno de cada período de sesións, dúas ao ano. Todas estas iniciativas pasarán ao Mixto, que a través de Martínez acolleu de bo grao a ampliación, pero rexeitou que se realice en detrimento de AGE e BNG por ser "inxusto".

Alternativa e Bloque perden o dereito a preguntarlle a Feijóo nun pleno por período de sesións, contradicindo unha resolución vixente dende 2005

A imposibilidade de participar en todas as sesións de control ao presidente é, precisamente, o que os grupos prexudicados coidan que vai contra a normativa parlamentaria vixente. Afírmano apelando a unha resolución da Mesa do Parlamento datada en agosto de 2005 que tiña como intención responder á "vontade" do daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de responder en cada pleno a "unha pregunta oral formulada por cada un dos portavoces dos grupos parlamentarios". En virtude daquela resolución, que nunca foi modificada ou derrogada, "o número de preguntas dirixidas ao presidente" en cada pleno "será dunha por grupo parlamentario". "Se os portavoces presentasen varias, o número máximo será de tres preguntas por grupo e, delas, o presidente (...) elixirá unha para darlle resposta", especificaba aquel acordo.

Reaccións dos grupos

Jorquera ve unha "escenificación do futuro pacto PP-PSOE" e lembra que "o BNG ten os mesmos deputados" que ao inicio

A coincidencia no tempo desta nova regulamentación co pacto entre populares e socialistas no Estado para reformar a lexislación antiterrorista serviulles a AGE e BNG para observar, en verbas de Yolanda Díaz, un exercicio de "bipartidismo rampante" que para o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, vén supoñer unha "escenificación do futuro pacto PP-PSOE". "O BNG ten os mesmos deputados e deputadas que ao inicio da lexislatura", polo que "o noso peso proporcional non variou". "Que haxa un grupo máis non ten por que supoñer a alteración do número de iniciativas" do Bloque nin "dos compañeiros de AGE" coa xustificación de que "os plenos serían demasiado longos". O BNG, di, "non ten ningún problema en prolongalos", mesmo se cómpre, "tres días e de maneira semanal".

Beiras: "É inaceptable que por un problema xurdido en AGE teña que pagar o BNG"

Tamén o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, observa "sintonía" entre PP e PSdeG no que, ironicamente, se pregunta se é a "primeira desas medidas de impulso democrático frijolaino". "Houbo dous problemas dentro do grupo de AGE, tentamos xestionalos como se puido e castígase a quen padece o problema", di, nun contexto no que considera aínda máis "inaceptable" que "por un problema xurdido en AGE teña que pagar danos colaterais o BNG, que non tivo arte nin parte" nel. "Eu dixen taxativamente que tivesen o coraxe de cargarlle os custes exclusivamente a AGE", pero negáronse, censura, nun contexto no que Díaz "supón", retranqueiramente, que PP e PSOE "se darán amor" nas sesións de control no canto de "someter a control ao presidente da Xunta".

Romeu nega "ningún acordo co PP" e atribúe as críticas ao "comezo do período preelectoral"

Pola banda socialista o seu voceiro, José Luis Méndez Romeu, nega que a aceptación do novo reparto supoña "ningún tipo de acordo co PP para reducir o número de iniciativas" de AGE e BNG. Ao seu xuízo, as críticas contra o PSdeG débense ao "comezo do período preelectoral dunha das formas máis tristes, como son as liortas entre a oposición". Falar dun pacto do bipartidismo é para Romeu unha "falla de respecto á verdade", toda vez que a orixe do acontecido é unha "crise interna e a escisión dun grupo parlamentario". A posición socialista, afirma, é apoiar "calquera solución de transición" que "respecte a proporcionalidade" ata que "os grupos acorden unha distribución idferente ou se acade unha reforma do Regulamento que contemple ao Grupo Mixto. 

Dende o PP a súa vicevoceira, Marta Rodríguez, coida que a proposta é "necesaria e razoable" porque, afirma, responde ás "normas de xogo acordadas de xeito unánime ao inicio da lexislatura", aínda que supoña restarlle iniciativas unicamente a dous grupos. Segundo a conservadora as protestas de AGE e BNG son "ridículas" porque, por exemplo, o Bloque "con sete deputados, ten dereito a presentar case as mesmas iniciativas que o PP". Ademais, afirma, "hai un acordo da Mesa" que "di que non habería máis de tres preguntas por pleno" ao presidente, afirmación que non se corresponde co texto aprobado en 2005.

Regulamentación das preguntas ao presidente, aprobada en 2005 (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.