O pasado 21 de decembro, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) presentou no rexistro do Parlamento unha petición -dirixida ao presidente da cámara- para que a institución renda homenaxe aos 179 galegos que estiveron presos nos campos de concentración nazis. A entidade propón o vindeiro 27 de xaneiro, Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto, como data para esta homenaxe e salienta que máis dun mes despois do seu rexistro, a súa solicitude aínda non tivo resposta.
A ARMH solicita que se realice un acto de conmemoración "no que se lean os nomes de todos e cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subir nos trens da morte"
No texto da proposta, a ARMH solicita que se realice un acto de conmemoración "no que se lean os nomes de todos e cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subir nos trens da morte, que morreron alí ou que foron liberadas pero nunca puideron regresar ao lugar no que naceran porque a ditadura franquista lle negou o dereito a regresar a seu país de orixe".
Hai unha semana a presidenta da Asemblea de Madrid negouse a nomear os 546 madrileños presos en campos de concentración nunha homenaxe que a cámara autonómica vai realizar ás vítimas do nazismo. Paloma Adrados (PP) rexeitou a petición da ARMH ao considerar que é un "acto que transcende fronteiras" e que sería necesario nomear aos millóns de vítimas do holocausto.
Un total de 10.000 presos españois remataron nos campos nazis, nomeadamente no de Mauthausen, coa conivencia e o acordo do réxime franquista. Deles, 179 eran galegos. 78 dos prisioneiros procedían da provincia da Coruña, 35 de Ourense, 34 de Pontevedra e 33 de Lugo, sendo a propia cidade da Coruña, con 21 persoas a localidade galega con máis presos nos campos nazis. Vigo (11), Ourense (7), A Pobra do Caramiñal (6), Pontevedra (6), Ferrol (5), Vilagarcía (5), Lugo (4) ou Mugardos (4) suman tamén grupos numerosos.
Deses 179, 122 faleceron nos propios campos, e entre eles 16 foron sometidos a macabros experimentos e operacións por parte dos médicos nazis. Xa non está vivo ningún dos case sesenta galegos que saíron vivos dos campos nazis. O último faleceu hai uns anos en Teis (Vigo). Entre os supervivintes atopamos historias curiosas, coma a de Juan José Casal Chao Chucho, cabo da Mariña Republicana nacido en Fene, pois foi o único que regresou a España mentres aínda vivía Franco (a maior parte quedou a vivir en Francia). Fíxoo en 1970 e traballou nunha empresa auxiliar de Astano. Ou Marcelino Pardal Pouso Xelo, que nos anos trinta era futbolista do Racing de Ferrol, e que en boa medida salvou a vida pola súa habilidade futbolística, pois foi incorporado polos nazis a un dos equipos dos campos, que xogaban partidos por cuestións propagandísticas ou de simple entretemento; trala liberación quedou a vivir na localidade francesa de Beziers.
A entidade salienta que máis dun mes despois do seu rexistro a súa solicitude aínda non tivo resposta
Nos últimos anos comezaron a realizarse as primeiras homenaxes sobre este grupo de galegos que pasou polos campos nazis de exterminio, destacando sobre todo o traballo Galegos en Mauthausen, de Enrique Barrera, que inclúe unha peza audiovisual realizada por Xosé Abad e Sandra García Rey sobre os presos galegos en Mauthausen.